“Con Panorama ou sen Panorama, Monforte vai ser o mesmo. Pero non sen dignidade". É o resumo que o alcalde da vila lucense, Severino Rodríguez, fai do sucedido nas últimas semanas. Todos os concellos galegos queren contar cunha actuación da orquestra Panorama nas súas festas. Pero isto non sempre é doado (cómpre reservar a data con meses de antelación), nin barato (o prezo sitúase ao redor dos 18 mil euros por concerto no verán), e ás veces inclúe unha serie de condicións suplementarias que moitos gobernos municipais aceptan, pero outros non. Unha desas condicións adoita ser que se se quere ter a Panorama nas festas, debe serlle concedida a esta empresa (Espectáculos Lito, que é tamén promotor de Combo, París de Noia e doutras 80 orquestras) a organización dos restantes eventos festivos. Ou todas as festas, ou quedas sen Panorama.
Monforte convocou un concurso público para a organización dos restantes espectáculos; presentáronse dúas propostas: a de Espectáculos Lito e a dunha empresa monfortina, que obtivo unha maior valoración e que polo tanto gañou a concesión
Algo así sucedeu en Monforte. O verán pasado o alcalde da vila, Severino Rodríguez, apalabrou unha actuación da Panorama para o vindeiro 12 de agosto, no marco das festas da vila, un acordo que confirmou hai uns poucos meses. Porén, unhas festas son moito máis que o concerto da Panorama, así que o Concello de Monforte convocou un concurso público para a organización dos restantes espectáculos; presentáronse dúas propostas: a de Espectáculos Lito e a dunha empresa monfortina, que obtivo unha maior valoración e que polo tanto gañou a concesión. Poucos días despois a Panorama cancelaba o seu concerto en Monforte. Cando Severino Rodríguez chamou aos responsables de Espectáculos Lito para coñecer as razóns da cancelación, estes dixéronlle, directamente, que "ou facemos nós todas as festas ou non imos” e que así era a súa forma habitual de operar. Para Rodríguez, a proposta constituía "unha chantaxe inaceptable", engadindo que "Gústelles ou non, aquí as cousas fanse con transparencia".
Porén, non quedou aí a cousa. Uns días despois Severino Rodríguez recibiu unha chamada do alcalde de Sober, para informalo de que a Panorama se dirixira a el para ofrecerlle unha actuación da orquestra para o mesmo 12 de agosto por tan só 9000 euros, a metade do prezo habitual. Tamén o chamou un concelleiro de Chantada, comunicándolle que recibira unha oferta semellante, que Espectáculos Lito tamén se realizou a Sarria, neste caso rebaixando o prezo até os 6000 euros. Os responsables municipais dos tres concellos proximos a Monforte rexeitaron uns ofrecementos, moi tentadores, que buscaban contraprogramar as festas monfortinas cunha atractiva actuación da Panorama.
Non é o único caso. En Compostela, nas pasadas festas da Ascensión, a decisión do goberno municipal compostelán de non contratar ningunha orquestra de Espectáculos Lito, fixo que esta empresa organizase unha festa (coa Panorama e Combo) na parroquia do Eixo (nas aforas da cidade), para contraprogramar e deixar sen público os eventos e concertos organizados nas festas públicas. Segundo o Concello de Santiago, este ano decidiuse reducir á metade a porcentaxe de espectáculos contratados a Lito, que antes representaban o 80% do total, para dar entrada a outras empresas e poder ter máis concertos polo mesmo prezo.
“Se tivese que volver atrás, faría o mesmo”, destaca Severino Rodríguez, que sinala que “con Panorama ou sen Panorama, Monforte vai ser o mesmo. Pero non sen dignidade"
“Se tivese que volver atrás, faría o mesmo”, destaca Severino Rodríguez, que sinala que “con Panorama ou sen Panorama, Monforte vai ser o mesmo. Pero non sen dignidade", ao tempo que agradece o apoio recibido por parte de moitos veciños e veciñas nos últimos días, e critica a actitude amosada polos voceiros municipais de PP e PSOE: "é lamentable que nesta situación se poñan do lado da empresa e non da súa cidade" Os 18.000 euros que se lle ían a pagar ao Panorama destinaranse ás actuacións de Soraya Arnelas, OBK e o grupo América.