O Boletín Oficial do Estado deulle para diante a unha directiva da Unión Europea que establece que toda biblioteca de localidade maior de 5.000 habitantes terá que pagar un canon por libro prestado ou por usuario do centro ás sociedades de autores e editores. O 1 de agosto saíu publicado no BOE este real decreto que implica que por cada libro que se preste (desde 2016) ou cada usuario rexistrado a biblioteca (desde xa) terá que pagar ás asociacións de autores unha cantidade que sairá, obviamente, dos seus fondos e, xa que logo, dos minguados fondos das administracións locais.
Os concellos deben pagar cinco céntimos por cada usuario e 16 por cada libro que compren para os seus fondos
Os concellos deberán pagar 0,004 euros por cada vez que unha biblioteca pública preste un libro a un cidadán, un concepto que comezará a aplicarse en xaneiro de 2016. Non obstante, e desde xa, as administracións locais terán que pagar cinco céntimos de euro por cada usuario que empregue este servizo cando menos unha vez ao ano. Ademais, e mentes non entre en vigor o pago por obra, deberán pagar 16 céntimos por cada libro que compren para os seus fondos, algo que xa se establecera en 2007 a través dun pagamento total e fixo. Os centros que dependen da Xunta e os nodais líbranse deste novo canon.
"É o colmo porque as bibliotecas municipais xa están a ser as grandes olvidadas; traballamos moitísimo a prol da cultura e tan só recibimos golpes a través de orzamentos baixos... E agora isto. A medida é inaxeitada e estamos totalmente en contra", denunciaba a Asociación de Bibliotecarios Municipais de Galicia (ABMG). Agora, é Anabad (Asociación de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas de Galicia) quen denuncia que se faga "recaer o peso do pago sobre os concellos", sendo estes os servizos "máis próximos á cidadanía e que máis invisten en cultura e infraestruturas culturais" e que, contrariamente, "son as que menos recursos dispoñen e que teñen que facer un sobreesforzo sobre os seus minguados orzamentos".
"Faise recaer o peso do pago sobre os concellos, os que máis invisten en cultura e os que menos recursos teñen para facer un sobreesforzo"
Tal e como lembra tanto a ABMG como Anabad, as bibliotecas "levan anos de caída dos seus orzamentos", polo que "non poden facer fronte a un canon que as vai afogar aínda máis". As dúas asociacións de bibliotecarios agardan ao xeito no que se vai exixir o pago ás administracións locais, pero xa advirten de que, polo momento, o decreto non ten en conta as diferentes realidades dos sistemas bibliotecarios. En Galicia, por exemplo, non hai un carné de usuario único, polo que hai moita xente que é socia de máis dun centro, o que "obrigaría a pagar máis dunha vez polo mesmo usuario".
Alén diso, son moitas as bibliotecas que "teñen socios doutros concellos ademais dos do propio", tal e como advirte Anabad. Con este decreto, obrigarase aos municipios a pagar por usuarios que non viven na localidade. Ademais, a nova normativa pode provocar situacións surrealistas, como que a biblioteca que máis libros preste acabe sendo a máis prexudicada e teña problemas para obter os fondos que lle permitan renovar a súa colección, segundo advirten tamén a ABMG.
"As bibliotecas con máis fondos e préstamos, a máis prexudicadas"
"As bibliotecas que prestan máis servizo e que teñen máis fondos e maior número de préstamo son prexudicadas ao teren que achegar máis por dar un maior e mellor servizo o que repercutirá en que teñen que baixar o seu nivel de calidade e de servizos prestados e mesmo das súas adquisicións", asegura Anabad nun comunicado no que lembra tamén que "nas bibliotecas de menor tamaño e/ou con menores orzamentos pódese dar a paradoxa de que o pago do canon sexa maior que o seu orzamento para adquisicións de obras".
"As mellores bibliotecas terán que reducir a súa calidade, os seus servizos e mesmo as súas adquisicións"
"Obrígase ás bibliotecas a ter que prestar menos servizos, realizar menos compras e menos préstamos para que os concellos propietarios da biblioteca poidan pagar menos cantidade polo canon", resume Anabad, que cre que "os autores tampouco saen gañando con este canon". A asociación di "crer no dereito dos autores a recibir ingresos por compensación do uso das súas obras", tal e como se recolle na Lei de Propiedade Intelectual, pero considera tamén que iso "non pode ser incompatible coa difusión pública da cultura", algo que tamén beneficia os escritores que ven difundidas as súas obras.
"Non se pode facer recaer o peso da remuneración aos autores sobre as bibliotecas municipais, e os concellos, que prestan os seus servizos de proximidade á cidadanía e que promoven a lectura e a cultura", di Anabad, que cre que o Estado debe "establecer coas sociedades de xestión de dereitos de autor un pago único anual polos servizos prestados nas bibliotecas que non obrigue a xogar cos números sobre usuarios inscritos, préstamos realizados e adquisicións de obras".
"Non se pode facer recaer o peso da remuneración aos autores sobre as bibliotecas municipais"
Ademais, tamén considera que debe ser o Estado e/ou as comunidades autónomas as que "deben facer efectiva a remuneración aos autores sen que recaia o peso nos concellos" e comprométese a apoiar calquera iniciativa para "facer desaparecer ou minimizar o impacto deste canon nas bibliotecas públicas".
De feito, xa houbo mocións en varios concellos para situarse en contra desta medida. O pleno do Concello de Foz, por exemplo, rexeitou a nova normativa por unanimidade. En Galicia hai máis de 300 bibliotecas públicas e, aínda que a idea é que o canon non afecte a aqueles municipios de menos de 5.000 habitantes, a situación para vilas e cidades -e canto máis lectores peor- non será doada. Sobre 160 estarán obrigadas a pagar.