Dende hai máis dun ano non hai salas de cinema no centro de Santiago. Dende que pecharon os históricos Cines Valle Inclán só o mes de Cineuropa e a actividade do Cineclube permiten acceder na pantalla grande a filmes que vaian alén do circuíto das grandes distribuidoras e, sobre todo, gozar do cinema sen ter que se mergullar nos corredores dun enorme centro comercial. Do Cineclube, precisamente, veñen parte da sementes que están a facer xermolar NUMAX, que dende hai meses traballa para devolverlle o cinema ao centro da capital galega dende unha óptica independente e cooperativa e que agora se lanza á procura de apoios.
O proxecto de NUMAX está xa notablemente avanzado e desenvólvese na compostelá rúa de Concepción Arenal, moi preto do que fora o mítico Cine Capitol, que actualmente funciona como unha das salas de concertos de referencia no país. "Este proxecto -explican as persoas que o promoven- permitirá que a veciñanza da cidade teña de novo a oportunidade de acudir cada tarde á que será a única sala independente de Galicia en versión orixinal". Disporán de 70 butacas nunha sala "equipada coa última tecnoloxía de proxección dispoñíbel para o cinema dixital".
NUMAX será a única sala independente do país en versión orixinal, terá 70 butacas e proxeccións diarias de martes a domingo
A programación de NUMAX non será puntual, senón estable e continua. "Traerá a Compostela entre 6 e 8 filmes diferentes por mes, con proxeccións diarias de martes a domingo". Na programación combinaranse "as últimas estreas, que hai tempo que non se poden ver na cidade" coa "reposición de filmes clásicos en copias acabadas de dixitalizar e o descubrimento de novos e novas cineastas que fican fóra dos circuítos de distribución habituais".
Máis que un cinema
NUMAX non será só un cinema. Nos seus case 200 metros cadrados nacerá tamén "unha libraría de literatura, arte e pensamento e un estudo de deseño gráfico, comunicación e produción audiovisual". "A integración e cooperación entre estas tres áreas -sinalan- quere facer do local un lugar de encontro e intercambio para a cidadanía". Todo isto farase baixo a forma legal de cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro, formada por catro persoas socias con expediencia no ámbito da creación e da difusión cultural: Irma Amado, Ramiro Ledo, Xosé Carlos Hidalgo e Pablo Cayuela.
O proxecto suma xa 113 avalistas e procura "un empurrón máis"
Para que o proxecto poida estar en marcha a comezos de 2015 NUMAX busca agora implicar aínda máis xente. De inicio contan xa cun préstamo de 300.000 euros da cooperativa de servizos financeiros Coop57, que empregarán para "construír, equipar e poñer en marcha o proxecto" se o grupo promotor é quen "de sumar, a través de avais persoais de entre 1.000 e 5.000 euros, a totalidade do importe". Na actualidade contan xa con 113 persoas avalistas que xuntaron xa 225.000 euros. "Para cumprir cos obxectivos" resta "un empurrón máis". Quen desexe sumarse pode informarse das condicións na web de NUMAX.