O Ateneo Ferrolán chama a cidadanía a defender a continuidade da entidade

O Ateneo realizou unha actividade cultural moi importante dende os anos setenta © Ateneo Ferrolán

Este mércores comeza nos xulgados de Ferrol o xuízo que pode provocar a desaparición do Ateneo Ferrolán, unha entidade cultural de historia centenaria e que, refundada nos anos setenta, vén sendo dende entón un motor da cultura na cidade. A empresa Mudanzas Felix, S.L. reclámalle ao Ateneo o pagamento de 39.000 euros, importe do traslado e almacenamento do seu patrimonio co gallo das obras de rehabilitación da sede da entidade. Porén, o traslado e almacenamento da biblioteca, hemeroteca e enseres do Ateneo, a comezos de 2011 non foi unha iniciativa desta entidade, senón que se fixo por esixencia do Concello de Ferrol e da dirección de obra, co compromiso de que o Ateneo nunca tería que facer un desembolso económico para o que non tiña capacidade financeira

A anterior xunta directiva, presidida por Ramón Veloso, chegou a un acordo verbal co concelleiro de Urbanismo, Guillermo Evia, para que fose o Concello quen recuperase os bens do Ateneo con cargo ás arcas municipais. Porén, en 2011 cambia o goberno municipal e o Concello muda os seus plans, negándose o novo goberno do Partido Popular a asumir o pagamento deste gasto.

Por este motivo, e ante a gravidade da situación actual, o Ateneo Ferrolán convoca unha concentración o próximo martes ás 20 horas. na Praza de Armas para esixirlle ao Concello que "asuma os gastos de traslado e almacenamento do patrimonio da entidade". A decisión de convocar esta concentración foi adoptada o pasado día 8, nunha asemblea aberta celebrada coas diferentes asociacións do tecido asociativo e cultural da cidade.

 

Unha entidade centenaria

O Ateneo Ferrolán convoca unha concentración o próximo martes ás 20 horas. na Praza de Armas para esixirlle ao Concello que "asuma os gastos de traslado e almacenamento do patrimonio da entidade"

O Ateneo de Ferrol fundouse en 1879 e durante os últimos 135 tivo sempre un papel moi importante na promoción da cultura na cidade, unha actividade só interrompida durante os periodos de ditadura. Tras o franquismo, a entidade refundouse como Ateneo Ferrolán, e dende 1983 ocupa un fermoso edificio no número 202 da rúa Madalena. En 2008, a raíz dun problema de pingueiras no teito, o Concello decide a rehabilitación completa do inmoble, unhas obras nas que investiu 1,2 millóns de euros. Por mor das obras, os fondos do Ateneo -unha biblioteca de dez mil volumes e unha valiosa hemeroteca- tiveron que ser alamcenados por unha empresa de mudanzas.

O Ateneo, presidido na actualidade polo historiador Eliseo Fernández, iniciou hai uns meses unha campaña pública, Salvemos o Ateneo, para alertar na comarca e en toda Galicia da situación que se está a vivir e do perigo que vive unha institución cultural cun século de actividade. Os responsables do Ateneo consideran que con esta estratexia, o alcalde Rey Varela busca "castigar" un "traballo cultural crítico realizado polo Ateneo que resulta incómodo para o actual goberno municipal".

"O Ateneo é unha entidade molesta para un goberno municipal autoritario, que non acepta a discrepancia nin tampouco as expresións de cultura participativas e populares que caracterizan ao Ateneo de Ferrol, en colaboración con boa parte do tecido asociativo e das creadoras e creadores da cidade", denuncian. Sinalan igualmente que "esta cultura popular e participativa pon en evidencia a nefasta política cultural do Concello de Ferrol, que despilfarra enormes recursos económicos sen ningún sentido". "Unha política cultural asentada no papanatismo que prima o foráneo fronte ao local, que inviste auténticas fortunas na rehabilitación de edificios que despois permanecen infrautilizados, e que externaliza a xestión dos espazos culturais a través dunha desas empresas especializadas na xestión de servicios municipais", engaden.

"O Ateneo é unha entidade molesta para un goberno municipal autoritario, que non acepta a discrepancia nin tampouco as expresións de cultura participativas e populares"

Á negativa a cumprir o seu compromiso de facer fronte á debeda contraída coa empresa de mudanzas súmase o feito de que dende a reapertura do edificio tras a súa rehabilitación, o Concello restoulle á institución cultural boa parte do espazo que ocupaba anteriormente, instalando alí outras tres asociacións e relegando o Ateneo ao último andar, a pesar de que en 2008 o pleno municipal aprobara por unanimidade a cesión indefinida do edificio ao Ateneo. O Concello tamén fixo desaparecer do exterior do edificio os elementos identificativos do Ateneo e vén negándose sistematicamente a conceder calquera axuda económica a Ateneo, "mesmo as que se mantiveran en anos anteriores e con gobernos municipais de moi diverso signo político", denuncian os responsables da entidade.

Edificio do Ateneo Ferrolán © Turgalicia
O Ateneo levou a cabo unha importante obra de rehabilitación no seu edificio © Ateneo Ferrolán
O Ateneo realizou unha actividade cultural moi importante dende os anos setenta © Ateneo Ferrolán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.