"Se non tes personalidade propia, non existes no panorama internacional..., nin no local, vaia"

Pela del Álamo, director do festival © Tamara de la Fuente

Volve o Curtocircuíto. O Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela chega á súa undécima edición buscando gañar un oco entre o gran número de festivais cinematográficos que se celebran, e procurando converterse nun referente máis aló de Galicia no ámbito das curtametraxes. Outro dos obxectivos é facer máis estreita aínda a vinculación do festival coa cidade, cos seus distintos espazos e co seu tecido cultural. De feito, nesta edición o Curtocircuíto colaborará co Cineclube de Compostela en varias das súas sesións.

O evento, que presentará nos vindeiros días a súa programación completa, combinará as seccións competitivas (nas que participarán 50 pezas) coas non competitivas, reservando unha retrospectiva ao autor canadense no Mike Hoolboom, referencia absoluta do cinema de vangarda ao longo das últimas tres décadas. Ademais, ofrecerá outra, "dedicada a un autor portugués moi novo e moi ghamberro".

Outra das seccións que xa teñen un espazo asegurado no festival é a denominada Planeta GZ, dedicada ás máis recentes producións do cinema galego e que de seguro amosará a vitalidade e calidade dos novos e novas realizadoras de Galicia. Xamón (Iria López), Matanza (Marcos Nine), Curricán (Alberto Gago), Fogar, fogar (Carlos Alonso Ojeda), Camping Wesertal (Hugo Amoedo), Everest (Rafa de los Arcos), Diario de Baleeira (José Ignacio Canosa Vaquero), Pettring (Eloy Domínguez Serén) e Ser e Voltar (Xacio Baño) foron os traballos seleccionados para a sección. En total, o festival recibiu máis de 3.400 curtametraxes interesadas en participar. Falamos co realizador Pela del Álamo, que xa dirixiu a edición do pasado ano, e que neste 2014 quere darlle continuidade ao proxecto iniciado entón.

"O novo Curtocircuíto é un festival compacto, intenso, ambicioso, consciente do seu potencial e tamén das súas limitacións"

Como é o novo Curtocircuito? En que queredes centrar a edición 2014?

O novo Curtocircuíto é un festival compacto, intenso, ambicioso, consciente do seu potencial e tamén das súas limitacións. É un festival onde se pode ver cinema de autor de calidade para todos os públicos. Un punto de encontro para cineastas, cinéfilos, curiosos, estudantes e público en xeral. É un lugar onde sempre haberá un oco (moi grande) para os traballos máis innovadores e arriscados, para os diferentes… Unha iniciativa que ten como valores a contemporaneidade e o risco, sen deixar de lado o seu carácter integrador coa cidadanía. No 2014, ademais de testear e comunicar ben a nova liña da sección oficial, queremos darlle moito bombo ás dúas retrospectivas que faremos. Unha, a do canadense Mike Hoolboom, que estará connosco, a outra, dedicada a un autor portugués moi novo e moi ghamberro.

"Sen identidade non hai festival. A identidade vén dunha filosofía determinada, dunha liña editorial, dunha estética corporativa que non é aleatoria… E tamén do equipo humano, do trato que se lle da ao público, aos convidados"

Entendo que a especialización, dotar dunha identidade clara a un evento coma este, é imprescindible, para que un festival non se dilúa, verdade?

É esencial. Sen identidade non hai festival. A identidade vén dunha filosofía determinada, dunha liña editorial, dunha estética corporativa que non é aleatoria… E tamén do equipo humano, do trato que se lle da ao público, aos convidados… todo iso conforma a imaxe do festival. Se non tes personalidade propia, non existes no panorama internacional..., nin no local, vaia.

"Curtocircuíto creouse un ano antes que Play-Doc e seis antes que o (S8). Porén, lévannos vantaxe e ben merecida. A diferenza é que, dende o principio, eles apostaron por un modelo definido"

Supoño que algúns festivais próximos (xeografica e emocionalmente) como (S8) e Play-Doc funcionan como un referente para vós: Festivais pequenos, cunha certa especialización, con redes ben tecidas e unha calidade nas súas seleccións que lles permitiron asentarse no panorama internacional...

Dende logo que son referentes. Amigos e referentes, tanto o (S8) coma o PlayDoc. Curtocircuíto é o máis antigo dos tres, creouse un ano antes que Play-Doc e seis antes que o (S8). Porén, lévannos vantaxe e ben merecida. A diferenza é que, dende o principio, eles apostaron por un modelo definido que foron madurando ata chegar ao que son hoxe. En Curtocircuíto púxose sempre moito empeño pero nos tres primeiros anos non houbo un modelo claro de festival. Coa chegada de Tim Redford e coa experiencia adquirida neses anos previos si que se foi definindo o festival. Buscábase un modelo parecido ao de Clermont-Ferrand pero algo máis pequeno. Esta proposta chegou a ter o seu éxito porque Tim sabía o que facía e o festival contaba, non só co financiamento, senón coa complicidade da administración, algo esencial. O problema é que o Curtocircuíto sufriu varios cambios de datas (algo terrible para este tipo de eventos) e sobre todo, ao meu entender, procurábase un modelo demasiado ambicioso en canto á cantidade de contidos e sedes. Isto non era un problema en si mesmo, pero se o contextualizamos en Santiago, onde non hai tantos miles de cinéfilos como en Francia, si o era.

A pesar de seguir contando con financiamento institucional, o festival deixou de coidarse dende as administracións, que co pretexto da crise, foron diminuíndo apoios ata que en 2013 case non se celebra. Nesas condicións Tim Redford tivo case imposible consolidar o modelo polo que loitara. Bastante aguantou. Mentres tanto, (S8) e Play-Doc, que non pertencen a ningunha administración, aínda que sufriron (e moito) os golpes da crise, foron libres para capear o temporal sen renunciar á súa esencia. Iso, hoxe, fíxoos máis fortes. Certo é que cada ano teñen que partir as costas para levantar o financiamento, pero os seus respectivos discursos están moi claros e esa perseverancia levounos ao lugar que ocupan hoxe. Tanto uns coma os outros son uns valentes. En definitiva, nesta nova etapa na que nos estamos redefinindo, Curtocircuíto persegue ese modelo de festival compacto, ben definido, conectado coa escena internacional, con programación de calidade e con moita personalidade. E dende aí, hai que medrar, pero non en tamaño, senón en calidade.

"Dadas as circunstancias, todo o mundo curra dende a resistencia e nós en Curtocircuíto aprendemos de todos. Sempre"

Ah! Aínda que non os mencionas na pregunta, non esquezamos que en Galicia hai outros pequenos festivais como a Mostra de Curtas de Noia ou o FICBueu que aí van estando ano tras ano, resistindo. Por non falar de Cans, que aínda que é moi diferente a nós, é un éxito permanente de público e xoga un papel moi importante no audiovisual galego. Dadas as circunstancias, todo o mundo curra dende a resistencia e nós en Curtocircuíto aprendemos de todos. Sempre.

Como queredes que sexa a relación de Curtocircuito coa cidade, tanto cos espazos, coma co tecido cultural e o público?

Somos un festival público, a relación ca cidadanía é clave. Sen público non somos nada. Temos que ser quen de comunicar ben o festival para chegarlle a canta máis xente mellor, sen renunciar aos nosos valores, claro. Por outra banda hai que atopar sinerxías con outros festivais e iniciativas da cidade, a colaboración e interactuación son moi importantes nun espazo como Santiago onde hai tal cantidade de oferta. Con todo, polo de agora queremos empregar unicamente tres espazos para evitar a dispersión. O CGAC para a formación, encontros e as propostas de perfil máis profesional. De 11 da mañá a 6 da tarde todo ocorre alí. Polas tardes e noites, de seis e media e até a unha e media, mudámonos ao Teatro Principal como sede das proxeccións, onde o público ten un punto de encontro. E a Zona C como espazo multiuso: proxeccións, formación, oficina de información. 

Como é o público do cinema en Santiago?

Por un lado, Santiago ten un potencial tremendo en canto a espectadores: estudantes, cinéfilos, axentes culturais, clase media con certa inquedanza cultural… Nese sentido é un caramelo. Cineuropa fixo un labor encomiable nestes vinteoito anos, xerando inercias moi produtivas para nós e para os outros festivais de cinema da cidade.

Ao tempo, para o tamaño que ten, esta cidade xera unha programación cultural tan ampla –tanto institucional como independente– que a xente non vai a todo o que hai. Por iso temos que fiar moi fino de tal forma que a xente decida dedicar o seu tempo libre a este festival de cinema e non a calquera outra actividade. Non é sinxelo destacar, xa que ao longo do ano hai propostas culturais do máis interesante. Con todo, sabemos cal é o noso público de base, pero é importante chegar ao conxunto da cidadanía. Só así se fai cidade. Se nos conformásemos co público cinéfilo, terminaríamos por caer nunha endogamia autocompracente, e iso non pode ser. Por todo isto, creo que o público en Santiago é imprevisible.

"Hai curtas galegas cunha gran factura que están tendo un percorrido moi digno por festivais e que en condicións normais teriamos seleccionado sen dubidalo pero este ano quedaron fóra"

Planeta GZ serve como escaparate da actual riqueza creadora do cinema galego?

Dende logo que é un escaparate. Ata hai uns anos –e o programador que non recoñeza isto non é honesto– nas seccións definidas pola súa territorialidade (estatais ou galegas) había que coller un pouco de todo para que o conxunto mantivera un nivel interesante. Este ano, de entre toda a heteroxeneidade de producións galegas, puidemos escoller unha serie de obras e completar un programa dobre sen saírnos da liña que Curtocircuíto quere practicar. Iso é un bo síntoma, un luxo de feito. Hai curtas galegas cunha gran factura que están tendo un percorrido moi digno por festivais e que en condicións normais teriamos seleccionado sen dubidalo pero este ano quedaron fóra. E iso que enchemos un programa dobre con curtas galegas. Unha mágoa non ter espazo para todos, pero por sorte hai outros festivais en Galicia coma o de Cans, que tamén son unha gran plataforma para as curtas galegas.

"Unha curtametraxe non é nin un xénero nin, necesariamente, un punto de partida"

Cómpre ir máis aló da concepción das curtametraxes como un xénero menor, un punto de partida para os creadores?. Cómpre reivindicar as curtametraxes?

Cómpre reivindicar o cinema. No sentido máis amplo. Para nós, a duración das películas é anecdótica e é importante só en relación á propia idiosincrasia de cada película. Hainas marabillosas dun minuto e hainas incribles de tres horas. Unha curtametraxe non é nin un xénero nin, necesariamente, un punto de partida. Unha curtametraxe é unha película que dura menos de trinta minutos. O concepto non implica ningunha característica máis.

É certo que no ámbito da produción convencional-industrial, os directores incipientes usan as curtametraxes para desenvolver os seus primeiros proxectos xa que unha longa, xeralmente, resulta máis cara. Só nese entorno a curtametraxe se entende como algo iniciático. Fóra de aí, o cinema é cinema e cada creador dálle ás súas películas a duración que requiren as historias que queren contar. Hai cineastas históricos cuxa filmografía está conformada unicamente por curtametraxes e mediometraxes. Que o público veña á sala sen medo, poden descubrir obras marabillosas.

"A obra de Mike Hoolboom é marabillosa. É dunha lucidez e dunha sensualidade tremenda. E nel conflúen dous aspectos fundamentais, é innovador e é asumible para o gran público"

Por que Mike Hoolboom?

O primeiro de todo, porque a obra de Mike Hoolboom é marabillosa. É dunha lucidez e dunha sensualidade tremenda. E nel conflúen dous aspectos fundamentais, é innovador e é asumible para o gran público. Habitualmente confúndese o experimental co hermético e con este autor queremos mostrarlle ao público que o experimento ten que ver co innovador e que pode resultar moi atractivo.

Ademais, tematicamente é moi potente. Hoolboom, destacado personaxe da escena queer de Toronto, contraeu o VIH hai moitos anos e case toda a súa obra virou en torno a este feito. É moi interesante como cada unha das súas pelis é un prisma dende o que mirar a súa condición e o seu entorno. Por outro lado é un autor moi pouco coñecido en España. Nunca antes se lle fixera unha retrospectiva neste país. É algo que me chama moito a atención. E como sempre digo, o festival ten a obriga ética de traer ao público cousas frescas. Por iso Mike Hoolboom.

Captura de pantalla da web do Curtocircuíto Dominio Público Praza Pública
Proxección na 'Noite Curta', celebrada este verán © Curtocircuíto
Pela del Álamo, director do festival © Tamara de la Fuente

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.