O futuro do Ateneo Ferrolán xógase nos xulgados

Concentración en defensa da continuidade do Ateneo CC-BY-SA Praza Pública

A continuidade dos 135 anos de historia do Ateneo Ferrolán (case 40 dende a súa reapertura tras a fin da ditadura) dependen dunha decisión xudicial. Este mércores quedou listo para sentenza o xuízo que estuda a demanda presentada pola empresa Mudanzas Félix por unha débeda de 39 mil euros (en concepto de transporte e almacenamento do importante patrimonio da centenaria). A entidade, que non dispón desa cantidade (semellante ao seu orzamento anual), aduce que a empresa foi contratada de forma obrigada cando o Concello de Ferrol decidiu realizar unha obra de rehabilitación no edificio e que, ademais, o Goberno municipal comprometérase -verbalmente- a correr cos gastos desa operación. Porén, a vitoria electoral do PP en 2011 mudou os plans, negándose a nova corporación a asumir o compromiso do anterior executivo.

Este martes pola tarde ao redor de 500 persoas participaron nunha concentración de apoio á entidade, un acto no que se atopaban representantes de numerosos colectivos sociais e asociacións culturais da cidade, ademais de representantes das forzas da oposición municipal, sindicatos, ou as deputadas Yolanda Díaz e Beatriz Sestayo. 

A este respecto, o historiador Eliseo Fernández, presidente do Ateneo Ferrolán, destacou nunha entrevista difundida por Radiofusión que o apoio entre a cidadanía de Ferrolterra e o seu tecido social é moi importante e "crecente". Porén, advertiu de que unha "sentenza desfavorable colocaríanos nunha situación complicada", pois os 39 mil euros que tería que pagar a entidade equivalen practicamente ao seu orzamento anual. Está en risco, pois, a continuidade da institución e a continuidade dunha actividade de fomento e difusión da cultura "fundamental" na cidade de Ferrol.

O Ateneo é unha das entidades culturais máis activas da comarca e, na citada entrevista, Eliseo Fernández volveu incidir en que "o ataque ten que ver coa defensa que o Ateneo fai da cultura participativa, aberta e dende abaixo". Dende a entidade acúsase ao PP de querer "converter o mundo da cultura nunha parcela para que a exploten determinadas empresas que todos coñecemos”. Nun manifesto redactado estes días, o Ateneo afirma ser "unha entidade molesta para un goberno municipal autoritario, que non acepta a discrepancia nin tampouco as expresións de cultura participativas e populares que caracterizan ao Ateneo de Ferrol, en colaboración con boa parte do tecido asociativo e das creadoras e creadores da cidade". E sinalaba, en referencia ao Goberno local, que "mentres eles nos dan productos de consumo cultural de escasa calidade, nós reivindicámonos como un pobo que foi, é e será sempre creador de cultura. Unha cultura popular e na nosa lingua, unha cultura reivindicativa e rebelde, que o tecido cultural desta cidade mantén".

Fernández destaca que con actos coma o realizado este mércores queren "erguer a voz, chamar a atención, que a xente se decate de que hai un problema que escapa de toda lóxica e que racha a confianza mínima entre a administración e os administrados". "Se non te podes fiar do teu propio concello, non sei de quen te podes fiar", engadiu. Criticou así mesmo a falta de vontade de diálogo demostrada polo Concello de Ferrol: "hai 8 meses que vimos pedindo unha cita co alcalde. Semella que non queren ningún tipo de diálogo nin chegar a ningún acordo", dixo.

"Hai argumentos legais suficientes para levar o concello a xuízo, hai testemuñas, mesmo de concelleiros daquel tempo, que demostran que temos razón"

En calquera caso, o presidente do Ateneo advirte de que unha sentenza desfavorable non sería o final do camiño, sinalando a intención da entidade de levar a xuízo ao Concello de Ferrol: "Hai argumentos legais suficientes para levar o concello a xuízo, hai testemuñas, mesmo de concelleiros daquel tempo, que demostran que temos razón".

 

Un patrimonio en perigo

O Ateneo Ferrolán dispón dun importante fondo de hemeroteca e biblioteca –con coleccións de máis de 450 cabeceiras e 7.500 volumes-, que dende hai tres anos se atópanse en mans da empresa Mudanzas Félix, nunha nave industrial. A este respecto, os deputados de AGE Yolanda Díaz e Xabier Ron esixíronlle este mércores á Xunta que asine un convenio de colaboración co Ateneo que “garanta as condicións materiais necesarias para que os fondos da biblioteca hemeroteca teñan condicións óptimas de preservación e consulta nas dependencias” da agrupación.

Fernández lembrou que o Ateneo "sempre tivo problemas en épocas de ditaduras e de réximes autoritarios. Agora é o PP de Ferrol, de xeito sibilino, que ataca a institución”

A biblioteca do Ateneo de Ferrol está declarada polo Goberno autónomo como de “titularidade privada de especial interese” e dende 1996 intégrase na Rede de Bibliotecas de Galicia. “Todo este asunto”, denunciou Ron, “tamén amosa a incompetencia do responsábel de Cultura na Xunta, o señor Anxo Lorenzo, que a preguntas dos xornalistas respondeu que non coñecía o tema”.

Na rolda de prensa tamén participou Eliseo Fernández, que lembrou que o Ateneo "sempre tivo problemas en épocas de ditaduras e de réximes autoritarios. Agora é o PP de Ferrol, de xeito sibilino, que ataca a institución”. “O que vemos é como o PP aposta por aparatosas infraestruturas culturais baleiras”, engadiu Fernández, antes de concluír: “Nós pedimos sensibilidade, comprensión e xustiza”.

Concentración en defensa da continuidade do Ateneo CC-BY-SA Praza Pública
Eliseo Fernández, con Yolanda Díaz e Xabier Ron © AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.