0 Gardados para despois

"É importante que todos os galegos e galegas teñan a posibilidade de ver 'A Esmorga'"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O vindeiro 15 de novembro a proxección da Esmorga servirá para inaugurar a Festival de Cine Internacional de Ourense. Unha semana máis tarde, o venres 21, o filme dirixido por Ignacio Vilar estrearase en toda Galicia, e farao con 50 copias, 25 en formato cine e outras 25 blu-ray. Isto permitirá que a película se vexa dende o primeiro momento non só nas sete cidades galegas, senón tamén en todas vilas con sala permanente. E máis aínda: o obxectivo do equipo do filme é que A Esmorga se proxecte tamén noutras localidades, en auditorios e centros culturais.

"Creo que o cinema é un grande instrumento para artellar un país. Os clásicos son os espazos comúns de todos os galegos e galegas, e neste momento necesitamos eses espazos comúns. A Esmorga é un deles, e o cinema ten que ser outro espazo común. É importante que todos os galegos e galegas teñan a posibilidade de ver esta película", destaca Ignacio Vilar a este respecto. A estrea de novembro será a culminación dun intenso traballo, de varios anos, para levar á gran pantalla a aventura nocturna de Cibrán, Milhomes e o Bocas na Auria dos anos 50. Falamos co director do filme. 

Despois de tantos anos de traballo neste proxecto, debes sentir unha certa vertixe por estar a poucas semanas da estrea, non si?

Fíxate que hai case catro anos presentabamos a película no Festival de Ourense. Foron tres anos de darlle forma ao proxecto e de buscar apoios, e case un ano desde o inicio do traballo de rodaxe. Foi un proceso moi duro, sobre todo porque queriamos rodar no inverno, para conseguir esa atmosfera e esa luz que existe na novela, e había moitos exteriores. Nunha película ródase once horas ao día, imaxina o que é iso baixo a chuvia e o frío de Ourense, durante dez semanas. Os actores ás veces pasaban cinco horas mollados.

Sempre dixeches que unha das cousas máis importantes á hora de facer esta película era trasladar ao filme o ambiente da novela,as localizacións e o escenario daquel Ourense. Estás satisfeito polo resultado?

Todas as localizacións que atopamos danlle unha forza impresionante á película. A taberna fómola buscar a Ribadavia, O Papuxa, un sitio que che recomendo. É unha taberna que ten 150 anos e que conserva perfectamente ese ambiente de Esmorga, con chan de terra, coa xente cantando. Case non tivemos que modificar nada para a rodaxe.

"Esta película foi sempre un traballo colectivo e a miña teima sempre foi implicar a todo o equipo técnico e artístico, que todos sentisen que era a súa película"

Nos últimos meses, en paralelo co proceso de montaxe, fixestes varios pases, tanto para o equipo da película, coma para outras persoas. Como foi este proceso?

Dende o comezo fixen moitas proxeccións, tanto para o equipo técnico e os actores, coma para outras persoas. Esta película foi sempre un traballo colectivo e a miña teima sempre foi que se queriamos lograr un gran filme, tiñamos que implicar a todo o equipo técnico e artístico, que todos sentisen que era a súa película. E creo que o conseguimos. Karra Elejalde díxome que era a primeira vez que un director o convidaba a ver a segunda montaxe, sen rematar a película, para consultarlle a súa opinión. De feito, puxemos en práctica varias da suxestións do equipo e funcionaron moi ben.

"O máis difícil era non só atopar os actores en si, senón tamén a interrelación entre eles. Están toda a rodaxe xuntos, están sempre xuntos na pantalla e ten que percibirse unha conexión"

Outro dos aspectos fundamentais nesta película foi atopar os tres actores protagonistas, e que ademais tivesen unha boa compenetración. Conseguíchelo?

Si, conseguímolo. Estivemos tres meses probando actores galegos, despois probamos actores de diferentes lugares do Estado. E probas moi duras, de varias horas diarias. Para min o máis difícil era non só atopar os actores en si, senón tamén a interrelación entre eles. Están toda a rodaxe xuntos, están sempre xuntos na pantalla e ten que percibirse unha conexión. Lembro pasar 15 días pechados na residencia de tempo libre do Carballiño, preparando a película, doce horas diarias, até que o lugar case nos parecía o edificio do Resplandor (ri). Pero ese traballo foi fundamental, cando comezamos a rodar iamos todos polo mesmo camiño. Teño a película que quería, totalmente.

Nos teus filmes sempre coidas a lingua, buscando que sexa coherente cos personaxes, co tempo e o lugar da historia. Como traballaches este tema, tendo en conta ademais que un dos protagonistas non é galego?

A lingua é fundamental na Esmorga, é fundamental nas miñas películas e nesta máis aínda. Neste tema axudoume moito Bieito Iglesias, que coñece a lingua que se fala na cidade, e a lingua que se falaba nos anos cincuenta. Buscamos palabras que foran axeitadas para eses personaxes e para o Ourense dese tempo. Para min, nunha película todo ten que estar en función da historia. O tema de Karra foi impresionante; traballou dous meses cunha lingüista e cando algún catedrático de lingua viu a película estaba totalmente sorprendido.

"A lingua é fundamental na Esmorga. Neste tema axudoume moito Bieito Iglesias, que coñece a lingua que se fala na cidade, e a lingua que se falaba nos anos cincuenta"

A Esmorga é unha das novelas máis coñecidas da literatura galega. Isto ten algunhas vantaxes, pero supoño que xera tamén problemas á hora de facer unha adaptación. Como foi a túa relación co texto? Que cousas salvaches e descartaches?

Salvei todo o que axudaba a historia no cine, o que cinematograficamente funcionaba, respectando o texto ao máximo. Con todo, o cinema ten unha linguaxe diferente. Respectamos diálogos, arte da voz en off..., pero esta é unha visión persoal da Esmorga, porque a historia ten moito que ver comigo. Amoseille xa a película a algúns especialistas na Esmorga, mesmo a algún amigo de Blanco Amor, como Luís González Tosar, e o que me dixo foi que “Eduardo estaría orgulloso desta película. Porque mesmo algunhas cousas que engades, engrandecen máis a historia”.

Que opinas da adaptación que fixo Gonzalo Suárez en 1977, La Parranda?

Gonzalo Suárez é un dos directores que máis me gustan, pero nesta película creo que colleu A Esmorga dende fóra. Levouna a Asturias, meteuna nas minas de carbón, rodou no verán. E iso non funciona, A Esmorga hai que collela dende dentro, hai que meterse na pel deses personaxes. Cando estás dentro a propia historia vai mudando. Cando comecei a traballar pensaba que Cibrán era o protagonista, despois pensei que era o Bocas e xa rodando que era o Milhomes. E ao final cheguei ao convencemento de que é un único personaxe, que son os tres. É incrible o que fai Blanco Amor nesta novela.

"Os clásicos son os espazos comúns de todos os galegos e galegas, e neste momento necesitamos eses espazos comúns. A Esmorga é un deles, e o cinema ten que ser outro"

A pesar das dificultades e obstáculos para o cinema nestes momentos, e moito máis para un filme en galego, A Esmorga vaise estrear con 50 copias. É o froito do traballo, de petar en moitas portas? 

Creo que o cinema é un grande instrumento para artellar un país, para construír a súa esa memoria colectiva. Os clásicos son os espazos comúns de todos os galegos e galegas, e neste momento necesitamos eses espazos comúns. A Esmorga é un deles, e o cinema ten que ser outro espazo común. É importante que todos os galegos e galegas teñan a posibilidade de ver esta película. Temos xa pechadas 25 salas de cinema, estamos nas sete cidades e en todas as vilas que teñen sala: Carballo, Vilagarcía, Monforte...

Pero as persoas que viven en vilas que non teñen cine tamén teñen o dereito que acudir á estrea do filme nas súas localidades. Por iso, estamos tamén traballando na posibilidade de que o filme se estree en auditorios de concellos que non teñen cinemas. A esencia do cine é que chegue á xente. Sempre que penso nunha historia, penso en como facela chegar aos espectadores. Grazas a un acordo con R, todos os días que estreemos o filme nunha cidade -imos estar nas sete- imos manter encontros virtuais con colexios, institutos, asociacións... desa zona.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.