'Amores Prohibidos 2.0' abre novos camiños para o teatro en Galicia

Dominio Público Praza Pública

Un Romeo e Xulieta con seseo e gheada, co conflito lingüístico como pano de fondo e un instituto de Boiro como escenario. E (aí vai un spoiler) con final feliz, a diferenza da obra orixinal de Shakespeare na que se basea. Este venres finalizou Amores Prohibidos 2.0, a obra de teatro en tempo real que durante toda a semana tivo pegados diante do ordenador a uns cantos centos de galegos e galegas, ansiosas por saber se Romero ía ter que quedar recluído nun internado, se Xiana aparecería despois de fugarse e, sobre todo, se o amor triunfaría.

E si, despois que o xoves as cousas se complicasen moito, coa pelexa entre o grupo de galegofalante e o de castelanfalantes que acabou con Baldo ferido e con Romero expulsado do instituto e internado en Peleteiro, e coa desaparición de Xiana, o venres todo volveu ao seu rego. Xiana apareceu, se cadra en non moi boas condicións, pero apareceu, ingresada no hospital cunha intoxicación leve na que o licor café e o Ruta compostelán fixeron estragos. E Romero foi finalmente readmitido no centro, non se sabe se grazas á campaña de actuable que se puxo en marcha.

Final feliz, cunha mensaxe de concordia lingüística, na que Romero falou en galego e Xiana en castelán, mais lembrando que "cando se fala castelán elíxese unha opción e cando se fala galego elíxese un dereito"

Final feliz, cunha mensaxe de concordia lingüística, na que Romero falou en galego e Xiana en castelán, mais lembrando que "cando falas galego a xente mírate coma se foses un bicho raro; cando se fala castelán elíxese unha opción e cando se fala galego elíxese un dereito, uns idiomas necesitan protección e outros non, e o meu si que a necesita". Tanta concordia, que mesmo Mejuto, declarado "mourinhista" dixo que co galego non se animaba, "pero se cadra si co portugués". Pero esa será outra historia.

 

"Iniciativas deste tipo, seguindo este formato, ou experimentando novas vías, ven ameazado o seu futuro pola incerta continuidade das axudas de AGADIC destinadas a financiar contidos interactivos"

O primeiro capítulo doutras formas de facer teatro

En Chévere ficaron tan contentos co resultado que "agora xa non van querer facer outra cousa", di María Yáñez, que deseñou o desenvolvemento 2.0 da obra. Este proxecto serviu como "espazo de experimentación de novos formatos e novas narrativas", indica Yáñez, e visto o éxito, que superou a espectativas iniciais, a compañia está barallando "como se lle pode tirar proveito a isto". Porén, iniciativas deste tipo, seguindo este formato, ou experimentando novas vías, ven ameazado o seu futuro pola incerta continuidade das axudas de AGADIC destinadas a financiar contidos interactivos, da que aínda non saíu a convocatoria deste ano, e polo momento non parece que a vaia haber.

A semana que vén presentarase a nova web de Redenasa, que está concibida para acoller e potenciar residencias artísticas, neste caso virtuais e proxectos que innoven e xoguen cos novos formatos

A semana que vén presentarase a nova web de Redenasa, que está concibida para acoller e potenciar residencias artísticas, neste caso virtuais -ao igual que Chévere vén apostando polas residencias artísticas físicas- e proxectos que innoven e xoguen cos novos formatos e as posibilidade que a rede ofrecer para interactuar co espectador. E Amores Prohibidos 2.0 foi un experimento de residencia, un prototipo de como se pode utilizar o soporte e estas ferramentas. Como salienta María Yáñez, "isto foi o primeiro capítulo de moitas outras cousas que están por vir".

Ron: "Para nós segue sendo teatro, porque é contra unha ficción utilizando elementos comunicativos; é unha representación, a reconstrución dunha realidade"

Xesús Ron, un dos responsables de Chévere, salientaba hai un dous meses para Praza que en Amores Prohibidos "interesounos moito o experimentar con novas formas de crear historias; xa non sabemos se é teatro, se é audiovisual, se é literatura... Para nós segue sendo teatro, porque é contra unha ficción utilizando elementos comunicativos; é unha representación, a reconstrución dunha realidade".

O éxito de Amores Prohibidos pódese medir cuantitativamente, con máis de dúas mil visitas á paxina os primeiros días, que foron aumentando ao longo da semana. Isto é, máis que a meirande parte das obras de teatro convencionais que se poden ver nun espazo físico único. Pero o éxito, sen deternos a facer recontos de comentarios, gústames ou elementos compartidos, está á vista nas redes sociais, nos fíos que se abriron na propia web e nas ducias de persoas que todos os días cruzaron mensaxes polo twitter co hashtag #amoresprohibidos20. Tamén na repercusión que tivo no propio centro de A Cachada, algo se cadra lóxico, mais tamén noutros institutos, por exemplo en Santa Comba ou no Grove, que realizaron as súas versións de Amores Prohibidos, mesmo con vídeos apócrifos que subiron a youtube.

A obra tivo repercusión noutros institutos, que realizaron as súas versións apócrifas

Para quen non o viu en tempo real ao longo dos cinco días que durou a obra de teatro, todos os contidos, conversas, vídeos, fotos e comentarios, quedarán na web, para que se poida facer unha lectura lineal de todo o sucedido, nunha experiencia máis próxima a unha narración, á literatura, iso si, literatura 2.0, con moitos elementos distintos do texto. Tamén se documentará toda a experiencia para que quen queira facer algo semellante (ou completamente distinto) poida facelo con máis facilidade, publicando o código fonte e a metodoloxía, para que todo o mundo poida velo "como abrir o xoguete e mirar como funciona por dentro", conclúe María Yáñez.

Xiana, no hospital, lendo as mensaxes de ánimo recibidas Dominio Público Praza Pública
O IES A Cachada de Boiro Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.