"Estamos nunha época na que os temas de memoria volveron a un espazo marxinal"

Un momento da rodaxe de 'A volta dos nove' Dominio Público O Faiado producións

O 15 de outubro de 1936 un grupo de falanxistas asasinou na Enseada da Bombardeira, preto de Baiona, nove persoas (Felicísimo, O Ghonda, O Lijó de Corrubedo, O Rei Quiquito, Fidel, O Pelonio, O Ferreiro do Burgo, Generoso e Manuel Aballe), os máis deles mariñeiros e afiliados a sindicatos anarquistas. Días antes da matanza, dous irmáns, os Ineses, un anarquista da CNT e outro sindicalista da UXT, que vivían agochados dos falanxistas, deran morte a un garda civil cando os fascistas entraron na casa a detelos. No asalto morreron os dous irmáns e outras dúas persoas que vivían alí. Ademais, a vinganza dos falanxistas acabou coa vida destas outras nove persoas, que foron sacadas dos calabozos de Vigo. Porén, dende entón cada 15 de outubro aparecían no lugar, xa coñecido coma a Volta dos Nove, outras tantas cruces, unha por cada executado. Os franquistas tentaron saber quen as pintaba pero cada ano volvían aparecer as nove cruce pintadas para lembrar o sucedido. 

O auditorio do Concello de Vigo acolle este sábado 27 a estrea do documental A Volta dos 9, de Antonio Caeiro, despois de que o Concello de Nigrán denegase o uso do salón de actos para a estrea. O acto deste sábado non só servirá para lembrar os mortos do ano 36, senón que coincide co aniversario das últimas execucións do franquismo, as de Ramón García Sanz, Juan Paredes Manot, Ángel Otaegui e os vigueses Humberto Baena, José Luis Sánchez Bravo. "Queriamos establecer unha especie de ponte entre algúns dos primeiros executados do franquismo, os da Volta dos nove, e os últimos executados", destaca Antonio Caeiro, director do documental. Falamos con el sobre este filme, que se une a unha lista moi ampla de traballos audiovisuais relacionados coa memoria: A memoria dos tempos do volfram, Aillados, Arde Madrid, ou o labor realizado dende o proxecto O Faiado da Memoria, en Vilagarcía de Arousa.

"Queriamos establecer unha especie de ponte entre algúns dos primeiros executados do franquismo, os da Volta dos nove, e os últimos executados"

Comezaches este proxecto hai xa anos, en 2006, deixáchelo aparcado, retomáchelo... Supoño que é difícil sacar adiante traballos coma este, sobre todo nestes tempos, non si?

Si, require de moito traballo e paciencia. Eu comecei este proxecto no ano 2006, e naquel tempo estaba case rematado, pero despois quedou un pouco apartado, si, sentía que lle perdera un pouco a perspectiva, e necesitaba poñerme en situación. O ano pasado lanzamos un crowdfunding, simplemente para recadar 1.200 euros para algúns detalles que lle quedaban ao documental. Pero sobre todo quería comprobar se valía a pena rematalo, case coma unha enquisa, e a resposta foi moi boa. Estamos pasando por unha época na que os temas de memoria volveron a un espazo un tanto marxinal. Sempre foron marxinais, se cadra houbo un momento co bipartito no que había un apoio institucional e xurdían asociacións de memoria. Pero rematou iso e desapareceron, e volvemos estar os de sempre, os que non recibimos nada nin nos tempos bos, nin nos tempos malos.

A estrea é en Vigo porque o Concello de Nigrán denegou o uso do salón de actos?

Si. Xa pasou cando quixemos consultar unha documentación no Concello de Baiona e non nos deron permiso. Tivo que actuar o Valedor do Pobo para que nos deixasen entrar. E en Nigrán acontece o mesmo: din que non nos deixan facer alí a proxección porque hai actos programados. E en realidade non hai acto ningún.

Esta é unha historia sobre a Memoria, na que a propia memoria xoga un papel protgonista, con ese esforzo, xa nos anos inmediatamente posteriores aos asasinatos, para que o crime non quedase impune... Resultábache interesante, como símbolo?

Esta é a memoria da Memoria, si. É coma aquel poema de Cernuda de 'recuérdalo tú y recuérdalo a otros'. Asasinatos hóuboos en todos os lugares, pero non o feito de que esa historia se lembrase a partir desas marcas no chan. Eu son de Gondomar, e cando era pequeno escoitaba historias de algo que pasaba en Baiona, de persoas que facían marcas. Até moitísimos anos despois non souben de que eran esas marcas e aínda máis anos despois souben de verdade o que significaban. Ese tema callou tanto na xente que a historia non rematou nunca.

"Eu son de Gondomar, e cando era pequeno escoitaba historias de algo que pasaba en Baiona, de persoas que facían marcas. Até moitísimos anos despois non souben de que eran esas marcas"

Eu no documental falo dos nove asasinatos, pero tamén de todo o que sucedeu antes, do contexto, da historia dos Ineses, e de quen eran estas persoas, como quedou truncada a súa vida, todo o que cambiou. Aínda o outro día, presentando o documental Arde Madrid nun colexio de Monforte, preguntáballe aos rapaces se sabían que fora o Foucellas. E dicían “un guerrilleiro”. E eu insistía: “Pero que era? Que profesión tiña?”. E só un dixo: “carpinteiro”. Foucellas era carpinteiro, os mesmo que os nove da Volta eran mariñeiros, e teríano sido toda a vida de non ser pola guerra.

Que elementos utilizas para contar a historia?

Hai tres elementos nos que baseamos todo o traballo: primeiro, as propias testemuñas; despois, unha serie de pequenas interpretacións realizadas por persoas. E tamén unhas animacións que serven para recrear algúns momentos da historia, sobre todo as execucións dos nove, ou o episodio dos Ineses. Ademais, tiña claro que non quería utilizar a voz en off, pero había elementos na historia que non sabía como contar. Asi que utilizamos unha gravación, que se escoita nun radiocasete, que relata estas partes da historia.

"Creo que a memoria e o diñeiro non se levan demasiado ben"

Como vai o traballo do Faiado da Memoria?

Seguimos traballando, xusto hoxe veño dunha casa, de recoller un material ben interesante. O Faiado segue funcionando, iso si, non funciona na parte económica. Creo que a memoria e o diñeiro non se levan demasiado ben.

Antonio Caeiro Dominio Público Praza Pública
Cartaz do filme Dominio Público O Faiado producións
Nove cruces pintadas na Volta dos Nove Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.