0 Gardados para despois

“Coa vitoria franquista as bibliotecas convertéronse en espazos mortos, elitistas, confesionais e reaccionarios”

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


“¡Muera la intelectualidad traidora!”. “¡Viva la muerte!”. Non foron só os berros histéricos que proferiu o xeneral Millán-Astray nun momento de acaloramento. Son dúas frases que expresan o medo á  democratización da cultura que levou as elites do franquismo ao desmantelamento do sistema de escolas e de bibliotecas que a Segunda República conseguira erguer, e con el á depuración dos bibliotecarios e bibliotecarias que con el se comprometeran. Homes e mulleres represaliados por faceren o seu traballo. Por tentar que a lectura e o coñecemento non fosen só privilexio duns poucos. Francisco Xavier Redondo Abal conta as súas historias no ensaio Bibliotecarias e bibliotecarios infames, editado por Laiovento.

O libro dálle continuidade a ensaios anteriores teus, como O fulgor e as tebras e Proceso a unha biblioteca. A represión de bibliotecarios e bibliotecarias é, así, un tema que levas anos investigando. Comezaches debido á falta de estudos sobre esta cuestión?

En efecto, así é. Existe un enorme baleiro na historiografía sobre esta cuestión, agás pequenas achegas que tratan o tema cando investigan a biografía dun facultativo que rematou investigado e/ou depurado. Mais, hai que subliñar que, nestes casos, algúns autores prefiren non mergullarse demasiado nun asunto tan delicado como a represión sufrida polos integrantes do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos. Incluso no tratamento das incautacións, espolios e depuracións de bibliotecas, públicas ou privadas, existe certa reticencia cara ao seu estudo. Malia todo, por fortuna, o panorama vaise aclarando e pasesiñamente comezan a xurdir estudos serios e rigorosos de investigadores como Inmaculada de la Fuente, Ana Martínez Rus, Ramón Salaberria, Enrique Pérez Boyero, por citar só algúns.

"Existe un enorme baleiro na historiografía sobre esta cuestión, agás pequenas achegas que tratan o tema cando investigan a biografía dun facultativo que rematou investigado e/ou depurado"

As fontes son, sobre todo, expedientes de depuración dos funcionarios e funcionarias represaliados. Tiveches dificultades para acceder a elas?

En absoluto. A verdade é que todo foron facilidades. Especialmente no Arquivo Xeral da Administración de Alcalá de Henares, o centro onde se atopan todos os expedientes de depuración. Eu coñecía da súa existencia, mais achegueime cunha venda nos ollos. Alí, os seus encargados guiaron as miñas pescudas e ofrecéronme consellos nas búsquedas da documentación que, ao fin, foron dunha grande utilidade. Ademais das consultas, eles tamén facilitaron reproducións de moi boa calidade dos expedientes solicitados.

"Cando as autoridades do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes da Segunda República decidiron dar pulo á lectura socializada, as elites secularmente dominantes sentíronse agredidas"

Xa en O fulgor e as tebras explicabas que as bibliotecas creadas na Segunda República foran destruídas porque a política das autoridades republicanas de democratizar a cultura era vista como unha ameaza para as elites que o franquismo protexía. Por que eran tan perigosas as bibliotecas?

Porque as bibliotecas son os lugares que custodian os libros e estes son o pasaporte para o espíritu crítico, a reflexión, a toma de conciencia e, en consecuencia, a liberdade. Por iso, cando as autoridades do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes da Segunda República (con Marcelino Domingo primeiro e Fernando de los Ríos despois) decidiron dar pulo á lectura socializada, as elites secularmente dominantes sentíronse agredidas. Que toda a poboación tivese acceso á lectura foi considerado unha declaración de guerra que, ademais, ameazaba os seus intereses de clase. Socializar a lectura, facela accesíbel a todos os cidadáns sen reparar na súa condición social ou no seu lugar de residencia (rural ou urbano), creaba mentes libres e independentes, persoas que poderían pensar e decidir por si mesmas. E iso era moi perigoso. En consecuencia, os instrumentos que farían posíbel semellante avance, as bibliotecas e os centros de lectura, tamén foron considerados perigosos. E así, xunto aos mestres e as mestras, os profesionais das bibliotecas foron un inimigo a combater dende xullo de 1936.

Non só a rede de bibliotecas escolares e municipais creada polo goberno republicano foi obxecto de destrución. Tamén as bibliotecas de asociacións culturais, ateneos, liceos, partidos, sindicatos obreiros... Na zona republicana, segundo explicas, o que se fixo foi incautar bibliotecas privadas para levar os seus fondos a bibliotecas públicas. Cales foron, así, as principais diferencias entre a política bibliotecaria de republicanos e franquistas?

As incautacións de bibliotecas privadas nos territorios que quedaron baixo a legalidade republicana tiveron como obxectivo salvagardar aqueles tesouros bibliográficos para evitar a súa destrución, tanto dos saqueos das milicias revolucionarias como dos bombadeos franquistas (e alemáns e italianos). O Estado republicano nunca xamais comerciou co patrimonio artístico e documental e a súa obsesión foi poñer lonxe das frontes bélicas as bibliotecas e os arquivos (privados ou non), agardando un desenlace positivo do conflito. Ademais, organismos como Cultura Popular seguiron apostando por levar a lectura a hospitais, trincheiras, retagardas, etc. Entre marzo de 1937 e abril de 1938, Cultura Popular gastou case sete millóns de pesetas na adquisición de libros. Sabes cal foi o orzamento para as bibliotecas públicas nos Presupostos Xerais do Estado de 1952? Menos de catro millóns.

"Entre marzo de 1937 e abril de 1938, Cultura Popular gastou case sete millóns de pesetas na adquisición de libros. Sabes cal foi o orzamento para as bibliotecas públicas nos Presupostos Xerais do Estado de 1952? Menos de catro millóns"

Por outro lado, a política bibliotecaria franquista durante a guerra é doada de explicar: bibliotecas incautadas e examinadas, centros de lectura depurados do que eles mesmos chamaban "pornografía disolvente" (é dicir, Valle-Inclán, Pérez Galdós, Voltaire, Marx... ), destrución, censura e medo, moito medo... Coa vitoria franquista as bibliotecas convertéronse en espazos mortos, elitistas, confesionais e reaccionarios.

O proceso depurador de bibliotecarios e bibliotecarias é parte da destrución de libros e bibliotecas. Tratábase de afastar os "desafectos" e premiar os fieis ao Novo Estado, independentemente da súa cualificación profesional. Cales foron as consecuencias para o sistema bibliotecario, en termos xa non só sociais senón culturais e científicos?

A depuración dos integrantes do CFABA foi, en primeiro lugar, un aviso a navegantes. Non había xa lugar á modernidade, aos avances en materia bibliotecaria, á innovación, á apertura... As vellas elites do corpo facultativo retomaron os camiños anteriores a 1931 e impediron calquer progreso biblioteconómico: conceptos traídos dos países máis avanzados (Francia, Estados Unidos...) ficaron esmagados ante as vellas/novas doutrinas nacional-católicas: fondos bibliográficos cun enorme peso dos temas relixiosos, por exemplo, preponderancia das interpretacións dos libros sagrados, haxiografías de santos, comentarios ao Vello e Novo Testamento, etc, volverán a ser parte fundamental de todas as bibliotecas...  Por suposto, censura ou prohibición de centos de autores e obras pouco acordes co novo espírito patriótico vencedor, tamén esquecemento do Século das Luces, da Ilustración, cunha volta á admirada Idade Media, os Reis Católicos, Felipe II... Con este panorama, non resulta esaxerado afirmar que varias xeracións víronse privadas da cultura xeral e permaneceron nun ermo cultural de moi difícil saída.

"As vellas elites do corpo facultativo retomaron os camiños anteriores a 1931 e impediron calquer progreso biblioteconómico"

Unha lei de 1939 ampara as depuracións que xa se viñan realizando. Un dos aspectos que teñen en común os xuízos é a súa falta de garantías. Nos expedientes aparecen acusacións tan ridículas como poder permitirse comer bocadillos. Hai pautas de represión distintas para distintos sectores da poboación? (Mulleres, membros de determinadas organizacións sindicais...)

Ao igual que nos consellos de guerra, aquelas pantomimas onde o acusado xa estaba condeado antes do inicio do xuízo-farsa, na incoación dun expediente de depuración o investigado carecía de todas as garantías legais, as acusacións soan a esperpentos e o castigo estaba decidido de antemán. Que o acusado fora inocente, presentara un prego de desgargo razoado ou que acompañara a súa súplica con declaracións de persoeiros de "recoñecida solvencia", pouco importaba. O investigado reprentaba, segundo as autoridades franquistas, á AntiEspaña, á masonería ou barbaridades similares. Por tanto, merecía un castigo exemplar.

"As mulleres que integraban o CFABA sufriron un verdadeiro calvario. Por mulleres e por instruídas"

As mulleres que integraban o CFABA sufriron un verdadeiro calvario. Por mulleres e por instruídas. Non hai que esquecer que aquelas mulleres bibliotecarias comprometidas co proxecto educativo republicano foron obxecto dunha persecución atroz. Á súa condición de xénero, hai que engadir que eran persoas cultas, independentes, resolutivas, libres, excepcionais... Crían na igualdade e na solidariedade e entenderon a socialización da lectura como un arma de progreso social. María Moliner, bibliotecaria depurada, chegou a afirmar que naquela Valencia republicana de 1937 e 1938 asediada pola guerra, unha muller valía máis que cinco homes. E tiña razón: tal era a determinación daquelas bibliotecarias irrepetíbeis. Ningunha delas tiña cabida nos parámetros machistas, fascistas e integristas da Nova España. O seu rol, segundo as novas autoridades, quedaba reducido ao fogar e o coidado dos nenos. Porén, malia a depuración e o castigo, moitas continuaron traballando. Iso si: en silencio.

Apuntas os nomes non só das vítimas, senón dos "verdugos". Os responsables das institucións que comandaron a represión. Fomentouse, ademais, a delación de compañeiros. Cales foron, así, os principais responsables do desmantelamento do sistema bibliotecario? De que xeito se apoiaron tamén na complicidade de funcionarios que acusan a outros?

Resulta innegábel que algúns integrantes do Corpo Facultativo non viron con bos ollos a chegada da Segunda República e que tampouco tomaron como seus os impulsos innovadores propugnados polas autoridades republicanas. Moitos militaron antes da chegada da Segunda República en organizacións relixiosas integristas ou políticas, como a Unión Patriótica do xeneral Primo de Rivera. Coa instauración do sistema democrático, integráronse en grupos reaccionarios como Falange Española, Renovación Española, CEDA, as JONS... Incluso durante a Guerra Civil, algúns que permaneceron en territorio leal á República formaron parte da Quinta Columna. Eran as vellas elites do Corpo Facultativo, funcionarios que aprobaran as súas oposicións no último decenio do século XIX ou a principios do XX. Por exemplo, Miguel Artigas e, sobre todo, Gómez del Campillo. Este será o xuiz instrutor único que investigará aos seus propios compañeiros de profesión, invitará a declarar contra os investigados a outros bibliotecarios e arquiveiros nun lamentábel exercicio de delación e, por último, proporá sancións que serán elevadas por Artigas ao Ministro de Educación Nacional, José Ibáñez Martín, destacado dirixente da Asociación Católica Nacional de Propagandistas, para a súa sanción definitiva.

Entre as vítimas, escolliches afondar nos casos de Teresa Vaamonde, María Brey, Ramón Iglesia, María Muñoz, Luisa Cuesta, Nicéforo Cocho, Juan Vicens e Juana Capdevielle. Que perfís representan?

Escollín estes nomes pola súa vinculación a Galiza: eran naturais do noso país ou, nalgún momento da súas vidas, desempeñaron os seus traballos profesionais na Galiza. En xeral, estes homes e mulleres presentan un perfil ideolóxico progresista, eran vitalistas, moi preparados profesionalmente con estadías no estranxeiro, coñecían varios idiomas e, como remate, sufriron a represión dos vencidos en todas as súas variantes: postergación, expulsión, cárcere, exilio e incluso asasinato, como foi o caso de Juana Capdevielle. Cando comecei este estudo non sabía onde ía chegar e a abundante documentación atopada desbordoume. Por iso decidín empregar un criterio nacional para abordar a cuestión, sen desbotar que nun futuro poida ampliar o traballo a todo o Estado español.

"Ramón Iglesia Parga, compostelán de nacemento, é hoxe practicamente un descoñecido no seu país malia ser considerado un americanista de primeira liña"

Un dos criterios da escolla foi reivindicar nomes esquecidos, como o de Ramón Iglesia. Cales foron as principais achegas científicas de bibliotecarios represaliados coma el?

Ramón Iglesia Parga, compostelán de nacemento, é hoxe practicamente un descoñecido no seu país malia ser considerado un americanista de primeira liña. Como Iglesia, o resto dos mencionados no libro teñen unha considerábel produción bibliográfica dende moi diferentes ópticas. Mais o que para min resulta fundamental foi rescatar do esquecemento os nomes destes homes e mulleres únicos, sobresaíntes e, sobre todo, inocentes. Porque como dixo a bibliotecaria exiliada Teresa Andrés, "Nos enterró el olvido".

Quixera non rematar esta conversa, se o permites, sen expresar o meu agradecemento sincero e infinito a Edicións Laiovento. En concreto, ao meu gran amigo Francisco Pillado Maior, con quen conversar é un luxo impagábel; a Sandra Vilaseco, pola súa infinita paciencia conmigo; a Afonso Ribas e Xosé Carreiro, que non desmaiaron até sacar este libro ás rúas. A Manuel Rivas, cuxo fermoso limiar foi un agasallo luminoso.
A todos, grazas.

"No contexto actual de crise económica, semellante actuación representa un golpe mortal ás bibliotecas de titularidade pública, un ataque frontal á esencia dos centros de lectura"

Mirando a actualidade, acaba de aprobarse o canon por préstamo bibliotecario, que semella unha volta atrás. Que opinas deste tema?

Dacordo cunha directiva da Unión Europea, o Goberno español aprobou o pasado 18 de xullo o Real Decreto 624/2014 implantando o canon por préstamo bibliotecario. En definitiva, o decreto impulsa o pagamento que terán que facer as bibliotecas públicas por exercer un servizo que as propias leis lles confiren, como é o préstamo de libros aos usuarios. No contexto actual de crise económica, semellante actuación representa un golpe mortal ás bibliotecas de titularidade pública, un ataque frontal á esencia dos centros de lectura. As bibliotecas quedan, deste xeito, ameazadas e a súa superviviencia como servizo público fica nun risco moi elevado. As medidas obtiveron un amplo rexeitamento das asociacións de profesionais e, ademais, hai que engadir que os poderes públicos en ningún momento buscaron o consenso, o debate ou a posta en común para acadar acordos. Eu son neste terreo moi pesimista pois o que está a acontecer non se diferenza moito do que está ocorrendo coa sanidade ou o ensino público. Todo responde a un plan preconcebido: esmagar o público, finiquitar as conquistas sociais que tanto esforzo custou implementar. E se protestas, aí están os antidisturbios...

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.