"O sector non necesita cartos, senón crear unha serie de liñas que leven a algunha parte no futuro"

O Observatorio foi presentado no marco do Curtocircuito © Festival Internacional Curtocircuíto

A publicación o pasado mes de agosto das novas convocatorias da AGADIC para o apoio ao audiovisual, moi criticadas no sector, serviu de punto de arranque para a organización dunha plataforma de profesionais que quere traballar nun redeseño global da política audiovisual en Galicia. Froito das conversas mantidas nos últimos dous meses, aínda que consecuencia de debates que viñan de atrás, este martes presentouse en Compostela, no marco do Festival Internacional Curtocircuíto, o Observatorio Audiovisual de Galicia, que nace cunha carta de intencións apoiada por unhas 120 persoas.

O texto parte dunha análise crítica da convocatoria da AGADIC, polo seu carácter regresivo dalgúns dos seus puntos: "restrición nos solicitantes; prazos moi comprimidos; a irrupción das persoas xurídicas nas axudas de Talento; erros na definición de conceptos; desconsideración á pluralidade das formas fílmicas e ao principio de igualdade de oportunidades". Pero vai máis aló: "O actual contexto de crise non é escusa para o constante desmantelamento dos avances, resultando farto significativos os recortes en orzamentos, convocatorias, modalidades, contías, dereitos, …Unha traxectoria negativa que urxe cambiar tentando promover o estudo, o debate e a defensa das boas prácticas".

"Aquí temos a experiencia de que os cambios de goberno significan a parálise dunha política e a reformulación dunha nova. E mentres se paraliza unha e se reformula a outra, normalmente perdemos dous ou tres anos"

O realizador Marcos Nine, un dos seus impulsores, destaca que o Observatorio quere servir de interlocutor cos responsables das administracións públicas para que o sector teña voz no deseño da política audiovisual. "No sector hai moitos interlocutores con intereses distintos; non é o mesmo que se fale coa asociación de directores, que coa de guionistas, que coa de produtores. Botabamos en falta algún organismo que fora independente e que puidese contemplar todos os puntos de vista. Por separado pódese chegar a falar con AGADIC, AGADIC non é un sitio onde se rexeite o diálogo directamente. Pero cremos que é importante que chegue alí un discurso que inclúa todos os puntos de vista, e non como agora, que chegan discursos fragmentados", explica.

"Queremos achegar ideas para que esas axudas poidan ser estables. E tamén para que a xestión dos recursos públicos sexa máis eficiente"

Nine subliña que aínda que "pode dar a impresión de que o Observatorio se coloca nun punto de confrontación coas institucións, isto non é así". E indica que "instituímonos para poder achegar algo á política audiovisual, non para confrontarnos a ninguén". Sinala que "o noso traballo de análise e de información debe servir de axuda tanto a quen está agora nas institucións coma a quen pode chegar a estar noutro momento". "Aquí temos a experiencia de que os cambios de goberno significan a parálise dunha política e a reformulación dunha nova. E mentres se paraliza unha e se reformula a outra, normalmente perdemos dous ou tres anos", critica.

En canto ás axudas da AGADIC, Nine afirma que "queremos achegar ideas para que esas axudas poidan ser estables; as axudas varían e moitas veces non sabemos a que obedecen as variacións. E tamén para que a xestión dos recursos públicos sexa máis eficiente". Tamén incide na vontade de que a entidade funcione como Observatorio, analizando a situación e ofrecendo información sobre "cal foi o percorrido das axudas nos últimos anos e o efecto que tiveron no sector".

"Nós non estamos pola idea de que o que necesita o sector son cartos. O que necesita o sector é crear unha serie de liñas que leven a algunha parte no futuro, pensar máis a longo prazo"

Porén, vai máis alá e destaca que "cómpre replantexar o sector de forma global. De entrada, o principal motor non son as axudas de AGADIC, senón a TVG. E agora mesmo non contamos con información suficiente sobre a Televisión de Galicia: a que dedica os seus orzamentos, que produce, cal é o investimento público en cine... Necesitamos máis información para deseñar estratexias que consigan que este sector sexa máis forte". "A sensación que temos agora mesmo é que só se demandan cartos, e nós non estamos pola idea de que o que necesita o sector son cartos; o que necesita o sector é crear unha serie de liñas que leven a algunha parte no futuro, pensar máis a longo prazo. E aí ten que ver non só a produción dos proxectos, senón tamén como se distribúen e a que público chegan", sinala.

Nine destaca o bo momento do audiovisual galego en canto á creación, á produción e á súa proxección internacional, pero fai fincapé en que iso non se traduce na súa difución e proxección en Galicia e na creación dun público para o cinema galego: "Nos últimos anos xurdiron unha serie de propostas, algunhas máis radicais e outras máis convencionais, que fan que en Galicia esteamos nun gran momento en canto á produción. Outra cousa é a repercusión que temos no noso propio territorio, e que se fai dende o noso propio territorio para poder difundir o que xa existe. Porque danse paradoxos de que Costa da Morte se exhibira nos cinemas máis días en Nova York que en toda Galicia (agora xa non, despois da súa estrea), ou que O Apóstolo, despois de pasar por unha infinidade de festivais internacionais tivese problemas para ser recoñecida en Galicia".

"Si é certo que estamos nun momento creativamente moi bo como para apostar polo audiovisual" -continúa- "pero non existe a cultura de tentar conseguir público. Dános a impresión de que xa perdemos moitos anos sen ser quen de vincular a produción galega de cine co seu público natural, cousa que si se conseguiu coa televisión". "Se fomos capaces de enganchar o público á TVG e á ficción que se facía dende a TVG, deberiamos ser igualmente capaces de facer que o público chegase á películas que estamos facendo neste momento. Pero para iso fai falla deseñar políticas que teñan iso como función e aproveitar todos os recursos que temos ao noso alcance, aproveitar todas as sinerxías entre as distintas administracións", engade.

"Si é certo que estamos nun momento creativamente moi bo como para apostar polo audiovisual. Pero non existe a cultura de tentar conseguir público"

Nine indica así mesmo que o Observatorio debe servir "para dar resposta rápida a accións políticas ou a calquera tipo de iniciativa que teña que ver co audiovisual. Tanto as cousas boas coma as malas". E engade que "temos a impresión de que nin sequera somos capaces de transmitir dende o sector audiovisual todas as cousas que nos eran positivas. Por exemplo programas de televisión que existiron como Onda Curta ou Galicia Documental". Ou tamén as axudas ao talento tal e como foran concibidas, "que se cadra non comunicamos o  positivas que eran para o sector e que non había que mudalas". 

O Observatorio debe servir "para dar resposta rápida a accións políticas ou a calquera tipo de iniciativa que teña que ver co audiovisual. Tanto as cousas boas coma as malas"

Os impulsores do Observatorio manterán unha asemblea nas vindeiras datas. Indican que quen queira colaborar tan varias vías para facelo, dende a adhesión a ese chamamento inicial, a participación nas asembleas, até o traballo de todas as persoas que se queiran sumar nos distintos grupos de traballo que se creen. Nestes momentos xa está en marcha un grupo aberto dedicado a analizar as distintas ordes de axudas dende o 2003 até o 2014.

Rodaxe de 'Encallados' © Zircozine
O Observatorio foi presentado no marco do Curtocircuito © Festival Internacional Curtocircuíto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.