Uns 33.000 palestinos gozaron dos distintos espectáculos que se desenvolveron con motivo da segunda edición do Festiclown Palestina, organizado por Pallasos en Rebeldía e que se celebrou desde o 1 ao 9 de outubro en cidades como Xerusalén, Belén, Ramallah ou Nablus, así como en campos de refuxiados, no Val do Zordán ou mesmo no checkpoint de Qualandia. No festival participaron un total de 20 artistas, entre os que destacan o actor Pepe Viyuela, o clown Iván Prado e o músico Mr. Kilombo, desenvolvendo máis de 50 actividades, entre actuacións e talleres.
O Festiclown Palestina celebrouse en Cisxordania para paliar os graves efectos dos ataques israelís deste verán en Gaza
Esta segunda edición do Festiclown Palestina, que nun principio se ía a celebrar en xaneiro de 2014 nos campamentos de poboación refuxiada palestina do Líbano, demorouse até outubro pola inestable situación política e social deste país e, finalmente, desenvolveuse en Cisxordania para paliar os graves efectos que tiveron os ataques israelís deste verán en Gaza sobre a poboación palestina, producindo unha gran cantidade de desprazados a Cisxordania. Por iso, o Festiclown levou actuacións a hospitais, colexios e campos de refuxiados, ademais da centros culturais, teatros, rúas e prazas.
"A segunda edición do Festiclown Palestina supuxo a súa consolidación como primeiro festival de pallasos do mundo árabe e a reivindicación do mundo do circo pola liberación de Palestina", explicou o clown Iván Prado, director do Festiclown. "Vir tras os bombardeos de Gaza a traballar para a poboación infantil hospitalizada foi a nosa maneira de combater con amor e alegría o terrorismo de Estado e xenocidio israelí", engadiu. Pola súa banda, Pepe Viyuela quixo resaltar a oportunidade que o festival lle brindou para "mostrar o apoio máis decidido ao pobo palestino e ás súas ansias de liberdade e de coñecer de primeira man unha situación insoportable cuxo desenlace non podemos deixar en mans dos políticos, senón que os cidadáns deben participar activamente".
"Vir tras os bombardeos foi a nosa maneira de combater con amor e alegrío o terrorismo de Estado israelí"
Iván Prado quixo destacar tres momentos de especial interese deste festival. O primeiro deles é a actuación no Rockefeller Palace, en Xerusalén este, "onde a actitude dos nenos era moi histérica e nerviosa e mesmo agresiva, pero cando empezamos a dar abrazos, conseguimos conectar con eles e o labor de mitigar a dor coa estupidez e o ridículo do pallaso funcionou". Outro momento destacado foi a performance no muro construído por Israel para illar aos palestinos do mundo, "alí demostramos como os pallasos se enfrontan á monstruosidad dun exército de ocupación". Por último, resaltou o comprobar como os pallasos se ían rompendo tras visitar hospitais ou campamentos de refuxiados e "a persoa que se esconde detrás do pallaso entra en catarse emocional ao comprender a beleza e o sufrimento do pobo palestino".
"Estamos distposos a manternos firmes á hora de apoiar os palestinos na súa loita pola liberdade"
Pepe Viyuela considerou que o momento máis emotivo destes días foi "coñecer de primeira man a situación dunha parte de Palestina, a do Val do Zordán, que ve como lle rouban a auga, como lles saquean o seu modo de supervivencia e coñecer a resistencia que están a levar a cabo dunha maneira pacífica e civilizada, moi lonxe da actitude de Israel". Ademais, destacou que "a xente coa que estivemos mostrounos o máis profundo dos agradecementos ao ver que non están sós, que hai xente que os apoia e que estamos dispostos a manternos firmes á hora de apoialos na súa loita pola súa liberdade e por unha vida digna".
Xunto a Prado e Viyuela, participaron na segunda edición do Festiclown Palestina o músico madrileño Mr. Kilombo, o clown escocés Johnny Melville, a compañía Kambahiota Trup, o mago español Pablo Muñoz, a clown arxentina Laura Mandarina, o mimo Marcelo González, a compañía de teatro brasileira Traço ou o acróbata Kanagadama, ademais de artistas palestinos como os da Palestinian Circus School. Deste xeito, celebráronse actuacións e talleres de clown, circo e risoterapia para a poboación local.