O despoboamento do rural ameaza a protección do patrimonio

Mosteiro de Salvador de Cis, en Oza dos Ríos © darredor.blogspot.com

En Galicia hai máis de setecentos bens inmobles inscritos como Bens de Interese Cultural, case catro mil igrexas parroquiais ou, por exemplo, ao redor de dez mil cruceiros, segundo algunhas estimacións. Unha riqueza patrimonial, de maior ou de menor valor segundo os casos, que nunha cantidade moi importante se atopa nas zonas rurais. O despoboamento que afecta a este lugares, cun número crecente de aldeas abandonadas (calcúlase que ao redor de 1.500), é unha das principais ameazas para este patrimonio artístico. Igrexas, pazos e casas señoriais vítimas de roubos ou, simplemente, da degradación provocada polo desuso.

Recentemente foi noticia a situación da igrexa de Labrada, en Guitiriz, cuxos frescos do século XVI están ameazados polas humidades a as filtracións de auga. É tan só un dos moitos tesouros patrimoniais presentes no rural galego, en moitas ocasións case descoñecidos, fóra dos circuítos turísticos e, ás veces, coma neste caso, necesitados dunha maior protección e de recursos para o seu mantemento. Hai moitos máis; hai uns días a prensa facíase eco igualmente doutra alfaia non moi coñecida: a igrexa de Tirimol, en Lugo, con tres valiosos retablos barrocos obra de Domingo de Andrade. E por escoller outros exemplos, dos moitos existentes, podemos facer referencia á igrexa de Ventosa, en Agolada, cunha marabillosa colección de escultura medieval; ou a de Santa María de Pesqueiras, na Ribeira Sacra lucense, ambas as dúas destacadas por Manuel Gago no seu blog. E ambas as dúas de difícil acceso para os visitantes, a pesar do seu valor.

O patrimonio galego está regulado pola Lei 8/1995, do Patrimonio Cultural de Galicia e tamén pola Lei 3/1996, de Protección dos Camiños de Santiago. Esta previsto que no presente periodo de sesións do Parlamento de Galicia chegue á cámara unha nova lei de patrimonio que, sobre todo, refundirá estas dúas normas nunha soa. Tamén cómpre facer mención ao Decreto 232/2008, do Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, que desenvolve a lei de 1995 e que complementa as figuras de protección de Ben de Interese Cultural (BIC) e de ben catalogado presentes na norma.

"Hai unha cuestión de medios, porque efectivamente fan falla medios para conservar o patrimonio, pero tamén é unha cuestión de sensibilidade, de educación, de autoaprezo, de autoestima"

Porén, semella que o principal problema non está na lexislación, considerada suficiente polos expertos na materia. Para Felipe Arias, "en principio a lei non é mala. Sobre o papel a maior parte das leis de patrimonio son bastante boas, e tamén o é a de Galicia. Pero no medio rural hai moitos aspectos que acaban escapando á execución da lexislación". Destaca que "hai unha cuestión de medios, porque efectivamente fan falla medios para conservar o patrimonio, pero tamén é unha cuestión de sensibilidade, de educación, de autoaprezo, de autoestima". "E despois están os mecanismos de protección, que en Galicia sendo teoricamente bos, son malos de poñer en práctica, en boa medida pola dispersión da poboación. E nestes momentos tamén pola caída demográfica no medio rural", conclúe.

"Antes tamén se estragaban igrexas e outro patrimonio na zona rural" -continúa Arias- "pero había unha poboación no medio rural que protexía ese patrimonio, utilizándoo, ás veces mal-utilizándoo, pero outras veces utilizándoo ben e mesmo enriquecéndoo e mellorando ese patrimonio". "Hoxe en día o abandono do rural reflíctese moi ben na conservación do patrimonio. Non só nas igrexas, senón tamén en pazos e  casas da fidalguía rural que se foron abandonando nos últimos 50 anos e que hoxe son pura ruína. Isto é moi malo de resolver simplemente cunha boa lexislación", conclúe.

"O despoboamento do campo é o maior risco que hai para o patrimonio, porque leva a un abandono, o abandono leva ao espolio e o espolio leva á perda"

O mesmo opina Ramón Yzquierdo, que afirma que "non se trata de que a lexislación sexa boa ou mala. A historia é que non se gastan recursos nunha protección eficaz do patrimonio". "Os roubos nas igrexas rurais son frecuentes. E ademais dos roubos está toda a cuestión de abandonos de igrexas ou casas grandes e a ruína que iso leva consigo", destaca. "O despoboamento do campo é o maior risco que hai para o patrimonio, porque leva a un abandono, o abandono leva ao espolio e o espolio leva á perda. Hai que concienciar a xente de que iso o hai que conservar, estea ou non poboado, de que ese patrimonio é un dos fundamentos da cultura", conclúe.

Yzquierdo fai fincapé na concienciación e na educación, "outra das claves é a falta dunha conciencia colectiva de que eses bens, á marxe de que teñan un dono ou non, son unha cuestión que nos afecta a todos. Cultura debería facer un esforzo maior". "Se un non valora adecuadamente o que ten, é difícil conservalo. Se a xente ten máis coñecemento sobre o patrimonio sería máis doado que se implicase máis e que se conservase. É un proxecto a longo prazo", engade.

 

Os inventarios

"Ter un inventario é moi importante; dificilmente vas protexer algo que non sabes que existe. Pero tampouco ter un inventario perfecto che garante que iso vaia estar protexido"

"Ter un inventario é moi importante; dificilmente vas protexer algo que non sabes que existe. Pero tampouco ter un inventario perfecto che garante que iso vaia estar protexido", destaca Felipe Arias, que lamenta que o alcance de varios destes inventarios sexa irregular, ou que non teñan unha aplicación real ou unha posibilidade de consulta inmediata: "deberían actualizarse continuamente e ter unha aplicación maior da que teñen. Xa non digo que estean online, pero que cando menos teñan unha aplicación real. Hai inventarios moi bos pero que quedaron en institucións e de aí non pasaron".

Dende o 2011 funciona a web Patrimonio Galego (patrimoniogalego.net), un proxecto colaborativo de identificación e catalogación de bens cuturais, realizada de xeito social e que xa superou os seis mil bens inventariados, practicamente en todos os concellos de Galicia. Os seus responsables destacan que "un dos grandes problemas para o Patrimonio Cultural galego é que os cidadáns non sabemos o que temos. A Administración autonómica non fai pública en Internet a información da que dispón sobre os Bens Culturais". E iso que o artigo 22.3 da Lei de Patrimonio sinala que “o acceso ó Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia será público, na forma que reglamentariamente se estableza”.

"Un dos grandes problemas para o Patrimonio Cultural galego é que os cidadáns non sabemos o que temos. A Administración autonómica non fai pública en Internet a información da que dispón sobre os Bens Culturais"

"Tamén carecemos dunha visión clara do estado de conservación e difusión de cada un dos bens", subliñan. Esa foi unha das principais razóns que os levou a poñer en marcha este Catálogo Social do Patrimonio. A web, ademais de funcionar como un completo rexistro, informa dos mecanismos para denunciar unha agresión ao patrimonio

 

O acceso público

"O abandono do rural leva a isto. Ti antes chegabas a un núcleo rural, e case sempre podías dar con alguén que tiña a chave. Hoxe á maior parte dos núcleos rurais onde chegas para ver unha igrexa, pois non hai ninguén"

En moitos destes monumentos o acceso público está condicionado aos horarios das misas ou á existencia dunha persoa, no lugar ou nos arredores, que posúa unha chave. "O abandono do rural leva a isto. Ti antes chegabas a un núcleo rural, e case sempre podías dar con alguén que tiña a chave. Hoxe á maior parte dos núcleos rurais onde chegas para ver unha igrexa, pois non hai ninguén", comenta Felipe Arias, que engade que "o patrimonio é de todos, o patrimonio é un ben social, un ben público. Pero hai moito patrimonio que está en mans privadas ou semi privadas, coma o caso da Igrexa".

Hai unha esixencia, iso si, de que a ese patrimonio cando está declarado ben de interese cultural se garanta un mínimo acceso. Porén, como o propio Arias recoñece, "é complicado pola falta de medios e pola falta de xente". "E tamén por un problema de seguridade: ti non podes deixar as igrexas abertas a todo o que pase, porque en dous anos quedas sen todos os bens que hai na igrexa. Fan falla medios", destaca.

Felipe Arias sinala a este respecto que "noutras comunidades autónomas e noutros países recórrese ao voluntariado, a asociacións culturais que se encargan de abrir, de guiar, de ensinar". "Se cadra era unha vía que había que explotar máis, sobre todo nestes tempos de crise nos que o patrimonio e a cultura son os primeiros en pagar. Nestes casos, por suposto, un debe asegurarse ben de en que mans se pon iso", engade.

"Noutras comunidades autónomas e noutros países recórrese ao voluntariado, a asociacións culturais que se encargan de abrir, de guiar, de ensinar"

"O turismo é importante, dende logo" -conclúe Arias- "pero por autoestima ti tes que ter o teu patrimonio coidado". "Isto é un tema de educación, dende a etapa infantil. Sempre insisto en que se ten que educar na importancia do patrimonio como se educa na protección do medio ambiente ou en seguridade vial", reitera.

Frescos na igrexa de Labrada, en Guitiriz Dominio Público Praza Pública
Fachada da igrexa de Tirimol, en Lugo © Turgalicia
Web de patrimoniogalego.net Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.