N.H.U. serán recoñecidos nos Premios Galegos da Música

Imaxe dun ensaio de N.H.U. Dominio Público Praza Pública

A década dos setenta foi o tempo do rock progresivo e a psicodelia, tamén en Galicia. Cun único disco publicado, en 1978, N.H.U. ficou na historia da música galega como unha auténtica banda de culto. O seu álbum homónimo, editado con boas críticas pero que non tivo unha boa distribución no seu tempo, converteuse nun obxecto de desexo para os coleccionistas musicais, superando os 240 euros na actualidade.

Os Premios Martín Códax da Música entregaranlles aos compoñentes de N.H.U. o Premio Honorífico Músicos ao vivo, destacando o seu carácter de "proxecto musical avanzado ao seu tempo, aglutinador dunha xeración de músicos inquedos, inconformistas e entregados a un proxecto minoritario, underground e carente de referentes próximos". Músicos Ao Vivo valora "a valentía, a ousadía e a fe dun grupo galego que trazou novas formas de facer música nunha Galicia recén saída da ditadura franquista". "Con este recoñecemento, facemos xustiza, recuperamos memoria e ampliamos a nosa perspectiva como potencial musical, no espazo e no tempo. Parabéns a N.H.U.”, conclúen.

O grupo formárase ao redor de 1973, "tocando pachanga nas salas de festa", pero entre 1975 e 1976 os membros da banda foron chamados á mili. Adoptou o nome de N.H.U. como acrónimo de "Una Hermosa Noche", á inversa, e como unha referencia ao grupo californiano It’s a Beautiful Day, como destaca Alfonso Espiño no seu libro Historia da Música Moderna en Santiago de Compostela (1954-1978), de próxima publicación

Ademais de Xosé Ferreiro, Roberto Abal, Antón Porteiro, Ricardo Máiz e Emilio Cao, formación inicial do grupo, pasaron por N.H.U. Tino Grandío, Antonio Fernández, Xoán Piñón, Xurxo Pérez ou Cuchús Pimentel

En 1976 comezan a aventura de gravar o disco, ao que dedican longas xornadas de ensaios, e de buscar locais nos que tocar: "non era doado que nos deixasen tocar en certos sitios, a xente non estaba afeita a esta música, así que lle dicíamos que ademais de guitarras eléctricas tiñamos instrumentos clásicos, como violíns e frautas, o que era certo", destacaba Xosé Ferreiro, batería da banda, nunha entrevista en Vieiros. Así conseguiron actuar, por exemplo, na Aula de Cultura de CaixaGalicia de Compostela, un concerto presentado por Benedicto e no que se xuntou tanta xente que mesmo romperon as portas do local.

Cantaban en galego, como destacaban no texto de presentación do álbum: "Tratamos de facer camiño e cantamos en galego porque é un idioma que nos gusta. A nosa música para vós". Os seus concertos eran basicamente instrumentais, moi densos, con longuísimas cancións cunha gran parte de improvisación, a constante presenza dun órgano hammond e guitarras psicodélicas.

Cantaban en galego, como destacaban no texto de presentación do álbum: "Tratamos de facer camiño e cantamos en galego porque é un idioma que nos gusta. A nosa música para vós"

Outra das constantes da banda foi o cambio nos seus integrantes, sobre todo nas guitarras. Ademais de Xosé Ferreiro, Roberto Abal, Antón Porteiro, Ricardo Máiz e Emilio Cao, formación inicial do grupo, pasaron por N.H.U. Tino Grandío, Antonio Fernández, Xoán Piñón, Xurxo Pérez ou Cuchús Pimentel. Tiñan material para un segundo álbum que nunca chegaría: "era difícil darlle saída a esa música en Galicia", destacaba Xosé Ferreiro. De feito a banda continuou tocando en salas de festas e algúns dos seus membros, coma o propio Ferreiro, seguen na música, aínda que varios deles (profesores, investigadores musicais, fotógrafos ou pintores), o fan de xeito afeccionado. 

 

Máis de 300 grupos inscritos

“Este segundo certame pasará á memoria como a edición da consolidación"

Este domingo rematou o prazo para inscribirse nesta segunda edición dos Premios Martín Códax da Música. O balance, destacan dende a organización, non podía ser máis positivo: 304 grupos, 13 salas, 21 festivais e 18 medios de comunicación inscritos. Como explica o voceiro de Músicos Ao Vivo (MAV), Xacobe Martínez Antelo, “este segundo certame pasará á memoria como a edición da consolidación".

Unha vez rematada a fase de inscricións, comeza a primeira rolda de votacións para escoller os finalistas en cada categoría. A través dun proceso de votación online e privado a través da web premiosmartincodaxdamusica.com, as socias e socios de Músicos Ao Vivo elixirán desde hoxe ata o 16 de novembro os 3 finalistas de cada unha das 15 categorías musicais, máis outros 3 nomeados por cada un dos 3 Premios Organistrum que este ano se conceden a salas, festivais e espazos de comunicación musical. Os finalistas coñeceranse o 26 de novembro durante unha festa nas Bodegas Martín Códax, patrocinador principal dos premios.

Imaxe dun ensaio de N.H.U. Dominio Público Praza Pública
Capa do disco Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.