A cultura non estivo entre as beneficiadas polo moi reducido incremento dos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano (0,5%). De feito, os fondos que o Goberno galego lle dedicará ao ámbito cultural descenden un 5%, un pequeno recorte que se suma a anos de descensos, acumulando unha diminución do 60% dende 2009, pasando de 141,06 millóns de euros a apenas 57,7. E todo nun sector, o cultural, que arrastra unha grave crise que non semella ver preto o final. Nos Orzamentos Xerais do Estado a dotación para Cultura crecerá un 4,3% con respecto ao ano anterior, até chegar aos 794,04 millóns de euros. Porén, o peso nestas contas pública da Cultura, transferidas case por completo ás comunidades autónomas todas as competencias, segue sendo case testemuñal: un 0,2% do total.
Para a AELG, "estes tampouco serán uns orzamentos proclives para a recuperación do sector cultural pois non consta a cultura e a educación entre as áreas de investimento claramente prioritario"
Dende a directiva da Asociación de Escritoras en Lingua Galega, sinalan que "á vista do reparto das porcentaxes de investimento por Consellarías, estes tampouco serán uns orzamentos proclives para a recuperación do sector cultural pois non consta a cultura e a educación entre as áreas de investimento claramente prioritario". "Botamos en falta que as cifras aposten verdadeiramente pola cultura desde as súas diferentes vertentes, isto é, tanto desde o plano do apoio á creación e visibilización da expresión cultural en galego como desde o que di respecto da protección e xeración de postos de traballo que actúan ao redor do sector cultural e que xeran riqueza en PIB para a economía do país", engaden.
De igual xeito, Bamad-Galicia destaca que os orzamentos "conxelan todas as partidas para Bibliotecas e reducen un 8,3% as de Arquivos. Estas mínimas dotacións orzamentarias continúan asfixiando os centros, proceso iniciado hai xa varios anos, e seguen a reducir as posibilidades de levar unhas políticas arquivísticas e bibliotecarias que se adecúen á realidade do noso país". A entidade conclúe que "os orzamentos non son bos" e engade que os datos ·son especialmente negativos xa que levamos acumulados anos de recortes orzamentarios". "A isto debemos engadir", conclúen, "que nos encontramos nun momento no que, tanto os arquivos como as bibliotecas, requiren dun impulso que debe ser apoiado economicamente".
Dende logo, non todo é culpa das políticas do Goberno galego. Pero é innegable que este forte recorte orzamentario axudou a afogar aínda máis a empresas e profesionais no seu peor momento. Entre 2009 e 2013, o emprego no ámbito da cultura descendeu nun 30%, perdéronse máis de 10 mil empregos (pasando de 33.900 a 23.300). Tamén caeron de forma clara as afiliacións á Seguridade Social no sector cultural galego, dende as 12.196 persoas de 2008 até as 10.397 de 2012. De igual xeito, segundo os datos do Observatorio da Cultura Galega, o gasto de galegos e galegas en bens e servizos culturais descendeu máis dun 15% só entre 2011 e 2012, uns 60 euros por persoa, acumulando unha caída total de 130 millóns de euros dende o 2008.
Libro e bibliotecas
Entre 2009 e 2013, o emprego no ámbito da cultura descendeu nun 30%, perdéronse máis de 10 mil empregos (pasando de 33.900 a 23.300)
O sector do libro é, sen dúbida, o máis afectado pola crise; só en libros os galegos e galegas gastaron 15,3 millóns menos no 2012, case un 27% menos. Outro dato: o número de libros editados en galego caeu case á metade en 2013, e supón pouco máis dun terzo dos que se editaban en 2007. E o número de empresas editoras caeu dende as 157 de 2009 até as 144 de 2013. En opinión da AELG, é moi difícil albiscar un punto de luz a curto prazo para o sector en xeral e para a expresión literaria.
"Unha sociedade que cada vez usa menos o seu idioma tamén demandará menos cada vez os productos culturais e a literatura que nace nese idioma"
En primeiro lugar porque "a precarización do oficio de escribir que impide poder optar á completa profesionalización do mundo da escrita como un preferente medio de vida digno". Ademais, os recentes datos da edición en galego "continúan a fotografar a importante redución no volume de publicacións, o que afecta á mingua expositiva da literatura que se crea en galego nos diferentes xéneros e dos seus autores e autoras, así como da propia industria editorial cada vez máis enfraquecida". Finalmente, sinalan que "a realidade sociolingüística que os recentes datos do IGE continúan a confirmar desde a perspectiva do avance na perda de uso do idioma propio, e ante a cal non se percibe ningún tipo de cuestionamento desde o goberno galego e, consecuentemente, aplicación de medidas de actuación con vontade de intervención e corrección da tendencia, afecta gravemente á recepción e valoración social positiva da literatura galega por parte da sociedade". "Unha sociedade que cada vez usa menos o seu idioma tamén demandará menos cada vez os productos culturais e a literatura que nace nese idioma; consecuentemente producirase menos, minguará a diversidade da oferta para o público lector e teremos menos posibilidade de contribuírmos para a normalización lingüística", conclúen.
E, relacionado co libro, as bibliotecas están entre as unidades da administración que máis sufriron os recortes orzamentarios do Goberno presidido por Alberto Núñez Feijoo. En dous anos o orzamento total para bibliotecas descendeu por debaixo da metade, e foi precisamente a partida destinada á adquisición de novos fondos bibliográficos a máis afectada, pasando de 1.5 millóns de euros en 2011 a uns 80 mil euros nos dous vindeiros anos. Ademais, as bibliotecas dos concellos de máis de 30 mil habitantes (as sete cidades, ademais de Arteixo, Carballo, Narón, Oleiros e Vilagarcía) non recibirán un só euro do Goberno galego para a compra de libros. Nestes concellos vive case a metade da poboación de Galicia.
A directiva da Asociación de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas de Galicia (Bamad-Galicia) recoñece que "as axudas deben favorecer unha maior cohesión territorial beneficiando as bibliotecas menos desenvolvidas", pero engade que "isto non se debe facer excluindo outras bibliotecas". Ademais, sinala que "esas partidas de cohesión en nada van axudar a mellorar as coleccións xa que se trata de partidas ridículas para os concellos máis pequenos".
Olimpia López, presidenta de Bamad-Galicia, sinalaba que as bibliotecas son "máis necesarias ca nunca en tempo de crise" ao contribuír "á igualdade de oportunidades" no acceso á información e ao ocio. Os datos semellan darlle a razón: a pesar dos recortes, o número de usuarios e usuarias rexistradas en Galicia creceu nos últimos anos, dende as 872.116 de 2008 ás 1.029.856 de 2012. Tamén creceron os préstamos: en 2008 emprestáronse 2.501.382 libros en Galicia; e catro anos máis tarde esa cifra creceu case un 20%, até chegar aos 2.955.733.
Artes escénicas, musicais e cinema
As artes escénicas tamén están entre as máis prexudicadas pola crise e os recortes. E os efectos son claros: en 2012 houbo en Galicia a metade de representacións de artes escénicas que en 2009
As artes escénicas tamén están entre as máis prexudicadas pola crise e os recortes. E os efectos son claros: en 2012 houbo en Galicia a metade de representacións de artes escénicas que en 2009, segundo datos da Fundación SGAE. En Galicia en 2012 houbo 1.611 representacións de artes escénicas, fronte ás 1.977 de 2011, e ás 3.164 de 2009, ano no que se acadaron as mellores cifras. E o mesmo sucedeu coas funcións de danza, que pasaron das 169 de 2009 até as 91 de 2012. Galicia pasou de representar o 4,4% do mercado español das artes escénicas a tan só o 2,9%, coa metade de representacións que Aragón ou Castela e León, que contan con menos poboación.
En total, o número de espectadores do teatro en Galicia descendeu dende os 548.935 de 2009 (xa en descenso dende o 2007, cando acadou o seu máximo con 580.170) até os 396.624 do 2012. O efecto da crise déixase ver tamén, por exemplo, no número de festivais teatrais organizados en Galicia, que pasou de 62 en 2009 até os 46 en 2013. Descendeu así mesmo o número de compañías teatrais, que caeu dende as 267 de 2009 até as 2013 do pasado ano. En termos de recadación, a crise das artes escénicas en Galicia é igualmente evidente: dos 3.853.191 euros obtidos en 2009 até os 2.709.688 de 2012.
Algo mellor está a situación para a música. Crece o número de concertos de música popular (pasan de 4.857 en 2009 a 5.206 en 2012) e tamén o número de festivais (de 23 a 27) e de salas de concerto (de 26 a 27). Pero outros indicadores non son tan positivos; por mor da crise descende o número de espectadores (de 1.593.706 en 2009 a 1.182.888 en 2012). E algúns xéneros coma a música clásica ou o xénero lírico vense claramente afectados, cunha caída dende os 1.431 concertos celebrados en 2009 aos 1.221 de 2012.
No cinema, descende o número total de espectadores e espectadoras en Galicia, dende as 4,2 millóns de 2009 até os 3 millón de 2012
No que atinxe ao cinema, a evolución recente do sector varía moito dependendo do factor ao que se atenda. Crece o número de empresas produtoras (pasan de 15 en 2008 a 18 en 2012) e medra tamén o número de salas (das 170 de 2008 ás 184 de 2013). Porén, descende o número total de espectadores e espectadoras en Galicia, dende as 4,2 millóns de 2009 até os 3 millón de 2012. E, consecuentemente, descende tamén a recadación total, dos 25,2 millóns de euros de 2009 aos 19,8 millóns de 2013).
Alerta contra o "desmantelamento"
A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural alertaba de que os recortes e o "desmantelamento" de redes e estruturas estaban poñendo en perigo "o dereito da cidadanía a acceder de xeito igualitario á diversidade cultural e ao coñecemento"
Hai uns meses a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) fixeron público o manifesto A cultura galega, a nosa angueira, moi crítico coa xestión do Goberno galego en materia cultural. No texto destacábase que "hoxe, tantos anos despois daquelas iniciativas culturais que na década dos 70 do pasado século ergueron o facho para alumearen o camiño da recuperación cultural de Galiza, segue sendo a iniciativa popular asentada en asociacións, colectivos, estruturas profesionais e algunhas institucións conscientes, a que mantén viva a nosa cultura, moitas veces contra o vento e a marea institucional que, escusándose na crise, practican a destrución cultural de noso e, por tanto, da industria cultural, empobrecendo o noso país ao privalo dun dos medios de produción propios".
De igual xeito, o documento Pensamentos sobre: que facer coa cultura?, elaborado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, alertaba de que os recortes e o "desmantelamento" de redes e estruturas estaban poñendo en perigo "o dereito da cidadanía a acceder de xeito igualitario á diversidade cultural e ao coñecemento". Sinalaba, ademais, que aínda que as institucións públicas teñen a obriga constitucional de promover e tutelar o acceso igualitario á cultura e o coñecemento, "os axentes culturais debemos reflexionar tamén sobre os valores que hai detrás do noso traballo e o que lle achegamos á sociedade, co obxectivo de que a cultura recupere a súa función de motor social e económico".