"É unha desgraza que unha persoa que quere cantar marche a unha orquestra"

Davide Salvado, Santi Cribeiro e Cristian Silva © Asestrelo Fotógrafo

Entre o mércores 22 e o domingo 26 Compostela virará unha das capitais mundiais da música. O Womex 2014, encherá a Cidade da Cultura e varios espazos da zona vella de world music, con máis de 300 artistas de todo o planeta, entre eles os galegos Uxía, Davide Salvado e Germán Díaz. Ademais, ao redor de 2.600 persoas de máis de 100 países participarán nunha das meirandes feiras musicais, que inclúe 270 stands con máis de 600 empresas, ademais de 22 conferencias e 80 relatores de 30 países e 17 xuntanzas de networking, entre outras actividades.

A protagonista é a música e Compostela acollerá 45 concertos distribuídos por distintos puntos da cidade (aos que se pode acceder cun abono de 55 euros), 18 deles (os máis destacados) na Praza da Quintana, para os que tamén se poden mercar entradas individuais (cun prezo de 20 euros por noite).

Son tres os artistas galegos seleccionados (Davide Salvado, Uxía e Germán Díaz) polos chamados sete samurais, os expertos encargados de realizar unha complexa peneira, escollendo uns poucos nomes para un escaparate de repercusión global

WOMEX leva xa 19 edicións por toda Europa: Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica ou Cardiff. A súa vixésima edición, a primeira en Galicia, elixiu Santiago de Compostela como escenario. Nestes 20 anos de historia, só unha artista galega fora escollida na selección oficial (Mercedes Peón no 2010). Este ano son tres os e as artistas galegas seleccionadas (Davide Salvado, Uxía e Germán Díaz) polos chamados sete samurais, os expertos encargados de realizar en cada Womex unha complexa peneira, escollendo uns poucos nomes para un escaparate de repercusión global.

Falamos con Davide Salvado (Marín, 1981). De formación autodidacta, despois de anos de percorrer Galicia realizando recollidas de pezas e sons tradicionais, no 2004 entra a formar parte, xunto a Ugia Pedreira (Marful), Ramom Pinheiro e Richard Rivera, do grupo Ecléctica Ensemble. Pouco despois, uniuse como cantante e percusionista á banda de Xosé Manuel Budiño, coa que xirou por escenarios de medio mundo. Tradición e innovación, eclecticismo, múltiples disciplinas (cabaré, teatro...), todo iso compón a traxectoria e a personalidade carismática deste artista.

No 2011 editou o seu primeiro traballo en solitario, Árnica Pura, producido por Eliseo Parra. E dende hai uns meses, á espera de gravar o seu novo disco, está a presentar O Ladrón de Amorodos, o seu novo espectáculo a trío xunto a Santi Cribeiro e Kristian Silva, no que a voz e as percusións tradicionais teñen o protagonismo. Falamos con el sobre a súa participación no Womex e o efecto que este evento pode ter na música galega. E tamén doutros proxectos, coma a súa participación, este mesmo luns, no concerto gravado na Ribeira Sacra polo colectivo Wapapura, que percorre o mundo organizando e filmando concertos en espazos naturais escollidos, e sempre con enerxía solar.

"En ocasións chegas a un estado de desmoralización ao ver que aquí non se apoia nada a cultura, e menos a cultura propia"

Que representa para ti ser escollido para actuar no Womex?

Representa un recoñecemento a toda a miña curta (ou longa desde a miña perspectiva) carreira. E un recoñecemento que vén de xente que ten moitísimo criterio, xente do ámbito das músicas do mundo, os chamados sete samurais. Un recoñecemento, ademais, que chega no momento perfecto, neste Womex que acolle Galicia. En ocasións chegas a un estado de desmoralización ao ver que aquí non se apoia nada a cultura, e menos a cultura propia.

"Non son conformista co sistema noso. Seguramente por ser unha persoa crítica, son menos buscado polas institucións. Provoco unha incomodidade notoria"

Sénteste ou sentícheste un incomprendido na música galega?

A palabra non é incomprendido. Eu sei que son un artista que son politicamente correcto, non o vou ser nunca, nin quero selo. Creo que hai que ser crítico e temos moitas razóns para selo. Non son conformista co sistema noso. Seguramente por ser unha persoa crítica, son menos buscado polas institucións. Provoco unha incomodidade notoria.

Que impacto terá o Womex na música galega?

É unha marabilla que Galicia organice o Womex este ano. É, dende logo, un trampolín para a música galega. A min vaime abrir portas, vaime situar nun lugar no que me vai poder ver unha chea de xente sen prexuízos. E a Galicia vaille supor situarse no mapa; un lugar no que se fai unha música incrible, cunha riqueza que seguramente é superior á doutras rexións.

Hai talento, falta estrutura? Que fai falla para un crecemento da industria musical galega?

O que falta é que todos os galegos lle deamos importancia ao que somos, a nivel musical, a nivel paisaxístico, a todos os niveis. Vivimos nun país esnaquizado. É unha desgraza que unha persoa teña unha casa de pedra, a tire e faga unha nova. É unha desgraza que alguén decida repoboar un bosque e plante eucaliptos. E é unha desgraza que unha persoa que quere cantar marche a unha orquestra, tendo a marabilla que en Galicia temos de arquitectura, de natureza e de música.

"O que falta é que todos os galegos lle deamos importancia ao que somos, a nivel musical, a nivel paisaxístico, a todos os niveis. Vivimos nun país esnaquizado"

Como será a túa actuación deste sábado? Haberá sorpresas?

O meu espectáculo vai ser o mesmo co que estou xirando ultimamente, o Davide Salvado Trío, con Santi Cribeiro e Cristian Silva, percusión e acordeón. Non preparei nada especial, simplemente vou ofrecer o que ofrezo a todos os públicos en calquera local, tanto en prazas grandes coma locais pequenos. É polo que me escolleron e vou ser fiel a iso. Si vou incluír temas do meu novo disco, que publicarei en breve e que estou a gravar con Pedro Pascual. Será un concerto 100% galego, con pezas tradicionais, algunhas recollidas por min, outras por outra xente. Un espectáculo íntimo, galego e con sabor.

Algunha recomendación entre os concertos deste Womex?

Recomendo moitísimo a Cesária Évora Orchestra, que nunca a vin en directo, pero que a recomendo vivamente. E tamén a Ester Rada, de Israel, que actúa despois de min o sábado na Quintana e tamén é unha marabilla.

"A experiencia de Wapapura foi un antes e un despois, xa non só da miña carreira, senón a nivel vital, foi maxia pura. O entorno da Ribeira Sacra tamén axudaba a iso"

Como foi a experiencia de gravar con Wapapura? Como deron contigo?

Wapapura é un grupo de xente nova, moi modernos e moi orgánicos, que fan todo con enerxía solar. Fan unha reportaxe dun entorno natural que eles escollen, xuntan aí os músicos, neste caso David Rothenberg, Indre Jurgelevičiūtė, Miguel Hiroshi e eu mesmo. Para min foi un antes e un despois, xa non só da miña carreira, senón a nivel vital, foi maxia pura. O entorno da Ribeira Sacra tamén axudaba a iso. Chamáronme a min en parte porque estou seleccionado no Womex, pero tamén porque o equipo de Wapapura leva un mes na Ribeira Sacra gravando a vendima e as paisaxes. Estaban nun bar e víronme nunha entrevista na televisión. Creo que nunca traballei con xente coma esta, que o fai todo con tanto cariño, con tanto corazón, con tanto respecto á natureza e ao medio. E xente nova, ademais. Parece que todos os políticos teñen que ser anciáns, que todo o mundo ten que ser ancián. É un gusto colaborar en iniciativas impulsadas por xente de 30 anos.

Davide Salvado, Santi Cribeiro e Cristian Silva © Asestrelo Fotógrafo
Davide Salvado Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.