Adeus a Aurora Bernárdez

Aurora Bernárdez CC-BY-NC-ND Casa de América

Podemos comezar a contar a historia de Aurora Bernárdez a partir de Francisco Bernárdez e Dolores Nóvoa, pai e nai nacidos en Maside e emigrados a Arxentina a comezos do século XX. Alí, en Bos Aires, naceu esta tradutora, editora, arquiveira e escritora, que en 1948 coñeceu a Julio Cortázar, da que foi parella e, trala morte do autor arxentino, testamenteira da súa obra e arquiveira e custodia dos seus bens. Aurora Bernárdez, a alma galega de Cortázar, finou en París esta fin de semana, aos 94 anos de idade.

A pesar de nacer na Arxentina, Bernárdez pasou a súa infancia en Galicia, entre Maside, Vigo e Lugo, aínda que regresou á Arxentina para estudar

A pesar de nacer, efectivamente, na Arxentina, Bernárdez pasou a súa infancia en Galicia, entre Maside, Vigo e Lugo, aínda que regresou á Arxentina para estudar e licenciarse en Literatura na Universidade de Bos Aires. Alí coñeceu a Cortázar, co que marchou vivir a París en 1952, traballando como tradutora en diversos proxectos e, dende 1953 de forma fixa na Unesco, onde estivo empregada ata a súa xubilación en 1985. Nese tempo Bernárdez tamén colaboraba en traducións literarias que asinaba Cortázar, como as das obras completas de Edgar Allan Poe. Tamén colaborou con el no proceso de preprodución de varias das futuras traducións das obras de Cortázar a outros idiomas. Acompañada de Cortázar visitaron Galicia en 1956 e 1957.

Sobre a parella escribiu Mario Vargas Llosa: "Nunca deixou de marabillarme o espectáculo que significaba sentir conversar e ver a Aurora e a Julio en tándem. Todos os demais pareciamos sobrar. Todo o que dicían era intelixente, culto, divertido, vital. A miúdo pensaba: 'non poden ser sempre así. Esas conversas ensáianas na casa para abraiar logo os interlocutores coas anécdotas inusitadas, as citas brillantísimas e esas chanzas que, no momento oportuno, descargan o clima intelectual'".

Aurora Bernárdez foi a principal tradutora ao español da obra de Italo Calvino e mais tamén do movemento existencialista francés

Aurora Bernárdez foi a principal tradutora ao español da obra de Italo Calvino e mais tamén do movemento existencialista francés, e ocupouse entre outras obras dos máis senlleiros títulos de Sartre, Beauvoir ou Camus. Tamén traduciu a Jean Cocteau, Flaubert, J.D. Salinger, Faulkner, Nabokov ou Bradbury. Esta intensa actividade fíxoa merecedora do Premio Konex de Tradución, o maior premior cultural da Arxentina, en 1994. Ademais, é unha das principais editoras da obra de Cortázar, da que fixo numerosos traballos preparatorios de tradución a outras linguas.

En 1968 Cortázar e Bernárdez separáronse como parella, aínda que mantiveron unha estreita relación. De feito, Bernárdez coidou de Cortázar nos seu últimos anos, ata a súa morte en 1984. Bernárdez, na súa función de testamenteira e custodia dos bens do autor de Rayuela, é a responsable de que o arquivo audiovisual de Cortázar fose doado á Xunta de Galicia, e que hoxe permaneza depositado no CGAI. Ela mesma fixo entrega destes materiais en 2005, un fito cultural que foi acompañada dun amplo conxunto de actividades (exposicións, conferencias, proxeccións...) en toda Galicia.

Bernárdez, na súa función de testamenteira e custodia dos bens do autor de Rayuela, é a responsable de que o arquivo audiovisual de Cortázar fose doado á Xunta de Galicia, e que hoxe permaneza depositado no CGAI

Bernárdez foi internada o pasado mércores en París a consecuencia dun accidente cerebrovascular, morrendo o sábado pola mañá. Residía dende había 50 anos no mesmo edificio da praza do Xeneral Beuret no que convivira con Cortázar e, segundo recollen algunhas fontes, será soterrada no cemiterio de Montparnasse, onde tamén están os restos do autor arxentino. É tamén o cemiterio no que, no final de Rayuela, o personaxe de Horacio Oliveira guinda unha bola de papel: "Á altura do cemiterio de Montparnasse, despois de facer unha boliña, Oliveira calculou atentamente e mandou as adiviñas a xuntarse con Baudelaire ao outro lado da tapia, con Devéria, con Aloysius Bertrand, con xentes dignas de que as videntes lles mirasen as mans",

Aurora Bernárdez, con Cortazar © Mauricio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.