"Queremos reactivar o símbolo de Barriga Verde, devolverlle o seu valor subversivo pero no contexto actual"

Barraca de Silvent, no MPG © Museo do Pobo Galego

Barriga Verde foi o títere (de luva) por excelencia en Galicia durante o século XX. Percorreu da man da familia Silvent feiras e festas de todo o país entre os anos 10 e os anos 60. Esta mostra única de expresión teatral en galego quedou na memoria de varias xeracións con expresións como “Morreu o Demo, acabouse a peseta". Porén, deixou moi escasas referencias escritas, e co paso dos anos o seu recordo foi esvaecendo, fixado unicamente nas lembranzas daqueles e daquelas que o viran en directo. Dende hai uns anos un grupo de persoas, integradas dende o 2013 na Asociación Cultural Morreu o Demo, traballan en distintos eidos para recuperar a memoria deste personaxe e dos propios titiriteiros

O Museo do Pobo Galego acolle dende este martes e até o vindeiro 15 de xaneiro a exposición Barriga Verde, de feira en feira, que previamente pasou por Lugo e que está organizada pola Asociación Cultural Morreu o Demo, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación do Lugo, o Concello de Pontevedra, o Museo Provincial de Lugo e mais o propio Museo do Pobo Galego.

Na exposición poden verse por vez primeira en medio século os bonecos orixinais que José Silvent empregaba no seu espectáculo, e que foron cedidos pola familia

Na exposición poden verse por vez primeira en medio século os bonecos orixinais que José Silvent empregaba no seu espectáculo, e que foron cedidos pola familia Silvent e recuperados pola asociación, ante o risco que corrían de ser perdidos para sempre. A mostra propón igualmente un percurso polo mundo no que se desenvolveu este espectáculo, o das feiras tradicionais, acontecemento festivo por excelencia en Galicia até a década de 1960. Para facilitar a inmersión neste mundo, a exposición reproduce diferentes postos de venda e entretementos dos habituais nestes eventos. Xogos como o pimpampum ou o péndulo están dispoñibles para que os asistentes proben a súa habilidade. Tamén hai habilitado un set fotográfico e mais un pequeno teatro de títeres que pode ser manexado polos visitantes.

Ata o peche da exposición están previstas actividades paralelas, como un obradoiro de creación e manipulación de títeres, unha representación do espectáculo Barriga Verde a cargo de Viravolta Títeres e mais unha proxección do documental Morreu o demo, acabouse a peseta. Este filme foi producido por Comba Campoy, que ademais está a elaborar a primeira tese de doutoramento sobre o personaxe e é responsable da produción, dos textos e da documentación da mostra.

"Queremos reactivar este símbolo, devolverlle o seu valor subversivo, pero no contexto actual"

Comba Campoy destaca que a mostra, ao igual que as demais accións que a asociación desenvolve noutros ámbitos, busca que Barriga Verde "se converta nun novo referente e icona cultural, algo que sirva para ser utilizado, para ser apropiado". Ao tempo, quérese "actualizar o personaxe", pois -di- "seguramente non tería sentido traelo á época actual exactamente igual que chegaba aos nosos avós, pero podemos traer ao noso tempo ese espírito de irreverencia, de irreverencia calada". "Queremos reactivar este símbolo, devolverlle o seu valor subversivo, pero no contexto actual", engade.

O espectáculo máis coñecido era, posiblemente, O demo, que remataba dicindo: "Señores, morreu o demo, acabouse a peseta", que era o prezo da entrada naquel tempo

O percorrido de Barriga Verde eran festas e romarías de toda Galicia, fundamentalmente no verán: o San Froilán de Lugo, a Ascensión de Santiago, a Peregrina de Pontevedra, María Pita da Coruña e o Corpus de Ourense, entre outras moitas. Silvent sempre conseguiu un importante interese e atención do auditorio, pois incorporaba aos diálogos dos personaxes elementos de actualidade e sucesos de tipo local. Barriga Verde era sempre o protagonista, dotado de intelixencia e picaresca fronte ás demais figuras, secundarias. O espectáculo máis coñecido era, posiblemente, O demo, que remataba dicindo: "Señores, morreu o demo, acabouse a peseta", que era o prezo da entrada naquel tempo. 

Sorprende en Barriga Verde que a pesar de ser tan coñecido no seu tempo, de ter producido un impacto tan grande na cultura popular (mesmo para perdurar na memoria colectiva o personaxe e algunha das súas expresións) chegase a un estado de case completo esquecemento, seguramente motivado pola ausencia de referencias escritas e pola non formalización e institucionalización da súa figura. "Os únicos rexistros escritos que existen" -destaca Comba Campoy- "son dalgúns galeguistas, que deixaron algunha referencia, pero é moi pouca cousa. Atopamos, si, o caso de Risco, que ten media ducia de artigos en La Región nos que fala de Barriga Verde, tamén Cunqueiro fala do tema nalgún artigo do Faro, e tamén o fai Borobó. Estes autores manteñen o espírito do movemento romántico europeo, preocupado porque non morreran as expresións de cultura popular que pervivían. Pero á marxe disto non había ningún outro rexistro escrito, e a propia familia non se preocupou de preservar a memoria". Unicamente Manuel María publicou en 1968 Barriga Verde, un texto teatral no que recuperaba personaxes e situacións do espectáculo.

"Queda moito traballo por facer. Por exemplo, no que atinxe aos diálogos da obra, que, como nunca se escribiron, para recuperalos hai que tirar de memoria, de persoas que puideron ver o espectáculo"

E aí é onde entran, hai uns anos, persoas coma a propia Comba Campoy, o investigador Xaime Iglesias, autor da biografía de José Silvent, ou Anxo García e os membros de Títeres Viravolta, que recuperaron a obra Barriga Verde e recrearon a última barraca de José Silvent). A súa actividade, primeiro por separado e dende o ano pasado no marco da asociación, permitiu que a memoria deste teatro de monicreques non se perdese. "A formalización proxecto serviu para aglutinar os esforzos que se estaban facendo e tamén para conseguir que se visibilizase un pouco máis todo o traballo", destaca Comba, que sinala no entanto que "queda moito traballo por facer. Por exemplo, no que atinxe aos diálogos da obra, que, como nunca se escribiron, para recuperalos hai que tirar de memoria, de persoas que puideron ver o espectáculo e que nos poidan axudar a reconstruílo". 

Barriga Verde é cultura popular absolutamente inserida na tradición galega, pero ao mesmo tempo forma parte dunha tradición máis ampla, de dimensión (cando menos) europea. "Hai moi poucas diferenzas no repertorio, nos trazos de carácter, entre o noso Barriga Verde e o Don Roberto do norte de Portugal, pero é igualmente curmán de Pulcinella, Punch ou de Polichinelle, atopamos expresións culturais moi semellantes en todo o continente. Non entendo como as institucións europeas non repararon en que teñen aí un exemplo perfecto dunha cultura europea", destaca Campoy. "Posiblemente sexa unha figura universal, porque atopamos elementos semellantes en Asia, no norte de África, nos mamolengos do Brasil", engade.

"Atopamos expresións culturais moi semellantes en todo o continente. Non entendo como as institucións europeas non repararon en que teñen aí un exemplo perfecto dunha cultura europea"

"É interesante que se vexa a exposición non como un fin en si mesmo, senón como un medio para seguir alimentando o proxecto", remata Comba. Un proxecto con moito percorrido e aínda moito traballo por facer no obxectivo de reivindicar a vixencia de Barriga Verde para a actualidade, de recuperalo, entendendo esta recuperación tanto por "recobrar a súa memoria" coma por "garantir a transmisión interexeracional da historia do personaxe como popularizalo e achegalo aos máis novos". "Queremos facer de Barriga Verde un personaxe máis da nosa cultura", conclúen.

Stand do proxecto no Culturgal Dominio Público Proxecto Barriga Verde
Títeres de Silvent © Proxecto Barriga Verde

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.