Fran P. Lorenzo gaña o Blanco Amor cunha novela protagonizada pola cidade de Vigo

Fran Pérez Lorenzo Dominio Público Praza Pública

“De moitas novelas repítese o tópico de que a cidade é protagonista. Neste caso é así, Vigo é a protagonista principal. A miña teima era falar sobre a cidade, pero a cidade como ser vivo. E a partir de aí comecei a construír a historia dunha familia, dunha saga familiar que atravesa un século enteiro, dende o final da Primeira Guerra Mundial ata o presente”. O xurado do Premio Blanco Amor de novela decidiu por unanimidade outourgarlle o galardon ao xornalista Fran Pérez Lorenzo pola súa obra Cabalos e Lobos. O autor recibirá o premoi o vindeiro sábado 22 en Redondela.

“De moitas novelas repítese o tópico de que a cidade é protagonista. Neste caso é así, Vigo é a protagonista principal. A miña teima era falar sobre a cidade, pero a cidade como ser vivo"

Fran P. Lorenzo (Vigo, 1973) destaca que, a pesar de que leva vinte anos escribindo nos medios, esta foi a primeira vez que se lanzou a escribi ficción, cando menos de cara ao público. “O premio faime moita ilusión, por moitos motivos" -di- "comezando por vincular dalgún xeito o meu nome ao de Blanco Amor, que é un dos meus autores de referencia nas letras galegas, e porque é unha historia que fala da miña cidade, con moita emoción detrás e con moito de min”. 

“Creo que Vigo é unha das cidades da narrativa galega contemporánea máis abordada, dende diferentes puntos. Pero esta é unha novela feita de dende dentro, con gran paixón pola cidade, pola súa historia, pola súa arquitectura. Tentei non ser tópico sobre o que Vigo significa, quería reflectir o que para min é Vigo", sinala Lorenzo.

"É unha historia que fala da miña cidade, con moita emoción detrás e con moito de min”

A novela, di, “ten trazas de culebrón, de melodrama. Hai moito amor, moita paixón, moitos segredos, e moitas cousas que non se din. Hai unha narradora principal que tira do fío da historia da súa familia para coñecer as cousas que ela non sabe. E ao mesmo tempo todo isto vai revelando fitos da historia do século, pero non só de Vigo, senón de Europa enteira". O autor salienta que "a vivencia sentimental de Blanco Amor ten moito que ver cun dos personaxes centrais na novela, que describe un amor homosexual na postguerra. Estas cousas pasaban, pero non están contadas, por iso gústame sacar á luz este tipo de historias, que estaban aí, sen revelar".

"É unha historia que levo cocendo na cabeza moitos anos, aínda que comecei a escribila en serio hai ano e medio. O meu afán era conectar a historia de Vigo coa historia de Europa, non quería tampouco unha historia demasiado local, quería que quen a lese se puidese ver recoñecido, fose de Vigo ou non”, engade.

A Fran P. Lorenzo, xornalista e nun proceso de ERE parcial dende hai dous anos, preguntámoslle tamén pola crise do xornalismo, e pola crise do mundo da edición e da cultura galega en xeral. "A crise do xornalismo e a crise da cultura en Galicia van á par" -di- "Non falta xente que faga cousas, pero a crise é produto da precarización na que estamos todos instalados". Comenta, a este respecto, que "esta novela puiden escribila grazas a que eu estaba nun ERE, e na semana que cada mes tiña de paro obrigado, marchaba a Vigo, enchoupábame da historia e podía escribir. Isto é tamén un símbolo do que está pasando".

 

33 anos de historia

"Esta novela puiden escribila grazas a que eu estaba nun ERE, e na semana que cada mes tiña de paro obrigado, marchaba a Vigo, enchoupábame da historia e podía escribir. Isto é tamén un símbolo do que está pasando"

O xurado, formado por Xoxé Luís Franco Grande, Camiño Noia Campos, Olivia Rodríguez González e Xosé Antonio Palacio Sánchez, non tivo dúbidas á hora de escoller a novela gañadora, que aínda non ten asegurada a súa publicación. Con todo, xa comezaron as xestións para buscar unha selo que edite o libro. Hai uns meses alertouse de que a continuidade do Blanco Amor corría perigo, toda vez que moitos dos concellos organizadores non realizaran a achega económica comprometida. Finalmente, o Concello de Redondela fíxose cargo da organización da edición 2014, asegurando a súa celebración, cando menos este ano. Fora en Redondela en 1981 onde xurdira a iniciativa de crear este galardón, impulsado dende os concellos para ser "o gran premio literario de Galicia", como destacaba nunha reportaxe Xurxo Martínez, edil de Cultura no primeiro goberno municipal democrático da vila.

Hai uns meses alertouse de que a continuidade do Blanco Amor corría perigo, toda vez que moitos dos concellos organizadores non realizaran a achega económica comprometida. Finalmente, o Concello de Redondela fíxose cargo da organización

Dende entón, nas 32 edicións do premio (só nunha ocasión, pola negativa a organizalo do alcalde da Coruña, Francisco Vázquez), inscribiron nel o seu nome importantes representantes da literatura galega contemporánea. Dende Daniel Cortezón, primeiro gañador con A vila sulagada. pasando por Víctor F. Freixanes, Alfredo Conde, Miguel Suárez Abel, Román Raña, Fran Alonso, Ramón Caride Ogando, Úrsula Heinze, Xosé Cid Cabido, Suso de Toro, Xavier Alcalá, Séchu Sende, Manuel Lourenzo González, Jorge Llorca Freire (o pasado ano) e, dende hoxe, Fran P. Lorenzo.

Fran Pérez Lorenzo Dominio Público Praza Pública
Praza de España, en Vigo CC-BY-NC-ND Lauramcastro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.