O cinema galego volve triunfar. A adaptación cinematográfica d'A Esmorga de Eduardo Blanco Amor (Vía Láctea Filmes, Editorial Galaxia e TVG), dirixida por Ignacio Vilar e protagonizada por Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán Morris conquistou os espectadores galegos na súa estrea nos cines de toda Galicia neste pasado venres.
O filme converteuse no día da súa estrea na segunda película en recadación media por cine en todo o Estado
Segundo os primeiros datos de asistencia ás salas, o filme baseado na mítica novela de Blanco Amor converteuse na segunda película en recadación media por cine de todo o Estado. "O cinema galego e en galego está á altura do cinema europeo ou mundial", asegura Vía Láctea que se puido escoitar entre uns espectadores que se recoñeceron "emocionados" pola adaptación da obra.
O director Ignacio Vilar e parte do equipo artístico do filme asistiron á estrea da película na Coruña e fotografáronse con parte dos asistentes, algo que os espectadores poderán facer hoxe no centro comercial Plaza Elíptica (entre as 17 e as 17:45 horas) e o Gran Vía en Vigo (entre as 19:30 e as 20:20 horas) e este domingo 23 no centro comercial As Cancelas en Santiago de Compostela (entre as 17:30 e as 18 horas).