Guadi Galego está de regreso. Vén de publicar Lúas de outubro e agosto, o seu segundo álbum en solitario tras Benzón (2009) e despois de ter participados en proxectos colectivos tan celebrados como Nordestinas, Espido e aCadaCanto. Lúas de outubro e agosto (Fol Música) ponse á venda este martes 25, pero xa dende hai unhas semanas adiantou o seu primeiro tema e vídeo, Matriarcas, un canto ás mulleres galegas. Guadi Galego preséntase nesta obra como unha artista máis madura, unha experiencia e uns sentimentos que se reflicten en cada unha das pezas. Como ela mesma destaca nesta entrevista, "quero pensar que conservo a ilusión que convive coa madurez do vivido, o que toca vivir por que che vén e o escollido. Todo iso convértete no que es, a vida vivida, pero a esencia está sempre".
Como e con que sentimentos naceu este disco?
Este disco nace no verán do 2014 cos mesmos sentimentos de sempre darlle soporte a música que fago, co único o obxectivo de facer algo sincero.
En que se parece en que se diferencia de Benzón?
Bufff. Creo que en pouco agás que a cantante é a mesma (ri)
"Quero pensar que conservo a ilusión que convive coa madurez do vivido, o que toca vivir por que che vén e o escollido. Todo iso convértete no que es, a vida vivida, pero a esencia está sempre"
Que cambiou e que queda da Guadi Galego que empezaba na música hai 15 anos?
Queda todo, máis todo se transforma e muda de forma. Quero pensar que conservo a ilusión que convive coa madurez do vivido, o que toca vivir por que che vén e o escollido. Todo iso convértete no que es, a vida vivida, pero a esencia está sempre. Evidentemente a formación e o estudo tamén te fan mudar.
A maternidade tamén cobra un papel fundamental neste traballo, non si?
Evidentemente eu non sería quen son nesta etapa da miña vida sen os meus fillos e iso vese reflectido na miña música pero non é o leitmotiv do disco.
Enfróntaste de forma moi distinta a un disco en solitario, como este, e a outros proxectos máis colectivos (Nordestinas, Espido…)?
Se cadra non conscientemente. Eu adoro partillar na vida e no traballo e así na música, síntome máis segura cando teño coresponsabilidade. Pero afrontar un traballo ti soa tamén che dá unha liberdade distinta, máis eu creo na negociación sempre (ri) Artisticamente crieime nunca banda de sete...
"A muller está presente en todo o que ten que ver coa sociedade, a economía familiar e a sensibilidade. O matriarcado está no subconsciente da colectividade"
É real o matriarcado en Galicia? Que impacto ten na nosa forma de existir como sociedade?
Si rotundo, segundo o dicionario da RAG matriarcado é o réxime social, político e xurídico no que a nai, e en xeral a muller, exerce un papel preponderante na familia e leva a xestión do poder na sociedade. Alguén ten algunha dúbida de que Galiza é un matriarcado? En canto ao impacto que ten na sociedade, é evidente que non sempre en presenza pero si en esencia a muller está presente en todo o que ten que ver coa sociedade, a economía familiar e a sensibilidade. O matriarcado está no subconsciente da colectividade.
Dixeches nunha entrevista recente que este é un “disco de pop feito por unha galega”. Cómpre ampliar o concepto que habitualmente entendemos por pop (seguramente un chisco degradado), axustando as súas costuras a outras formas de cantar e facer música?
O termo pop ven directamente de música popular. Asociamos pop á música que derivou do rock a partires dos anos 50 pero neste momento o pop, ao igual que outros xéneros, teñen cada vez menos limitacións estilísticas e abranguen unha gama de cores que flutúa ao gusto persoal do artista. Que ten que ver o pop lixeiro de Bustamante co pop de autor de Quique González? Cumpriría unha análise máis profunda. Quero pensar
que o meu pop de autora é un chisco sofisticado e con cheiro a música popular.
"Berrogüetto é banda sonora dunha xeración deste noso pobo que sen dúbida xa fixo historia pero por sorte en vida"
Hai uns meses asistimos á disolución de Berrogüetto. Que representa para ti e para a historia da música galega?
A historia escríbea o pobo, quero pensar. E Berrogüetto é banda sonora dunha xeración deste noso pobo que sen dúbida xa fixo historia pero por sorte en vida. O que representa para min é parte importante do que son como artista e ter a sorte de ter formado parte dunha das bandas máis potentes do panorama folk europeo, unha banda que no seu tempo foi rupturísta. Non é pouco.
"Estamos esquecendo a cultura de base, que é a que crea canteira e público cultural"
Como valoras a saúde da música galega, tanto no aspecto artístico, na súa calidade, coma nas súas estruturas?
A nivel de músicos, cantantes e interpretes, hai moi bo nivel, boto de menos un pouco máis de risco pero non é fácil debido ao desamparo. Estamos esquecendo a cultura de base, que é a que crea canteira e público cultural. Os profesionais botan os bafos por sobrevivir nun panorama inhóspito. É difícil que che paguen por tocar. É complexo sacar un mínimo para vivir cuns impostos desaforados e nunha sociedade que ten prioridades básicas. Esquecemos a miseria que moita xente sofre, é máis doado e rendible ver fútbol.