Suso de Toro: "España vive unha crise nacional porque non ten cultura nacional"

Suso de Toro CC-BY-SA A. Navarro

Suso de Toro acaba de publicar o seu último libro tras catro anos de retiro, Sonámbulos (Alianza Editorial), un compendio de tres relatos que o autor sentía a necesidade de sacar da súa cabeza. Desde a súa nova vida como profesor de secundaria, o autor fai un repaso á súa obra, ás súas motivacións e á situación de España desde a perspectiva de quen ve a vida desde fóra.

Sonámbulos é o título deste novo libro. séntese así neste momento? Teñen parte autobiográfica estas tres historias?

En certa medida vivín estes anos como un impostor. O meu verdadeiro eu, e isto xa aparecía en Sete palabras, era aquel mozo de 17-18 anos que se chamaba Álvaro e que era o meu nome na clandestinidade. Tras os Pactos da Moncloa sentinme, non traizoado, pero si abandonado, esquecido, incómodo. Eu estes anos vivín, gocei desta democracia coas súas limitacións, pero no fondo sempre me sentín un pouco incómodo comigo mesmo.

"Gocei desta democracia con limitaicóns, pero no fondo sempre me sentín un pouco incómodo comigo mesmo"

O que non puiden soportar é ler cousas dalgún intelectual do réxime que afirmou que eran igual de antidemócratas os franquistas que os antifranquistas. Non é certo porque, aínda que nós tivésemos ideoloxías delirantes, tiñamos razón en todo o que pediamos, eramos os que combatiamos aquel réxime e eramos os que pediamos un goberno provisional que convocase unhas Cortes. Non tivemos forza porque eramos grupos minoritarios que cumpriamos coa función de molestar o réxime pero non tiñamos o apoio da sociedade. Para min estivemos estigmatizados. Este libro responde a iso, á reivindicación da memoria daqueles anos e daquelas cousas. Que te tiren ao vertedoiro e que te insulten, pois non.

O segundo relato do libro céntrase na figura dun home que se dedica a conversar cos turistas da súa cidade. É un reflexo da súa cidade, Santiago, na que eses personaxes son habituais na contorna da Catedral?

A min fíxome a miña cidade, Santiago, en todos os sentidos. Fíxome ser radical en todas as miñas ideas, formoume unha cidade moi amoreada, moi apertada, e tamén moi doméstica e moi chea de xente de todas partes. Esa dialéctica está no mesmo relato. Non me custou nada imaxinar nada un ancián que lle dá a vara aos turistas.

Que motivos o levaron a iniciar a súa carreira como escritor?

O meu soño de rapaz era escribir unha obra literaria á altura dos autores que admiraba. A partir dun momento, nos anos 80, cando empezo a editar, expóñome á posibilidade de ser un escritor que viva do seu traballo, que poida dedicar a súa vida á creación literaria. Tiña un obstáculo importante, que era que naquel momento empezaba a haber condicións para a profesionalización de escritores en lingua castelá, pero eu era un autor en lingua galega. A partir de principios dos anos 90 empezan a traducirse os meus libros ao castelán, algún libro cómpranmo en Francia e as miñas obras véndense. Empezo a ver as bases da profesionalización.

Para min, a aventura daquela foi imaxinar unha carreira literaria, que é facer a obra que ti queres escribir, que esta obra teña unha recepción, que sexa seguida por público e crítica, que sexa editado noutras linguas e países e que teña unha continuidade.

"Ser un autor en galego en España significa que non saben o que facer contigo... Ou si saben: meterte na adega"

Con todo, en 2010, decide abandonar a escritura, polo menos de maneira profesional, e reincorporarse ao seu posto como profesor de secundaria. Que motivos hai tras esta decisión?

Ser un autor en lingua galega en España significa que non saben o que facer contigo, ou que si saben o que facer, meterte na adega. Eu sentinme moitos anos un polisón a bordo dese barco. Cando se falaba de literatura española podíase falar dun autor peruano ou arxentino, e eu que son cidadán español, que pago os impostos ao Estado español pois por ser autor en lingua galega non me consideraban parte da cultura e da literatura españolas. Acabei ata os collóns de todo, do sectarismo ideolóxico e do nacionalismo, do españolismo.

Cheguei á conclusión de que un tipo de Santiago que vive na súa cidade, que é un escritor en lingua galega, que mantén esta posición, que lle toca os collóns a todo dios, pois para min hai o que hai e xa está. Digamos que cheguei ao meu límite e constatei que era o meu límite e dixen: hai o que hai, escribo ben, levo escritos 30 ou 31 libros, son os libros que quería escribir.

"Acabei ata os collóns de todo, do sectarismo ideolóxico e do nacionalismo, do españolismo"

E agora, catro anos despois, volve á area con Sonámbulos.

Cando hai catro anos abandono, deixo unha novela empezada que se chama Chuvia na que retomaba personaxes de libros anteriores e tamén unha obra teatral. A obra teatral, finalmente transformada en texto narrativo, está neste libro, na primeira parte do texto chamado Negocios de familia. Ese texto tiña unha conexión profunda dentro de min. Durante estes anos cando me despistaba, cando tiña un momento de fantasía, volvían os personaxes, seguían falando e avanzaba a relación. É dicir, a obra estaba a escribirse. Entón chegou un momento en que me dixen que tiña que escribila, tiña que deixar que falasen. E foi durante unhas vacacións de verán que aproveitei e botei fóra ese texto, ao que incorporei dous máis para formar o libro.

Como foi a volta ás aulas despois de tanto tempo afastado?

A profesión cambiou moito durante estes quince anos. Tamén cambiou o alumnado, a cultura do alumnado. Agora estou con nenos de 11 e 12 anos e é unha cousa moi cansa. Sinto que son como os meus netos, son moi emocionais, moi fráxiles, moitos necesitan ser vistos. Hai nenos que non son vistos na súa casa e, moitas veces, os profesores facemos ese labor. Os nenos necesitan alguén que os vexa para florecer, para dicir: "Existo, existo! Un profesor ou unha profesora viume". O traballo de profesor ten sentido, estou moi orgulloso. Ademais valoran a literatura, respectan a figura do profesor, respectan o criterio, a túa autoridade como docente e iso é importante á hora de traballar.

"A literatura galega é riquísima, pero non ten os instrumentos para chegar ao público"

Vostede é un dos autores galegos máis coñecidos a nivel estatal. Cal é a situación da literatura galega a día de hoxe?

A literatura galega é riquísima, pero non ten os instrumentos para chegar ao público. Cando empecei a escribir era unha literatura moi ideolóxica, precisamente a miña obra foi toda unha reivindicación de liberdade do autor, de non ter que escribir baixo un programa ideolóxico aínda que hai cousas socialmente xustas. Reivindiquei a liberdade galega e mesmo con poses provocadoras que cuestionaban esa ideoloxía que era moi dominante. Hoxe en día hai unha gran liberdade e unha gran diversidade. Hai un fenómeno emerxente que é a presenza de mulleres, narradoras e poetas, e iso é un fenómeno que acontece en todo o mundo.

E da española?

Na literatura española vexo a desaparición como sistema literario. Foi unha literatura creada nos anos 80-90 coa contorna marcada polas cabeceiras de prensa e polos medios de comunicación madrileños, particularmente o grupo Prisa. O ABC e El Mundo tamén crearon a súa outra galaxia. Entre todos definiron un panorama de autores, unha paisaxe que foi abandonada. Hai vinte anos ti podías preguntar a un profesor e dicíache unha serie de nomes, sempre os mesmos.

Hoxe en día non hai ese espazo, non hai páxinas nos medios de comunicación, non están presentes os escritores e a súa obra. Nomes que fai quince anos eran nomes asentados, referencias, hoxe en día xa están esquecidos. As novas xeracións de lectores xa non os teñen como referencia, e en certa medida foron abandonados. Pódese dicir que o mercado, que era un mercado nacional e español, hoxe é un mercado latinoamericano. Hoxe non hai páxinas de Cultura, cambiou a paradigma, o modelo cultural e social.

Fálase moito da crise do papel. Que importancia ten esta crise na situación actual da literatura?

Nós mesmos como lectores somos persoas que o tempo que antes dedicabamos a unha lectura pausada, tranquila, agora estamos sempre conectados. Estamos sempre interactuando con outras persoas pero non temos ese tempo que pide a literatura. A literatura pide o abandono, pide estar sen electricidade, é dicir, onde non cheguen as ondas da comunicación, onde non pode haber radiotelefonía, para poder estar precisamente desconectado. Todo iso cambiou, cambiaron as nosas vidas.

A vostede concedéronlle a Creu de Sant Jordi, un galardón que a Generalitat de Cataluña concede a aquelas persoas que realizaron un labor destacado na defensa da súa cultura. Como ve o proceso soberanista catalán tras a celebración do 9N?

Sempre me interesou Cataluña para aprender, porque deles aprendín moito como persoa, como profesional. Paréceme que Cataluña sería a gran mestra de España e faría unha España moi distinta, moitísimo mellor e máis viable.

"O diálogo entre Madrid e Barcelona é imposible, viven en tempos históricos distintos"

Cataluña é unha nación para todos os efectos. O que ocorre é que non ten Estado aínda, por tanto non ten relacións internacionais. E este individuo que é Rajoy pódese permitir o luxo de dicir que non os vai botar de Europa. É incrible! O que vai ocorrer agora é unha negociación de soberanía que xa veremos en que acaba. Pero Cataluña podería sentirse cómoda dentro de España hai cinco anos cando aprobou un Estatuto. O diálogo entre Madrid e Barcelona é imposible, viven en tempos históricos distintos.

Hai unha crise cultural en España?

As culturas nacionais están sometidas a unha crise moi grande. No caso de España, ademais hai que dicir que era un país inculto. A idea de que de súpeto pasamos de ser un país atrasado, inculto e emboubado guiado por un cura e un militar a ser un país demócrata, moderno e europeo é unha gran mentira. A debilidade cultural non se curou de súpeto, mellorouse. En Alemaña ou en Francia hai unha cultura que funciona máis. España vive unha crise nacional porque España non ten cultura nacional. A cultura nacional española fíxose cos touros, o fútbol e contra os vascos, aos que agora sumamos os cataláns.

"A cultura nacional española fíxose cos touros, o fútbol e contra os vascos, aos que agora sumamos os cataláns"

Ademais temos unha cultura totalmente colonizada pola cultura norteamericana. Aquí concíbese o que sucede en Dakota do Sur como cosmopolita, pero en cambio o que acontece en Segovia é provinciano, paleto. Precisamente iso é ser un colonizado.

E hai relación entre a crise política que vive España e a cultural que menciona vostede?

Cando Zapatero expuxo a idea un Estado plurinacional, que el chamaba "España plural", valorei o seu esforzo. Pero insistín na idea de que era necesario formar a poboación para erradicar a idea instalada nalgúns españois de que o normal é falar castelán e os outros falan raro. Esa mentalidade do monolingüismo español, do nacionalismo español. A sociedade española é hostil a persoas que teñen unha cultura distinta, e ese é o motivo polo cal aquí hai dificultade para aprender idiomas. A min que me traduzan o mundo, as películas... Mesmo lles molesta que un señor fale a súa lingua. Paréceme unha mirada enferma, o engreimiento da gran lingua conduciu a ser unha colonia norteamericana, a descoñecer linguas e culturas que tiñan na súa casa. Estou ata os collóns de Manhattan!

'Sonámbulos', de Suso de Toro CC-BY-SA A. Navarro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.