Faltan menos de dez días para o comezo do Culturgal, a feira galega das industrias culturais, que do 5 ao 7 de decembro reunirá ao redor de 15 mil persoas no Pazo da Cultura de Pontevedra. Serán máis de 150 actividades e 64 expositores en tres días, do teatro á música, pasando por presentacións literarias, debates, proxeccións audiovisuais ou espectáculos para os máis pequenos e para todos os demais. Un menú imposible de ser degustado na súa totalidade. Hai que facer escollas e renuncias, unha peneira que de seguro terá éxito. No Culturgal hai moito e bo.
Entre as novidades desta edición destaca o feito de que por vez primeira haberá que pagar entrada por ingresar ao recinto. Iso si, serán prezos populares: dous euros (adultos) e un euro (nenos e nenas até 12 anos), e mesmo se poderá mercar un bono para entrar os tres días por tres euros (adultos) e dous euros (rapaces e rapazas). Unha forma de afondar na "corresponsabilidade" destacada pola organización da Feira. Manuel Bragado, presidente da Asociación Culturgal destacou neste senso o pasado venres na presentación da feira ante os medios locais que, aínda que a cultura sempre foi considerada "algo gratuíto", as industrias culturais "teñen un valor de mercado e temos que recoñecelo como tal".
Outra das novidades é a incorporación da gastronomía á oferta do Culturgal, con múltiples ofertas para comer na feira e un conxunto de actividades relacionadas coa gastrocultura, dende presentacións, debates, ceas temáticas (previa reserva) poesía gastronómica e mesmo unha actuación musical (buscando repetir o éxito acadado no Festival de Cans) do cociñeiro Pepe Solla.
A feira inaugurarase oficialmente o venres ás 12.30 horas e as actividades chegarán até o domingo pola noite, pechándose coa proxección de A Esmorga, de Ignacio Vilar (entrada, 5 euros), ás 20 horas, un filme que tamén se poderá ver nos dous días anteriores. Polo medio, tres xornadas nas que o Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá, por exemplo, a emisión en directo dos programas Discópolis (Radio3), Diario Cultural (Radio Galega), Somos Quen (Radio Galega), a asemblea de AGAL, un Foro de Crowdfunding e Coworking, unha xornada profesional para docentes (centrada en “Novas ideas na escola: das ferramentas TIC e outras tecnoloxías”), o OffCulturgal de Disquecool e presentacións da Asociación Puntogal, da revista dixital de humor O Botafumeiro, da revista dixital especializada en literatura infantil e xuvenil Criaturas ou do blog de crítica teatral da Revista Galega de Teatro, coa participación de Manuel Xestoso, Camilo Franco e Afonso Becerra.
Haberá tamén exposicións, coma a que percorre os vinte anos de Bravú e que será presentada por Xurxo Souto, e unha moi completa programación de actividades infantís, con teatro, contacontos e espectáculos coma Xiqui Xoque Fiú Fiú, de María Fumaça. Peor imposible, da Compañía Peter Punk; Estación Nadal de Mamá Cabra; O galo Quirico e os seus amigos, de Viravolta; Pepiña Maruxiña quere voar, de Barafunda Teatro; ou Non é país para cabaleiros da compañía de Teatro Ghazafelhos, non deixarán un minutos de descanso
Concertos
Arrythmia, Roberto Sobrado, Guadi Galego, Piti Sanz, a Orquesta Gharbo de Nelson Quinteiro, o Coro tradicional Cantares do Brión, Pandeiromus, Samarúas... A programación musical é ampla e variada. Postos a facer unha recomendación podemos apostar (o domingo a partir das 18.30 horas) pola presentación do disco Aínda. de Alba María, editado por aCentral Folque. Alumna da Escola Livre da Musica Popular Galega, de aCentral Folque, resultou gañadora do I Concurso de Musica de Autor de Teo. Con só 19 anos, deu luz a Aínda, o seu primeiro disco, que sairá publicado o 1 de decembro e que se presenta en exclusiva no Culturgal. Ou, por exemplo, a presentación do libro disco Gatuxo, de Magín Blanco, que terá lugar o venres ás 20.30 horas.
Libros
O libro segue sendo o rei da cultura. Polo Pazo da Cultura de Pontevedra pasarán ducias de editoriais e poderemos asistir a un bo número de presentacións de novidades, e tamén a debates. Entre estes destaca, por exemplo, o que manterán o venres a partir das 19 horas Francisco Castro, Manuel Núñez Singala e María Xosé Queizán; ou o que seguirá, dende as 20 horas, entre Fran Alonso e Xurxo Souto. O sábado as conversas ao redor do libro reunirán a María Reimóndez (Premio Xerais 2014), Xabier Quiroga e Suso de Toro (ás 19.15 horas), e a Alberto Ramos e Santiago Lopo (ás 20.15 horas).
En canto ás presentacións de novas obras, podemos citar a de Galiza, um povo sentimental? de Helena Miguélez-Carballeira (sábado ás 16.30 horas), Flash-Black 13 de Ramón Caride (sábado ás 18.45), O cuarto poder. Por un periodismo (de código) libre de Víctor Sampedro (domingo ás 12.45) ou A cidade dos nenos: un xeito novo de pensar a cidade de Francesco Tonucci, editado por Kalandraka, unha obra de referencia para os profesionais da docencia, na que o autor plasma un proxecto para converter as cidades en lugares feitos a escala da infancia, unha presentación que terá lugar ás 12.45 horas.
Audiovisual
No que respecta ao mundo do audiovisual, ademais da xa referida proxección de A Esmorga, que será precedida ao longo da fin de semana de presentacións a cargo do director e o equipo do filme e mesmo dunha cea temática, atopamos outros contidos. Por exemplo, a proxección de Encallados, de Alfonso Zarauza (o sábado ás 20 horas), de Costa da Morte, de Lois Patiño (o domingo ás 18 horas) ou de Por que non cantades todas, de Diana Toucedo (o domingo ás 17 horas). Ou unha maratón de webseries (o sábado a partir das 16.30 horas) que permitirá ver ducias de capítulos de Poetarras, Clases de lo social, Dalle Jas!, De volta ao rural, Fame e Interfecto.
Ciencia
A ciencia tamén forma parte da cultura e a cultura científica cada vez ocupa un papel máis relevante na sociedade. Na programación destaca Kaleid@labs (venres ás 11.30), un espectáculo de audiovisuais e actividade plástica coa científica Luisa Martínez Lorenzo (CSIC-Galicia) ou a presentación de A aventura espacial galega, da Universidade de Vigo, o sábado ás 11.15 horas.