Elías Portela puxo rumbo hai 13 anos cara a Reikiavik cunha bolsa Erasmus. A priori non parecía que Islandia fose o lugar máis apetecible para un mozo universitario. O país sitúase próximo ao Círculo Polar Ártico e apenas supera os 300.000 habitantes nunha extensión maior que a superficie de Portugal. Ademais, a súa capital é unha zona rodeada de geisers e representa un terzo do total da poboación.
"Islandia lémbrame un pouco a Galicia no político porque hai moito caciquismo", di Elías Portela
Pero o daquela estudante galego quedou aló. Nos últimos sete anos, a terra de xeo converteuse no seu fogar e compaxínaa esporadicamente con Pontevedra, a súa terra natal. Pero, lonxe de namorarse da sociedade insular, o motivo polo que segue alí é "exclusivamente a lingua". Sofre noutros aspectos porque segundo di "aquí [Islandia] a comida é un luxo, e o transporte non funciona como no resto de Escandinavia. Ademais no político lémbrame un pouco a Galicia porque hai moito caciquismo. Tamén é moi fácil desaparecer, pero iso gústame".
Baixo o pseudónimo de Knörr fixo camiño na literatura nacional do país. Tanto é así que a que era primeira ministra Jóhanna Sigurðardóttir dixo que a súa obra Sjóarinn með Morgunhestana undir Kjólnum (O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido) era das súas favoritas. O seu traballo estendeuse por todo o país grazas á difusión das redes sociais e á aparición nunha prestixiosa revista nacional.
A que fora primeira ministra islandesa recoñeceu unha obra do galego como unha das súas favoritas
Axiña unha editorial ofreceulle publicar. A primeira edición da súa obra esgotouse e valeulle para que a UK Poetry Society o mencionase como o compositor lírico máis representativo da cultura islandesa xunto a Sjón, o compositor de Björk, que foi Premio de Literatura Islandesa 2013.
Pero Portela sempre foi reticente a revelar a súa identidade porque, segundo di, "por unha banda podíanme prexudicar os prexuízos negativos dos que pensasen que un estranxeiro non ten o mesmo dominio do vocabulario que un islandés, por outra banda tampouco quería que fosen condescendentes polo simple feito de ser de fóra". Asegura que alí "a xente pensa que todo aquel que é estranxeiro é parvo".
A UK Poetry Society situouono como un dos compositores líricos máis representativos da cultura islandesa e agora gaña o certame de poesía de Afundación
Agora foi galardoado co primeiro premio do Certame de Poesía Afundación pola súa obra Bazar de Traidores. O poeta fala sobre o seu libro premiado: "O poemario en si está a crear e rompendo conceptos, e a actitude é bastante contundente. Algúns poemas son como unha labazada na cara. Creo que entre páxina e páxina igual pode ser bo tomar unha pausa". A obra é "creacionista" e está inspirada en David Bowie: "Hai un elemento básico que guía o poemario, que é a canción Heathen, e é case o único do libro que ten estrutura lineal"
A cultura islandesa, en perigo
Durante os últimos meses, Portela viviu fundamentalmente de traducir textos. Isto rompeulle a cabeza porque co novo Goberno do conservador Sigmundur Davíð Gunnlaugsson, "a cultura vai ser considerada como un artigo de luxo", asegura. "Utilizaron a demagoxia para facer crer que a subvención aos artistas, un orzamento realmente mínimo, é absurdo de manter".
Por iso, vai ser "practicamente imposible" ser artista en Islandia. "É unha mágoa porque nos atopamos no mellor momento cultural desde a Idade Media. Aos gobernos de dereitas interésalles que os mozos islandeses sexan analfabetos funcionais, isto é, saben ler pero non entenden o que len, non teñen espírito crítico".
"Aos gobernos de dereitas interésalles que os mozos islandeses sexan analfabetos funcionais"
O seu amor pola diversidade lingüística levoulle a estudar Filoloxía Románica. Escribiu en islandés, galego, español, inglés, latín e a súa intención é retomar o eúscaro para escribir tamén nesa lingua. Non sabe de certo cantos idiomas fala, pero di que por "paranoias do subconsciente" chegou a soñar "en islandés antigo e noutras linguas mortas". Esa obsesión reflíctese na súa tese, na que agora anda centrado, traballo que a grandes liñas tratará sobre a lingua vella de Islandia.
Naceu e creceu nunha zona de diglosia onde di ter problemas na escola por non utilizar o galego ortodoxo. En determinados ambientes "se falas galego tómante por algo menos que un burro". Por iso renuncia á cidadanía islandesa, porque ten un "compromiso coa súa terra", a Galicia da súa Cangas do Morrazo.
"En Galicia non se coida o galego; é unha mágoa que haxa túzaros que collen un bus para ir aló a insultar un mozo que fala galego"
Defende a riqueza lingüística e ataca: "Na miña terra realmente non se coida o galego. Trátase dunha situación moi politizada. É unha mágoa que haxa túzaros que collen un autobús para ir a Galicia a insultar un mozo por falar galego... Podían quedar xogando á petanca". De feito, asegura que hai un "complexo creado" porque "o gran modelo do español é o galego, que se falaba nas Cortes bastante antes".
Portela di que o idioma no que escribe depende do que quere expresar e sobre que temas quere tratar. Por exemplo, recentemente estivo investigando e lendo libros sobre exorcismo que están escritos en latín tardío. No entanto, o escritor ve complicado sacar algunha edición en España porque "alí necesitas coñecer a xente para que che publiquen. É algo que se pode extrapolar un pouco a todos os ámbitos".