O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu esta noite a entrega dos Premios Martín Códax da Música, organizados pola Asociación de Músicos Ao Vivo, que completaron a súa segunda edición. Máis de 700 persoas asistiron á gala, que foi dirixida por Chévere e conducida por As Fillas Bravas, cun obxectivo claro: reivindicar a presenza da muller na música e no mundo. O espectáculo, de feito, pechouse coa interpretación do tema Matriarcas de Guadi Galego, que cantou acompañada no escenario por ducias de mulleres músicas ás que se sumaron tamén no final todos os premiados e premiadas desta edición.
Nas 18 categorías foron premiados e premiadas artistas e bandas de longa traxectoria, coma Nao, Los Satélites ou Sumrrá, e outros máis recentes coma Sub Rosa ou Cuarteto Caramuxo. En ningunha das categorías se repetiu gañador ou gañadora dende a edición do pasado ano. Estreáronse ademais novos apartados para recoñecer a actividade de salas, festivais e medios de comunicación, premiando a Aturuxo, Festigal e Planeta Furancho.
Os galardóns, consistentes nunhas fermosas estatuíñas de madeira realizadas polo escultor Víctor Lorenzo (bautizadas como Os Melómanos) foron entregados por artistas tan consagrados coma Abe Rábade, Mercedes Peón, Susana Seivane, Gloria Mosquera, Santi Cribeiro, Pablo Novoa, García MC ou Sonia Lebedinsky. Ademais, a formación N.H.U. recibiu o Premio Honorífico Músicos Ao Vivo, que recoñeceu un "proxecto musical avanzado ao seu tempo, aglutinador dunha xeración de músicos inquedos, inconformistas e entregados a un proxecto minoritario, underground e carente de referentes próximos" e que "trazou novas formas de facer música nunha Galicia recén saída da ditadura franquista".
Nesta edición inscribíronse un total de 360 proxectos (307 grupos, 14 salas, 21 festivais e 18 medios de comunicación). No seu discurso de clausura, o voceiro de Músicos Ao Vivo, Xacobe Martínez Antelo, reivindicou “un mundo onde a empresa privada non vinculada ó sector cultural, sexa quen de investir en cultura, en música de proximidade, sen complexos, con orgullo, con intelixencia e con amor ó propio, un mundo onde o corazón e a ilusión teñen un oco privilexiado nos balances anuais, onde as administracións públicas, as políticas e os políticos están ó servizo das ideas, por riba de fronteiras competenciais, de siglas, ou bandeiras"
Lista de premiados e premiadas
	Pop e indie: Ataque Escampe
	Rock: Cró
	Blues, funk & soul: Cats and Monkeys
	Jazz e músicas improvisadas: Sumrrá
	Hip-Hop e músicas urbanas: Wöyza
	Música clásica e contemporánea: Orquestra Vigo 430
	Folque: Cuarteto Caramuxo
	Música tradicional galega: Davide Salvado
	Músicas do mundo: Dos fíos invisibles chegan as cores
	Canción de Autor: A Cada Canto
	Música infantil: Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc
	Electrónica: Sub Rosa
	Metal: Nao
	Reggae, Ska & Mestizaxe: Zamaramandi
	Orquestras, grupos e música de verbena: Los Satélites
	Premio Organistrum Salas: Aturuxo
	Premio Organistrum Festivais: Festigal
	Premio Organistrum Espazos de Comunicación Musical: Planeta Furancho