Hai máis de 30 anos que Alfonso Pexegueiro comezou ‘Lapsus’, a obra coa que Axóuxere inicia a súa colección de literatura. Nela, o autor de ‘Seraogna’ volve á infancia. Mais para erguer o berro contra maltrato máis intenso de toda a súa poética. E para dicir, unha vez máis, a violencia que alicerza a sociedade. Para demandar a construción dun mundo novo, desde a liberdade e o encontro.
Comezaches ‘Lapsus’ no 1977. Como foi ese proceso tan delongado?
Empecei na primavera no 77, en París, si, estando en Rompente. O tema da infancia é unha constante na miña poesía e deste libro cheguei a pensar que me ía salvar… Mais non é así, ningún libro nos salva. O proceso detívose, retomeino anos máis tarde, houbo xente que leu o libro… Pero había algo que non me cadraba. É que é tan delicado ese mecanismo do absurdo onde se vai descubrindo a realidade falsa que nos impoñen, que me vin desbordado. Ademais, eu penso que o libro constrúese a si mesmo e que nós temos que prestarlle atención á escrita, escoitala. Pasoume con ‘Hipatia’: ía ser unha novela e converteuse en poesía. Con ‘Lapsus’ o que pasou foi que o ano pasado, en novembro, vin que o libro quería saír. Envieillo a David Souto, e así foi. Eu creo que a humanidade está en débeda coa infancia. Sempre trato o tema do conflito pais-fillos, pero nunca o fixera desta maneira tan clara.
Di David Souto que ‘Lapsus’ é o “reflexo hiperreal a violenta absurdidade que enceta as nosas vidas”. Estás de acordo? En ‘Dados blancos’, o teu libro anterior, falas da violencia e de como conforma a sociedade.
Porque creo que temos que reflexionar sobre a orixe do mal. Di Alice Miller que mal se crea en cada xeración. O recén nacido é inocente. Os bebés veñen ao mundo para amar e ser amados. O mal non está necesariamente na natureza humana. O problema xorde cando esa necesidade de amor non se satisface. E o que ocorre é que a sociedade está fundamentada sobre o maltrato e sobre a violencia. Alice Miller achegouse ao Hitler neno, empatizou con el, co neno maltratado que foi Hitler. Mais a xente non a entendeu.
Unha muller escribiulle unha carta que contaba que se Hitler tivese cinco fillos para vingar os tormentos que el sufrira, non tería feito o que fixo. Porque o maltrato ao fillo propio aínda se pode encubrir con palabras como educación e disciplina. Kant dicía que o home está predisposto ao mal e que para evitar que se faga unha besta é necesaria unha forte disciplina. Eu creo que non é certo. En ‘Dados blancos’ dixen que o neno nace no inferno dos pais. Aténdese máis ás necesidades dos pais que ás dos fillos. E ‘Lapsus’ vén de aí. Do imaxinario do sacrificio, que é unha mentira que nos venden. E despois créase un sistema de vinganza: o neno, a nena, como chivo expiatorio. Pois isto debemos desmontalo.
Xa na Idade Media, que é unha época que me interesa moito, o pensamento, o diálogo entre relixións, foi decapitado pola Inquisición, porque o poder sentíase en perigo. E aí quedou a historia colgada, e herdanza esquecida. Por iso falo en ‘Dados blancos’ de regresar ao que quedou pendurado na historia. Tamén me interesa moito o expresionismo: os expresionistas xa se decataron de que a sociedade estaba a facer as cousas mal. Os pais estaban educando os fillos para a guerra… É como na Biblia: ofrécenche o paraíso, pero está prohibido. Se accedes a el, castígante. Iso é unha perversidade total. Como a figura de Cristo, entregado polos seus pais para que sufra polos que van nacer, que nacen en pecado…, ou o complexo de Edipo, que é un invento do poder. Pois este imaxinario é o que constrúe a sociedade, e o que tento desmontar en ‘Lapsus’ e en ‘Dados blancos’.
En ‘Lapsus’ os pais maltratadores foran maltratados na infancia.
Si, e aí coincido con Alice Miller, todos os maltratadores que foron maltratados. O Estado é, en realidade, un asasino encuberto. Hitler, Stalin, Mao, Milosevic… Xa dicía Nietzsche que os políticos ao que máis lle temen é á verdade e á responsabilidade social.
Entre Ron e Lapo, os personaxes de ‘Lapsus’, hai algunha diferencia. Ron, o Xefe, tanto que fala da escravitude, non se decata de que é un escravo. Lapo ten momentos de moita lucidez. Ve o que pasa.
Si, fala Lapo da submisión pagada á que levan as ansias de triunfar. Lapo é ninguén, un vagabundo, entón e consciente de que non debe estar co poder. Hai unha cousa que foi inconsciente, da que me decatei despois de escribir, que é que non sabemos se Lapo é un personaxe masculino ou feminino. Hai unha ambigüidade niso. E, si, Ron é o Xefe e prepárase para ser o executivo máximo, que podería ser o presidente do goberno. Nun dos diálogos din, - “Pensas que nos descubrirán?”. - “A policía?”. - “Todos”. Porque estamos nun momento no que non vale excusa ningunha, porque están entregándonos ao matadoiro. Poden ata meterse na privacidade da xente, entrar nas túas contas e roubarche… E non vale a excusa de que nos “sacrificamos” polos fillos.
"Temos que asumir a nosa responsabilidade. Ademais, o poeta ten que ir ao fondo da sociedade. E preguntarse por que o maltrato? Por que se pega? Por que se castiga?"
Temos que asumir a nosa responsabilidade. Ademais, o poeta ten que ir ao fondo da sociedade. E preguntarse por que o maltrato? Por que se pega? Por que se castiga? Beckett dicía que fora un mal fillo porque estaba predisposto para a soidade. Pero iso non é verdade. O mesmo pasou con Ionesco ou Chejov, ou Herman Hesse. Foron nenos maltratados. Mesmo en moitos casos hai unha reconciliación cos pais… E eu creo que isto é criticable. Como o é andar con risas con isto. O cómico fai máis humana a realidade, cálmanos da angustia, pero o perigo é que nos durmamos na comicidade. Chaplin dixo que non faría ‘O Gran Ditador’ se soubera da violencia homicida dos nazis. Porque non podes burlarte dos campos de concentración… Por iso non me gustou nada ‘Qué bello es vivir!’.
Lapo dubida de se existe realmente. Nin Lapo nin Ron saben quen son. Por que?
O problema da infancia non é psicolóxico, é ontolóxico, de espazo de ser que é negado. Non pode un neno ou nena axudarse a si mesmo cando non está seguro de se lle recoñecen o dereito á vida. A infancia supón un desaxuste, un desprazamento de si mesma en favor da sociedade, do mercado… Outro detalle que descubrín a posteriori, no libro, é que Ron chámalle Ron a Lapo. Non lle chama polo nome no que Lapo se recoñece. Ata lle rouba a identidade, négalla.
Iso ten que ver tamén cos seres humanos como unidade: somos un, non só coa natureza, senón co outro e con nós mesmos. Este é o paso do eu romántico ao existencialista: recoñecer o outro, o outro que existe. Nacemos para vivir en sociedade. Os personaxes son seres inexistentes porque existir é castigo, violencia, explotación, maltrato. A existencia é un espazo de felicidade que se nos nega. Por iso toda a vida a pasamos reclamando o amor que se nos negou. Tamén penso se a poesía non é a mesma infancia que se manifesta e reclama a través do amor que lle negan e que lle negaron. Cando un neno desobedece, en lugar de preguntarse por que, os pais castígano ou péganlle. Así, a primeira pedra do poder colócase na infancia. É terrible a aceptación da maldade, que se ve na novela negra, por exemplo. Acéptase o mal, pártese do mal, sen preguntarse por que existe. A maldade é aceptada como base porque constrúe a sociedade. Ninguén se pregunta por que hai maltratadores.
Tamén se idealizou moito o obreiro. Eu estou de acordo en que o obreiro non foi suxeito de mobilización, porque non tiña identidade para facer a revolución, que foi sempre guiada por outros. Todas as revolucións acabaron fracasando por iso, porque o mal segue aí, porque non se vai á súa fonte. Simone Weill explicouno. “Recibín para sempre a marca da escravitude”, dixo, referíndose ao traballo nunha cadea de montaxe. Porque non viu rebelión, senón docilidade, resignación. Como dixo Nietzsche: “xa están preparados para facer deles o que se queira”.
“Un paso máis alá do absurdo está a realidade”, dis tamén no libro. Por iso optaches polo absurdo?
É que non vivimos na realidade, vivimos o absurdo porque a realidade esmáganos. Se conseguimos saír do absurdo, que é o maltrato, veremos a realidade, que se nos oculta. Por iso esa frase de Robert Musil de que se debe alcanzar a irrealidade porque a realidade xa non nos serve. O absurdo é a escravitude á que nos someten. Só hai que pensar nas barbaridades que se fixeron coas mulleres. Negalas como suxeito, consideralas pertenza do amo, explotalas como produtoras e sexualmente, e aínda por enriba facendo que os nenos lle pertenzan ao amo. Como unha sociedade pode construírse sobre esa inexistencia, como pode chamarse sociedade moderna e avanzada? Por iso digo en ‘Dados blancos’ que só a poesía pode sacarnos dos infernos que a intelixencia crea.
"Decrecer é crecer en humanidade, descolonizar o noso imaxinario de ideoloxías produtivistas e acabar coa idea de que o crecemento é progreso"
Keynes dicía que dificultade non é tanto concibir novas ideas, senón librarse das antigas. Nicolás Ridoux di que non hai que escoller entre o crecemento e o decrecemento, senón entre decrecemento e recesión. Porque decrecer é crecer en humanidade, descolonizar o noso imaxinario de ideoloxías produtivistas e acabar coa idea de que o crecemento é progreso. E eu engado: traballar menos para vivir mellor. Ridoux fala do libro de Keynes “Perspectivas económicas para os nosos netos”, de 1930, e di Keynes que os seus netos deberían librarse da coacción económica, traballando só 15 horas semanais. Non facelo así, nos levaría a una “depresión nerviosa universal”, á angustia xeral. Eu creo que o importante é devolverlle o protagonismo ás persoas: devolver o ser humano a si mesmo e desculpabilizar a infancia. Aí é onde camiña toda a miña poética.
‘Lapsus’ é teatro, poesía e ensaio. Mais ti sempre mesturaches xéneros. Vese nas partes máis narrativas de ‘Mar e naufraxio’ ou ‘Círculos de auga’, por exemplo, con monólogos sen signos de puntuación semellantes aos de ‘Desatinos dun maldito’...
De feito, ‘A illa das mulleres loucas’ é unha peza de teatro, que se levou a escena ademais. Sempre transgredín os xéneros, por necesidades de expresión. Eu creo que a miña poética está definida desde os primeiros verso de ‘Seraogna’: “O corazón gabea e observa, pero a vida morre, porque o poema foi roto na mirada do neno”. Aí xa está a infancia, e xa desde entón sabía que non ía limitarme a un xénero, ademais de que traballo moito co inconsciente. Os distintos xéneros son xeitos de chegar a distintas formas de verdade.
Eu creo que temos que revitalizar a existencia e a escrita mesma. Porque a urxencia é dicir, máis que contar. Ao dicir “érase una vez” xa te afastas da ferida, da dor. A min interésanme moito os contos infantís. Neles, os nenos son moitas veces maltratados, abandonados polos pais. Como en Hansel e Gretel, que os nenos quedan sós no bosque e non poden volver á casa ata que se fan ricos, e entón reconcílianse cos pais… E non me vale a metáfora das miguiñas que comen os paxaros. Eu son moito de metáforas: creo que a metáfora é a ecuación da poesía. Pero non vale andar con historias, afastarse da dor e da culpa que nos meteron de pequenos. Creo que temos que escribir desde o dano, a dor, desvelar o dano, facer o que chamo poesía en movemento, máis que poesía ensimismada en si mesma.
"A linguaxe tamén pode encubrir a perversión. E temos que devolver a dignidade ás palabras. Temos que escoitar os ecos da dor, excluír o superfluo"
En ‘A illa das mulleres loucas’, ‘O Lago das garzas azuis’, ‘Hipatia’, ‘Dados blancos’, ‘Desatinos dun maldito’ e ‘Lapsus’ tento facer iso: ir ao núcleo, o dano. Creo que temos que iluminar o dano, penetrar na escuridade, non ocultar nin xustificar o dano e a dor. A linguaxe tamén pode encubrir a perversión. E temos que devolver a dignidade ás palabras. Temos que escoitar os ecos da dor, excluír o superfluo. Os poetas estamos metidos na soidade máis absoluta: a poesía é verdade, non pode mentir. Eu non escribo desde o idioma, senón desde a linguaxe, que para min non ten categoría gramatical.
Escribo desde a ausencia, desde a desorde. Tentando devolver o humano ao ser humano. Como dicía antes, xa os expresionistas se deron conta da mentira e da necesidade de reconstruír o mundo desde o humano, a liberdade, o amor e a recuperación da infancia. Flaubert, Nietzsche, Tolstoi, Dostoievski, descubriron que o mundo moderno é o triunfo do non auténtico. Como Rimbaud, ou Baudelaire, que se decatan de que a realidade é mentira. E así veñen a I Guerra Mundial e a II, coa bestia, o nazismo. Porque a intelixencia é quen de crear infernos. Porque esquecer as emocións e a sensibilidade leva ao máis terrible. Creo que os maiores temos que facer terapia, reflexionar máis fondo, para non transmitir a violencia aos nenos.
Creo que comezaches a escribir en galego por Darío Xohán Cabana.
Foi Vicente Aleixandre quen leu primeiros os versos, e dixo que había una gran verdade en cada poema. Así, contra todo prexuízo social e familiar, decidín dedicarme a escribir. Os poemas de ‘Seraogna’ estaban en castelán. Eu estaba en Madrid, entón. Darío Xohán Cabana díxome que quedaban moi ben en galego… e empecei a traballar en galego. De todas maneiras, eu sempre traballei nas dúas linguas. Teño un conflito con iso porque a min maltratáronme nun idioma concreto, en galego. Escribo desde a ferida, e desde a ferida do idioma. A través do idioma, e da política, transmítense tamén os problemas non resoltos da infancia. Así nacen as Patrias tamén. Porque ao gran capital interésalle que a xente pelexe polo tema das identidades.
‘Seraogna’ inicia un ciclo no que está moi presente o tema nacional, a loita de clases… pero cun discurso rupturista.
‘Seraogna’ é un poema do ser, máis que da terra, no que quero recuperar a miña aldea como elemento universal. Cando creei o grupo Rompente, no 1975, a idea era iniciar un movemento que despois algo se cumpriu, que foi interrelacionar o mundo das artes. Despois fun fundador e secretario da AELG… e non sei se arrepentirme. Houbo momentos en que non se valoraron certas cousas. A verdade é que me sinto doído. Este é un país desagradecido. E amáñano chamándome poeta maldito…
É habitual que os teus libros fagan referencias uns aos outros. En ‘O lago’, por exemplo, está o deserto de Nabalpam, que lle dá título a outra obra túa. Son detalles que lle dan unidade a toda a túa obra.
É verdade que concibo toda a obra como unha unidade, mais tamén que cada libro ten entidade por si mesmo, cunha expresión estética distinta. Despois hai tres elementos que están presentes sempre. Por un lado a muller e o neno, por outro a liberdade de ser. En ‘Hipatia’, por exemplo, son as mulleres liberadas. En ‘A Illa’ é unha muller que aínda non está despatriarquizada. Eu creo que non temos que esperar a estar desesperados para tentar cambiar as cousas. ‘Hipatia’ non acepta a culpabilidade, rebélase, e faino desde a comodidade burguesa. Non hai que agardar a ter fame para rebelarse.
"Non temos que acomodarnos no nivel medio e esperar a que baixe para protestar, que é o que pasa agora. Entón só protestaremos para recuperar o que tiñamos antes"
Non temos que acomodarnos no nivel medio e esperar a que baixe para protestar, que é o que pasa agora. Entón só protestaremos para recuperar o que tiñamos antes. Temos que rebelarnos cando estamos no nivel medio, aspirar a máis. Imaxina o que sería cambiar o mundo desde a felicidade, a alegría… Kakfa utilizou a metáfora de cortar cunha machada o xeo. O poeta ten que poñer todo en cuestión, e iso é unha responsabilidade moi grande. É unha vergoña, por exemplo, que os parlamentarios rían. De que rin? Ante tanto sufrimento, tanta dor… Eu realmente non quería ser poeta: a poesía veume. Marchei aos 15 anos da casa, despois estiven na escola militar e despois no seminario. Coas lecturas de filósofos e escritores como Camus, Dostoievski, Sartre, Kafka… descubrín que a poesía era a verdade do mundo, e desde entón.
Sobre a soidade, xa o dicías en ‘O pabillón das hortensias azuis’... Comentabas antes tamén que escribes moito desde o inconsciente. Penso que iso se nota en ‘O lago’ ou en ‘Hipatia’, por exemplo. E non se afasta tanto de ‘Lapsus’....
É que o inconsciente é o que nos domina. Porque, temos nós a memoria do universo? Traballamos coa memoria descoñecida, co descoñecemento. Tentando botar algo de luz na escuridade. Eu traballei sempre así, desde fóra da realidade pero coa realidade. Porque escribimos para cambiar as cousas.
Ademais do poder e da violencia, na túa poética está moi presente o medo, o desexo, a escravitude, o exilio…
O do medo é porque sempre tiven moitos medos. Identifiqueime con Chagal cando dixo que era moi medoso. Porque me transmitiron moitos medos: que a vida non paga a pena… E tiven que deconstruír todo iso. Desde o consciente pouco podemos facer: se cadra entreter. Einstein dicía, en relación con isto, que a distinción entre presente, pasado e futuro é unha ilusión. Eu creo que vivimos nun presente continuado. O poeta ten que estar no pasado e no futuro construíndo o presente. Nos meus libros tento suspender o tempo. ‘Lapsus’ é, nese sentido, como un libro cubista. Cada catro frases adopta unha perspectiva distinta. A perspectiva desprázase. En realidade sacrificamos a infancia a un futuro que non existe, que cando chega vemos que non era. Algo de eternidade hai en nós. Xogan con nós e co medo á morte, que non ten que ser boa nin mala…
Iso do tempo coméntalo en relación coa Historia, que escribes con maiúsculas moitas veces. Que é a Historia na túa obra?
A Historia é a gran mentira. A Historia que nos transmiten os historiadores é a do tempo medido. O poeta está entre a historia do tempo medido, a historia interior, a historia persoal, e a historia que quedou colgada, detida. A Historia é mentira, por iso digo en ‘Dados blancos’ que a Historia é a resistencia ao humano e á ética. A Historia é a sociedade-lei, a lei inxusta, porque unha lei sen ética é unha lei moi dubidosa. A Historia conta o visible, pero hai unha parte invisible que queda oculta, que impide que se constrúa a Historia desde o amor, a liberdade, os soños… Tamén é o corpo maltratado. Como as místicas, os místicos. A culpa terxiversa o desexo, e leva a castigar e torturar o corpo. Temos que construír unha historia desde a liberdade do corpo, o amor, o encontro, o que o poder decapitou. Pensar que o corpo e a alma son unha unidade, -e separalos foi outro erro-, que o corpo non é o pecado. Que non hai maldade orixinaria, senón só represión que construíu o puritanismo. O desexo tamén está en mans do poder. O poder inflinxiu en nós as cicatrices que nos lembran quen é o amo, creadas polas feridas da culpa.