Pablo Díaz é un dos pioneiros do libro-cd infantil. Acaba de ser galardoado pola Asociación de Músicos ao Vivo co Premio Martin Codax polo libro-cd Toc toc, ilustrado por Nuria Díaz na colección Sonárbore de Galaxia, e presenta estes días o seu último traballo Xente miúda moita fartura, no que volve ao formato disco autoeditado.
Que sentiches ao ser recoñecido con este premio?
Moi agradecido, xa que é un recoñecemento que vén da man dos meus compañeiros músicos e competía con grandes artistas que tamén fan un labor moi importante dentro da música. Unha sorte ser apreciado polo que fas.
"Sempre aprendín moito da xente do país; todo o que recompilo intento transmitilo nas miñas clases. O obxectivo é a transmisión"
Como comezaches na música?
Desde moi neno estiven ligado á música tocando a gaita, o clarinete, a percusión e o canto. Enfoquei a miña formación cara á educación e sentín curiosidade polas orixes, así que me preocupou especialmente o traballo de recompilación de música tradicional. En 1991 creei un grupo de investigación etnográfica coa que percorrín o rural tentando salvagardar o patrimonio musical, teño horas e horas de cintas e sigo recompilando. Na actualidade imparto clases en Elviña, en Donaire, nas Encrobas... Nas Encrobas teño un grupo moi xeitoso de mulleres de 50 a 88 anos dos que aprendo, sempre aprendín moito da xente do país. Todo o que recompilo intento transmitilo nas miñas clases, ese é o obxectivo, o da transmisión.
Como foron os teus comezos co público infantil?
Xa nun dos meus primeiros traballos, cando editamos Nin tanto nin tampouco en Edicións do Cumio, comentáronme a idea de facer algo para nenos, daquela eu contaba con 25 ou 26 anos e o único que quería era facer traballo de campo. Despois participei como músico no equipo de animación á lectura de Kalandraka e fun a escolas das provincias de Lugo e da Coruña e alí aprendín moito, co contacto directo cos nenos. Cando es pai decátaste de que hai moitos ocos por encher, de eivas que na nosa cultura faltan e, aínda que os de Mamá Cabra levaban moito tempo xa, crin necesario achegar o meu punto de vista.
"Tic Tac' foi unha experiencia chea de forza pola acollida que tivemos e por levalo de concello en concello"
Tic Tac, editado por Kalandraka, foi todo un éxito e un precursor do libro-cd, como foi a experiencia?
A experiencia foi marabillosa. Quixen facer algo distinto mesturando tradición e modernidade, con letras para todos, con cancións moi dinámicas e saíu un disco moi roqueiro e moi visual. Ademais, a visión de Marc Taeger cunhas ilustracións coa técnica de linograbado déronlle un toque moi tribal. A edición de Kalandraka foi espectacular no coidado, o que fixo que o libro-cd estea actualmente esgotado. Todo foi unha experiencia chea de forza, o ir polos concellos, a acollida en xeral, ata tivemos críticas positivas como a da filla de Luis María Ansón e a irmá de Itziar, Marina Boyain, que ten unha compañía de teatro para nenos e pediume empregar cancións nosas.
E Toc toc é unha volta máis?
Toc toc é máis popeiro, adquire tamén ese toque da man das ilustracións de Nuria Díaz, cun toque suave e doce e aos nenos gústalle. Buscamos a complicidade dun público en xeral e introducimos temas como o do Apalpador que é froito do estudo etnográfico que levaramos a cabo polo Courel. O obxectivo é como coa canción que fala de Pedro Chosco, recuperar a nosa tradición e transmitila para que os nenos a coñezan. Nesta ocasión editamos con Galaxia dentro da colección Sonárbore e incluíuse na Campaña Falaredes que vai por moitos concellos de Galiza.
"Quen fala mal da lingua está a falar mal dos nosos avós e a renegar das súas orixes"
Que é para ti o idioma?
Eu son aquel neno de Fene, de San Valentín, son parte da miña infancia e son militante de base do idioma. Para min lingua e identidade camiñan xuntos da man por iso hai que traballar no eido da recuperación de patrimonio e, por iso, hai que lles dar ferramentas ás novas xeracións. Desde a escola ten que haber máis implicación. Para min quen fala mal da lingua está a falar mal dos nosos avós, está a arrenegar das súas orixes. Nos nosos traballos sempre botamos man dun lingüista, nesta ocasión de Mar Hermida, porque sabemos que vai dirixida a nenos e eles esixen unha lingua coidada.
En Xente miúda moita fartura, cambias de banda e tamén cambias o público, xa que vai dirixido a un público de 0 a 5 anos. A que se debe?
Apetecíame facer algo distinto e tocar con Tito Calviño, Xabier Díaz, Carmén Rey e volver ao disco. Trátase dun traballo máis tranquilo, suave, con toques de country americano pero sen esquecer a presenza dos nosos instrumentos, con forte base galega. A voz de Carme nas baladas é espectacular e intento meter esas cousas miúdas que nos chamaban a atención de nenos, coas que podiamos enredar horas. Hai temas dedicados ás árbores froiteiras, con base reggae, aos insectos, a recoller os xoguetes, aos cuartos dos nenos cheos de peluxes e tamén á unha correcta alimentación. No disco teño tempo para mandarlle un aloumiño en forma de canción a Magín Blanco no tema que leva por título Sono Lixeiro. Gústame especialmente como quedou porque foxe do son estridente dalgúns proxectos alleos á nosa lingua e traballa nesas cousiñas pequenas que cando medramos valoramos máis. É un disco para saborear.