“Cando chegou a profesionalización da cociña mantívose o patriarcado: os grandes chefs son eles”

Ledicia Costas CC-BY-SA Praza Pública

Xuntar a morte e a cociña. Desdramatizar a morte, tirando da tradición de historias arredor dela que hai no país. Esa é a idea coa que naceu Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais), a novela coa que Ledicia Costas gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil 2014. 

O de facer un libro con receitas de cociña era a idea desde o principio?

Si, a idea era conxugar morte e cociña. Parecíame moi atractivo facer dous libros dentro de un: un libro de receitas e unha novela. Por iso hai unha receita ao inicio de cada capítulo.

"Coa tradición que temos aquí de historias arredor da morte, parecíame evidente que había que aproveitalo"

O protagonista reencóntrase co avó… Supoño que é unha maneira de desdramatizar a morte.

Si, a intención é xusto esa: desdramatizar a morte. E ademais que, claro, coa tradición que temos aquí de historias arredor da morte, parecíame evidente: había que aproveitar iso. Ademais de que é un tema que segue a estar de moda, que sempre está aí, e pareceume que estaría ben tratalo de xeito directo para a rapazada.

O ton do libro é ben diferente da túa anterior novela, Recinto gris. Malia haber cousas en común, como a importancia da amizade.

Gústame cambiar de rexistro en todas as cousas que escribo. Acababa de escribir unha historia baseada no nazismo e quixen facer algo totalmente distinto. Cada libro é unha aventura diferente, co meu estilo…

As ilustracións de Víctor Rivas axudan moito a contar a historia…

Víctor manexa moi ben a estética vitoriana. A min parecíame que o del era o perfil perfecto para ilustrar este libro. A editora estaba de acordo, así que así foi. Quedei moi contenta: el colleu moi ben a idea que eu tiña na cabeza…

"A felicidade está nas cousas pequenas que moitas veces non valoras o suficiente"

Cara ao final coméntase que a felicidade está nas cousas pequenas. Con iso ten que ver o sentido xeral do libro…

Ese é un tema que está latente en todas as miñas historias. É algo que se repite. Porque a felicidade está niso, nas cousas pequenas que moitas veces non valoramos o suficiente.

Como en Recinto gris, pero doutra maneira, tamén está a tiranía. Representada por un cacique…

Niso tamén o tiña claro: temos a figura clásica do cacique co seu bandullo. Por que non utilizala para representar o poder e a tiranía? É un personaxe que lle interesa moito á rapazada. É o único do inframundo que está gordo, ten o corpo cheo de cogomelos…

"Cando chegou a profesionalización da cociña, mantívose o patriarcado: os grandes chefs son eles"

Román e Escarlatina son de épocas históricas diferentes. Mais non son tan distintos.

Son nenos a ao final as súas inquedanzas son similares. Non é casual que ela sexa cociñeira. Ás mulleres tradicionalmente atribuíronnos certos espazos, como a cociña. Pero cando chegou a profesionalización da cociña mantívose o patriarcado: os grandes chefs son eles. Por iso quixen tamén reivindicar o saber da muller nese espazo. Como Román quere ser chef, ten moitas cousas en común coa cociñeira Escarlatina…

“Hai que perseguir os soños, loitar por aquilo no que un cre”, di Román. O tema do libro non deixa de ser ese…

Ese é outro motor que está latente no que escribo. Tamén está en Unha estrela no vento e O corazón de Xúpiter. Si que está moi presente o tema da loita polos propios soños, que é tamén a miña filosofía de vida. Creo no esforzo para cumprir os soños, chegar ás metas que nos propoñemos.

O Premio Merlín debeu ser unha boa alegría…

Claro. É un premio moi atractivo, non só pola dotación económica senón porque che dá moita visibilidade. Para min foi un punto de inflexión. E non pensaba que fose gañar, con esa visión da morte así un pouco canalla…

Tamén son importantes a araña e o gato. Os dous independentes e cheos de carácter.

O gato anda ao seu e a Román iso moito lle amola… O gato e a araña teñen o seu carácter, e axúdanme a configurar a personalidade de Escarlatina e Román, que é un pouco repugnante…

O avó piloto de carreiras tamén é especial.

Si. O meu avó non era piloto de carreiras pero era moi fitipaldi ao volante… e iso está no libro, ficcionalizado, claro. Meu avó xa estaba en Recinto gris. Ao final é así: levas a vida cotiá á literatura.

"Nos colexios recíbenme con galletas e outras cousas feitas polas miñas receitas"

A estrutura do libro é bastante clásica: narración liñal, diálogo… Se non fose polas receitas, que van no medio.

É unha historia cun formato clásico, si. O que lle dá o toque diferente é o das receitas e o tratamento do tema. Funciona moi ben coa rapazada. Recíbenme nos colexios con galletas e outras cousas feitas polas miñas receitas… Ou pásanme fotos polas redes sociais dos rapaces cociñando… Estou moi contenta.

Como vai a revista Criaturas?

Pois mellor do que contabamos. De feito, a web caeu cando levabamos dous días porque pasamos o volume de visitas para o que estaba preparada… Daniel e eu somos veciños e un día estivemos falando de que había que montar unha revista de literatura infantil e xuvenil porque non hai. Daniel encargouse ademais do deseño e da maquetación. Temos unha parte estática, a revista para descargar, e unha parte dinámica, a web, na que estamos a empezar a subir críticas semanalmente…

Estás a escribir algunha outra cousa?

Pois un libro de relatos, pero para adultos, sobre historias da Segunda Guerra Mundial. Non é nada light: é moi duro e moi directo. Despois ando con outras dúas historias… A poesía téñoa abandonada, de momento.

Ledicia Costas CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.