Adeus á Señora Carmen, fundadora e alma de Malvela

A Señora Carmen, de Malvela © Malvela

Faleceu a Señor Carmen, Carmen de Campos, solista do grupo Malvela, de Sanguiñeda (Mos). Nunha nota de prensa, a formación lamenta moito a perda desta muller e artista de 89 anos, fundadora do grupo. "Deixa unha fonda pegada en todos e todas nós", aseguran.

A fundadora e solista de Malvela subiuse por primeira vez a un escenario con máis de 70 anos

Carmen Pérez Navazal, máis coñecida como a Señora Carmen, subiuse por primeira vez a un escenario cando xa pasaba dos 70 anos. Esta aventura comezou cun curso de canto popular, impartido por Uxía ás mulleres de Mos, de onde xurdiu Malvela, un grupo de cantareiras que editou o seu primeiro traballo en 2002.

Con Malvela, a Señora Carmen percorreu moitos escenarios de Galicia e de fóra e participou en moitas actuacións televisivas. Tamén publicou catro discos: Que o pano non me namora (2002), O aghinaldo (2004), Da miña xanela á túa (2007) e Raianas (2011). “Entrar en Malvela parece que me deu a vida, pola música e polas xuntanzas. Eu son de Malvela e nunca me vou separar; gústame máis cantar en grupo”, expúxolle a Fran Alonso nunha longa entrevista que se publicou co disco Na flor dos meus anos.

En 2007, 'Na flor dos meus anos' supuxo o seu primeiro álbum en solitario

Publicado en 2007, o disco-libro-dvd Na flor dos meus anos supuxo o seu primeiro álbum en solitario, xa con 82 anos. O cd contén 11 cancións nas que se "escoita o pálpito do corazón da Señora Carmen ao ritmo das melodías que vai debullando con mestría e onde nos conta a súa vida dun xeito íntimo, mergullándose na Galicia que viviu de nena en claro contraste coa actual que latexa nos arranxos contemporáneos do disco". Na flor dos meus anos conta con colaboracións da altura de Dulce Pontes, Uxía, Xosé Manuel Budiño, Rodrigo Romaní e os membros de Treixadura, Berrogüetto e Malvela. O dvd inclúe un documental onde a Señora Carmen nos relata as súas lembranzas e nos amosa o seu día a día traballando no campo e aquelas noites nas que, ás agachadas, ía ao muíño a cantar, a súa gran paixón.

A Señora Carmen non lembra quen lle aprendeu a cantar: “Sempre fun unha rapariga moi cantareira. Ía ás festas e quedábame co soniquete das cancións durante toda a semana. Despois, cando o meu home mercou un radio, coñecín novas cancións”.

Na entrevista de Fran Alonso incluída en Na Flor dos meus anos, cóntase como foi a súa vida, as súas dores e alegrías, as súas lembranzas de nena, os traballos duros no campo e nos aprendeu que o canto é sanador, no muíño ou nos moitos escenario que pisou. "Sempre na nosa memoria e no noso corazón a súa voz fonda e telúrica, Señora Carmen. Nunca a esqueceremos", di agora o grupo.

En palabras de Luis Bará Torres: “Grazas señora Carmen por traernos na túa voz milenaria o arrolo de todas as nais e avoas do mundo, a crónica do sufrimento e da dignidade, o son da rebeldía, a memoria das carballeiras e a esperanza do tempo que vén. Tempo de ramos verdes coma a túa canción, de roseiras bravas, de flores de primavera. Tempo de seitura, de músicas e cantos que renacen, que abrochan, que florecen. Tempo dun país e dunha cultura que camiñan nas asas do vento, como os teus cantos, que veñen de lonxe e levan rumbo á eternidade".

Este luns día 5, véspera de Reis ás 17 horas será a despedida na Igrexa Parroquial de Sanguiñeda, a terra que a veu nacer. "Alí estaremos as Malvela para cantarlle, para renderlle sentida homenaxe, para dicirlle canto a queremos", rematan.

A Señora Carmen, de Malvela © Malvela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.