“Con ou sen Século de Ouro, somos igual de perralleiros”

Calvo e Mosqueira, durante un ensaio do espectáculo © Manuel Ríos

Un dúo cómico procedente dos límites da delincuencia, Mofa&Befa, foron detidos o ano pasado en Almagro tras inflixir dolorosas feridas ao inmortal Shakespeare. Postos en liberdade por un erro xudicial, saen da cárcere onde os recluíra a crítica e regresan a Almagro para saciar a súa sede de vinganza. ¿Quen é a vítima?  O inocente teatro clásico español.” Con estas palabras, Quico Cadaval presenta Bobas e Galegas, a última montaxe interpretada por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira e que foi seleccionada para abrir o Festival de Almagro 2014 no Corral de Comedias. Trátase dun espectáculo no que o dúo de intérpretes se mergulla no teatro do Século de Ouro, revisitando a autores como Calderón e poñendo o foco no papel dos personaxes galegos na escrita castelá daquela época. Verso, cabaré e máis de 160 almofadas mestúranse nunha obra que agora comeza a xirar por Galicia. Estarán no Teatro Principal de Santiago os días 4, 5, 6 e 7 de febreiro. Despois chegarán á Mostra de Teatro Clásico de Lugo o 21 de febreiro e a Ferrol o 28. Xa en marzo visitarán Bertamiráns (día 13), Oleiros (14), Muros (21) e Noia (28).

Que atoparemos nesta obra que se estreou na sesión de apertura dun Festival como o de Almagro?

VÍCTOR MOSQUEIRA: É unha obra que ten un pouco de todo. Por un lado ten a Mofa e Befa, esa parte cabareteira que nos caracteriza, polo outro, unha obra de teatro galega costumista polo medio e para rematar ten a parte en verso...

"Podemos dicir que  é un espectáculo clásico de Mofa e Befa, onde se pretende dar, dende a ignorancia, unha especie de lección"

EVARISTO CALVO: En realidade, podemos dicir que  é un espectáculo clásico de Mofa e Befa, onde se pretende dar, dende a ignorancia, unha especie de lección. Busca que se poida sacar algo en limpo dalgúns textos literarios e achegar uns poucos datos históricos. Nós seguimos con esa premisa de dar en cada espectáculo unha proporción dun 85% de divertimento e un 15% de información... Porque pensamos que é mellor que chegue pouco a que non chegue nada. [Risos] Moitas veces pasa que, cando te pos a informar a xente, a xente di... pero que carallo é isto, é moi aburrido. [Risos] A ver, ten un carácter didáctico, xa que a tese poderíamos dicir que é o papel dos galegos no Teatro do Século de Ouro. En Calderón, en Lope, no teatro barroco castelán... Isto articúlase ao redor dunha obra costumista coa que se conduce a historia, coa que se vertebra un pouco o espectáculo. Está protagonizada por dous segadores que van perdidos pola Meseta... 

Mosqueira: “El infierno de los campos castellanos de Castilla...”

Calvo: Si, por esa meseta, entre o trigo, cun calor que nin dios e pasando medo de que lles rouben os cartos, esas cousas que lles pasaban aos traballadores desa época... Agora tamén pasa, pero doutra maneira, claro.

Mosqueira: Vai todo intercalado. Saímos á escena, somos máis Mofa e Befa. Preséntase unha explicación sobre o verso e que temos un aparello, que é a gorguera, que che permite falar en verso e en castelán.

Calvo: Continuamente estamos facendo alusión a que o espectáculo é unha demostración sobre...

"Xogabamos co tópico ese de 'Galego que non sabe falar'. Claro que non sabían falar... É que non era o seu idioma!"

Mosqueira: Por que eran tan bos os galegos para os oficios servís? A ver, isto foi un encargo do festival de Almagro, que nos permitiu facer unha especia de... como a Outra idea de Galicia, de Murado. Nós falando en castelán para eles, interpretando os segadores que son moi clowns, igual que en Esperando a Godot. A eles era unha idea que lles facía moita coña, xogabamos co tópico ese de “Galego que non sabe falar”. Claro que non sabían falar... É que non era o seu idioma! Era xogar con todas esas cuestións, facer humor sobre iso e o público acababa dándolle voltas ás cousas. Isto, agora non deixa de ser a tradución do espectáculo, non o verso. Aquí funcionará doutra maneira. Sobre todo, esa parte.

Onde primeiro se viu a obra en Galicia foi no FIOT de Carballo. Como funcionou aquí en comparación con Almagro?

Calvo: No FIOT tomárono máis en serio [risos], pero aplaudiron moito ao final.

Mosqueira: Eu creo que sorprende, é unha cousa curiosa vernos falar en castelán e en verso, algo que nos custou moitísimo aprender, polo menos a min

Calvo: Eu creo que a obra é unha mestura de dúas cousas. Porque para nós tamén é algo moi novo, porque falamos, ademais da cuestión en verso, dun espazo escénico inusual. Está formado por cento e pico almofadas espalladas por aí. En realidade, representan os campos de Castela... E serven para que todo saia desas almofadas. De entre elas xorden os elementos de atrezzo, mesmo diferentes personaxes...

Mosqueira: É unha escenografía que se identifica con un ermo. Fíxoa Baltasar Patiño, como a iluminación. As almofadas serven para todo ou case todo, non? Empréganse algunhas, atadas entre elas, para formar un biombo. Nós sempre empregamos ese tipo de elementos, un biombo, ou unha tea, como en Shakespeare para ignorantes, ou un muro de ladrillo que nos axuda a desdobrarnos en moitos personaxes.

Calvo: Ademais, case todos os elementos de atrezzo son as propias almofadas, coas que facemos aparellos, tamén fan de bonecos, de cabalos...

Mosqueira: O valor que lle deas...

Calvo: Ou de balóns de fútbol. Hai almofadas de 1,50 que acaban facendo esa función.

Mosqueira: Botas de viño... Unha vez metidos en escena, asimilado o código, xa a xente comprende... Somos perralleiros, seguimos sendo perralleiros con Século de Ouro ou sen el.

Nos textos desa época, os galegos moi ben parados non saían...

"O galego que faría Salvador Sostres non sería igual ao de Xavier Alcalá... E os dous pertencen ao estado español"

Calvo: Dependía das querencias dos autores. E segue a depender... Que sei eu! O galego que faría Salvador Sostres non sería igual ao de Xavier Alcalá... E os dous pertencen ao estado español.

Mosqueira: Bueno, de momento...

Calvo: De momento, quizais dentro de pouco non pertenza ninguén. ..
Como se reflicte na obra esas frases lapidarias do Século de Ouro sobre os galegos...

Mosqueira:  Facemos referencia, sobre todo, na parte de Mofa e Befa. Falando da estulticia, da debilidade moral... Dicímolas na parte máis cabareteira.  Na dos segadores... non tanto, pensabamos facer fincapé, sobre todo con frases como esa de: “Gallega hermafrodita, montón de orujo...” Pero ao final non nos metemos tampouco niso, xa nos parecía da duración exacta... É dicir, falan diso os galegos. É dicir, Mofa e Befa e os segadores, que se chaman Paio e Mendo, aínda que os seus nomes non acaban de saír nunca na escena.

Pódense atopar paralelismos con Shakespeare para ignorantes nestas Bobas e Galegas?

Calvo: É moi distinto a Shakespeare para ignorantes, é máis semellante a Sempre ao lonxe. Aquí non hai un ponente, senón que hai unha especie de ponencia frustrada...

Mosqueira: A raíz de facer o Shakespeare en Almagro, xurdiu esta obra. O Shakespeare gustara moito e Quico [Cadaval], falando con Natalia Menéndez, propúxolle unha idea que el tiña sobre os criados galegos, que era algo que se tocaba moi pouco. E ela dixo que lle interesaba. É certo que unha cousa levou á outra, pero  non teñen maior relación.

Casa ben o teatro clásico español e o clown? Poden parecer contraditorios...

Mosqueira: E sen esquecer esa parte de cabaré  que temos nós, Mofa e Befa... O clown é máis da parte dos segadores, de Paio e Mendo.

Calvo: Hai pezas, como a da buxiganga que incluímos, que son pezas feitas cun clarísimo carácter humorísticos. Nós intentamos interpretar o que propuña o autor no seu momento e que fique clara a sutileza que hai na comedia do barroco. Porque a verdade, é que tamén eran sutís. Facían as cousas dentro dunha tensión dramática pautada, unha métrica e unha feitura que fan dese teatro moi interesante.

Que autores se inclúen na obra? Hai mais Calderón que outra cousa, non?

Mosqueira: É que en Calderón xa estaba todo. Despois temos o texto que se lle atribúe a Lope, La estrella de Sevilla, que é de Andrés de Claramonte, que é onde saía o Clarino, un criado gallego sutil que interpreta Evaristo na obra..Lope ao final... Quedou fóra. A verdade, foinos caendo mal.

Por que?

"Calderón foi o que peor nos tratou, con cousas como iso sobre a muller galega: 'Mitad gorrino, mitad mujer"

Mosqueira: Foi o que peor nos tratou, con cousas como iso sobre a muller galega: “Mitad gorrino, mitad mujer” Pero logo arrepentiuse bastante, porque o Conde de Lemos, o que pagou o Quixote... Pois retiroulle a subvención e logo tivo que comezar a facerlle a pelota.  A ver, a min gústame Lope, ten cousas moi boas. Tamén pensamos en Sor Juana Inés de la Cruz e ese “Hombres necios que acusáis a la mujer, sin razón...” Pero foron quedando fóra...

Pero que quedou logo?

Calvo: Quedaron partes de tres pezas de Las visións de la muerte, Los guisados e La Estrella de Sevilla, ademais das décimas de Quevedo. Logo hai unha parte, digamos expositiva ou divulgativa, da que falamos e establecemos unha teoría de por que o amor galante era tan complicado no século de Ouro, porque os amantes tiñan que falar en verso e recorremos a Quevedo para establecer a diferencia dos estilos lingüísticos: o popular, o culterano e o conceptualista.

Mosqueira: E a que xa a liamos! [Risos]

Un intre da montaxe © Mofa e Befa

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.