A Real Academia Galega fixo pública este venres unha declaración institucional, O galego dá vida, pola vida do Galego, en resposta aos moi negativos datos sobre a situación da lingua revelados nos últimos tempos polo INE e polo IGE. A RAG responsabiliza da situación, principalmente, ao Goberno galego, a quen lle esixe que "asuma" o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004 e que "poña en marcha" as "medidas previstas nel dun xeito programado, verificable e suxeito a avaliación". "Non se pode demorar por máis tempo o momento de emprender iniciativas concretas con prazos precisos. Instamos a que o mesmo consenso político que posibilitou a aprobación da Lei e do Plan citados impulse agora a súa plena e eficaz implementación", engaden.
A RAG reclama unha vez máis a derrogación do decreto de plurilingüismo aprobado en 2010 "e o establecemento dun marco legal que permita unha presenza suficiente do galego no ensino"
De igual xeito, reclama unha vez máis a derrogación do decreto de plurilingüismo aprobado en 2010 "e o establecemento dun marco legal que permita unha presenza suficiente do galego no ensino, de acordo cos compromisos contraídos polo Estado Español na Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias". Así mesmo, esixe que o galego "sexa debidamente requirido e valorado nas probas de acceso e promoción na función pública".
Pide "que se promova unha maior oferta televisiva, de produtos audiovisuais e de recursos, actividades e espazos de lecer en idioma galego específicos para a xente máis nova"
Ademais, do ensino, "unha peza clave para garantir o porvir do galego", o texto fai referencia a outros eidos que xulga tamén fundamentais, coma o ocio da infancia e a mocidade, para os que reclama "que se promova unha maior oferta televisiva, de produtos audiovisuais e de recursos, actividades e espazos de lecer en idioma galego específicos para a xente máis nova". En relación con isto, tamén demanda unha maior presenza do galego nos medios de comunicación escritos, audiovisuais e en liña, que na actualidade "non é proporcionada á que o idioma ten na sociedade galega".
Tamén lles pide ás universidades "un esforzo a prol do galego na docencia" e, ademais, "fomentar as liñas de investigación en diversas áreas que contribúan ao seu pleno desenvolvemento como idioma útil e capaz de afrontar os desafíos do século XXI". Tamén anima a empresas, sindicatos, colexios e colectivos profesionais "a que se adapten debidamente ao uso lingüístico de clientes, usuarios e públicos a quen dirixen os seus servizos". E, finalmente, diríxese á Igrexa, para que cumpra co seu compromiso de incorporar "un maior uso do galego na liturxia, na predicación e na catequese".
A pesar da difícil situación, a declaración amosa "confianza no futuro", baseada na certeza de que "a inmensa maioría das xentes do país –independentemente da súa ideoloxía ou mesmo do idioma que falan– valoran a lingua"
A pesar da difícil situación, a declaración amosa "confianza no futuro", baseada na certeza de que "a inmensa maioría das xentes do país –independentemente da súa ideoloxía ou mesmo do idioma que falan– valoran a lingua, téñenlle lei e desexan que siga vivindo". A RAG pide "unha reflexión seria, cómpre un novo impulso para evitar o desafiuzamento do galego da súa propia casa, Galicia". E pide "un marco normativo máis axeitado, pero sobre todo, un discurso renovado, positivo e proactivo". O texto conclúe convidando a Xunta a "tomar a iniciativa e liderar o esforzo social para seguirmos avanzando".