Nace o 'Galician Film Forum' de Londres

Un momento do filme © Encallados

O Galician Film Forum (GFF) de Londres comeza o 20 de marzo a súa actividade coa proxección de Encallados, de Alfonso Zarauza e das curtas Curricán, do vigués Álvaro Gago, e 1977, da ferrolá Peque Varela, residentes ambos os dous na capital británica.

O GFF é unha iniciativa que comeza a tomar forma a principios deste ano por un grupo de galegos e galegas emigrados en Londres cun grande interese pola cultura galega. O obxectivo do GFF é crear un espazo para a difusión do cine galego na capital británica. A proposta nace espontaneamente a raíz dun foro aberto no grupo de Facebook Galegos Morriñentos en Londres, un dos referentes online para a comunidade galega na cidade. GFF ten vocación de continuidade e de servir baixo tres eixos como plataforma de exhibición para o cine galego, observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e espazo de reflexión sobre o cine e a cultura galega en termos universais.

A sesión terá lugar ás 18.30 horas na prestixiosa universidade King’s College London. Despois da proxección os e as asistentes poderán falar con Alfonso Zarauza e o elenco de actores de Encallados, que participarán desde Galicia vía videochamada, mentres que tanto Álvaro Gago como Peque Varela estarán presentes na sala para un coloquio co público. O GFF conta coa colaboración do Departamento de Estudos Españois, Portugueses e Latinoamericanos do King’s College.

Cartaz de 'Encallados' © Encallados
Un momento do filme © Encallados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.