A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer este martes os finalistas en cada unha das 25 categorías da edición 2015 dos Premios Mestre Mateo, que se entregarán o vindeiro 11 de abril nunha gala que terá lugar na Coruña, no Palexco. A primeira rolda de votacións dos académicos da AGA situou A Esmorga como a peza que opta a máis premios. A longametraxe dirixida por Ignacio Vilar suma 16 candidaturas, seguida de Os Fenómenos, de Alfonso Zarauza, finalista en 11 categorías. A terceira das obras máis votadas é a serie Serramoura, que conta con 9 presenzas entre os finalistas. O filme Schimbare, dirixida por Alex Sampaio, está presente en 8 das categorías dos galardóns.
Os galardóns entregaranse o vindeiro 11 de abril nunha gala que terá lugar na Coruña
Os e as finalistas foron anunciados nun acto celebrado no Auditorio Abanca, en Compostela, presentado pola actriz Mercedes Castro e polo actor Ricardo de Barreiro. Este ano a Academia Galega do Audiovisual estreou un novo procedemento de votacións que lles permite aos socios votar en liña, facilitando o sistema de voto e axilizando a súa xestión. Este novo procedemento será o que se utilice tamén para as votacións finais.
Ademais das tres longametraxes xa sinaladas (A Esmorga, Os Fenómenos e Schimbare) tamén El Niño competirá polo premio ao mellor filme. A tropa de trapo na selva do arco da vella, Maimiño e Noite de paz? Holy Night! son finalistas na categoría de mellor longametraxe de animación. A viaxe de Leslie, A volta dos nove, Angrois no esquecemento e Funes o inventor da lúa optan ao premio ao mellor documental. E Clases de lo social la webserie, El metodo sueco, Fame webserie e Te quiero, pero son as catro candidatas ao premio ao mellor webserie.
Álex Sampayo (Schimbare), Alfonso Zarauza (Os Fenómenos), Ignacio Vilar (A Esmorga) e Miguel Conde e Jorge Saavedra (Serramoura) pelexarán polo premio ao mellor director. Alberto Guntín, Víctor Sierra e Xose Morais (Serramoura), Alfonso Zarauza e Jaione Camborda (Os Fenómenos), Ignacio Vilar e Carlos Asorey (A Esmorga) e Xavier Bermúdez (O Ouro do Tempo) son finalistas na categoría de mellor guión.
Antonio Duran "Morris" (A Esmorga), Karra Elejalde (A Esmorga), Luis Tosar (El Niño) e Miguel de Lira (A Esmorga) son candidatos ao galardón ao mellor actor protagonista. E Candela Peña (Schimbare), Lucia Regueiro (Serramoura), Mabel Rivera (Pazo de Familia) e Nerea Barros (O ouro do tempo) son candidatas á mellor actriz protagonista.
