'A Esmorga', 'Os Fenómenos' e 'Serramoura' dominan as candidaturas dos Mestre Mateo

Ricardo de Barreiro e Mercedes Castro len os candidatos dos Mestre Mateo 2015 © Academia Galega do Audiovisual

A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer este martes os finalistas en cada unha das 25 categorías da edición 2015 dos Premios Mestre Mateo, que se entregarán o vindeiro 11 de abril nunha gala que terá lugar na Coruña, no Palexco. A primeira rolda de votacións dos académicos da AGA situou A Esmorga como a peza que opta a máis premios. A longametraxe dirixida por Ignacio Vilar suma 16 candidaturas, seguida de Os Fenómenos, de Alfonso Zarauza, finalista en 11 categorías. A terceira das obras máis votadas é a serie Serramoura, que conta con 9 presenzas entre os finalistas. O filme Schimbare, dirixida por Alex Sampaio, está presente en 8 das categorías dos galardóns.

Os galardóns entregaranse o vindeiro 11 de abril nunha gala que terá lugar na Coruña

Os e as finalistas foron anunciados nun acto celebrado no Auditorio Abanca, en Compostela, presentado pola actriz Mercedes Castro e polo actor Ricardo de Barreiro. Este ano a Academia Galega do Audiovisual estreou un novo procedemento de votacións que lles permite aos socios votar en liña, facilitando o sistema de voto e axilizando a súa xestión. Este novo procedemento será o que se utilice tamén para as votacións finais.

Ademais das tres longametraxes xa sinaladas (A Esmorga, Os Fenómenos Schimbare) tamén El Niño competirá polo premio ao mellor filme. A tropa de trapo na selva do arco da vella, Maimiño Noite de paz? Holy Night! son finalistas na categoría de mellor longametraxe de animación. A viaxe de Leslie, A volta dos nove, Angrois no esquecemento e Funes o inventor da lúa optan ao premio ao mellor documental. E Clases de lo social la webserie, El metodo sueco, Fame webserie Te quiero, pero son as catro candidatas ao premio ao mellor webserie.

Álex Sampayo (Schimbare), Alfonso Zarauza (Os Fenómenos), Ignacio Vilar (A Esmorga) e Miguel Conde e Jorge Saavedra (Serramoura) pelexarán polo premio ao mellor director. Alberto Guntín, Víctor Sierra e Xose Morais (Serramoura), Alfonso Zarauza e Jaione Camborda (Os Fenómenos), Ignacio Vilar e Carlos Asorey (A Esmorga) e  Xavier Bermúdez (O Ouro do Tempo) son finalistas na categoría de mellor guión.

Antonio Duran "Morris" (A Esmorga), Karra Elejalde (A Esmorga), Luis Tosar (El Niño) e Miguel de Lira (A Esmorga) son candidatos ao galardón ao mellor actor protagonista. E Candela Peña (Schimbare), Lucia Regueiro (Serramoura), Mabel Rivera (Pazo de Familia) e Nerea Barros (O ouro do tempo) son candidatas á mellor actriz protagonista.

Ricardo de Barreiro e Mercedes Castro len os candidatos dos Mestre Mateo 2015 © Academia Galega do Audiovisual

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.