Catro filmes de directoras novas destacarán na sección oficial do Play-Doc

Concerning Violence, Göran Hugo Olsson Dominio Público Praza Pública

Achégase unha nova edición do Play-Doc e o Festival Internacional de Documentais de Tui vai debullando o seu programa de actividades e os filmes que competirán na súa selectiva e prestixiosa sección oficial. Nesta ocasión, as apostas da organización do certame divídense entre os últimos filmes de autores consagrados e veteranos, J.P. Sniadecki, Fernand Melgar ou Göran Hugo Olsson, e as películas presentadas por catro realizadoras novas: Talena Sanders, Soon-Mi Yoo, Maureen Fazendeiro e Amanda Rose Wilder.

En The Iron Ministry J.P. Sniadecki retrata como funciona un tren de pasaxeiros que cruza toda China. Filma o día a día dos viaxeiros, vai do vagón de cola de terceira clase, repleto de persoas, en corredores nos que non collen, ata os convois con todos os luxos da máquina. Retrata China sen saír do ferrocarril. Esta é a última produción do prestixioso Sensory Ethnography Lab da Universidade de Harvard, que está redefinindo o modo de facer cinema etnográfico. Play-Doc xa contou con outros títulos de éxito deste laboratorio en previas edicións, como Sweetgrass (premio en 2010), Foreign Parts ou Manakamana

O segundo filme é L'abride Fernand Melgar, suízo fillo de emigrantes españois, é un dos cineastas máis respectados do seu país, polos humanistas retratos que fai dos inmigrantes na cidade de Lausanne. En L'abri Melgar introdúcenos nun refuxio para xente que vive na rúa, no frío inverno suízo. Ante a falta de espazo para todos no interior, moitos deben durmir á intemperie, mentres os traballadores sociais buscan formas para enganar o sistema e poder facer oco a unha persoa máis.

Göran Hugo Olsson, coñecido por The Blackpower Mixtape (2011), presenta nesta ocasión Concerning Violence, na que toma filmacións de reportaxes dos colonizadores europeos, para compor un retrato dos distintos movementos de liberación producidos nos países que controlaban. Baseado no ensaio homónimo do filósofo e revolucionario Frantz Fanon sobre as consecuencias psicolóxicas da colonización, o filme está narrado por Lauryn Hill, voz da banda The Fugees.

Xunto a estes tres filmes, Play-Doc proxecta outros catro de cineastas moi novas, que demostraron coas súas primeiras películas, que teñen moito que contar. En Liahona, Talena Sanders combina filmacións propias con publicidades, documentais e ficcións dos mormóns en Utah para falar dun proceso persoal no que apostatou, afastándose da relixión que lle legaron seus pais. En Songs From the North, Soon-Mi Yoo vai de turismo a Pyonyang para rexistrar a suposta apertura do réxime norcoreano. Fronte ao que lle ensinan alí as autoridades, ela contrapón esas imaxes a filmacións co seu pai emigrado, e a películas de propaganda usadas polo propio réxime, para atacalos coas súas propias armas. 

Motu Maeva, de Maureen Fazendeiro, presenta a vida dunha muller aventureira a través do seu arquivo doméstico en súper 8 por diversos países polos que viaxou. Finalmente, o Play-Doc presenta a opera prima de Amanda Rose Wilder, Approaching the Elephant, sobre unha free school, colexio no que os alumnos discuten e toman decisións sobre a organización dos cursos dende pequenos, buscando fomentar o diálogo, a implicación e o compromiso dos estudantes. Wilder formouse na produtora de Albert Maysles, ao que o Play-Doc dedicou hai dous anos unha retrospectiva, e que faleceu a semana pasada.

 

Filmes da sección oficial

  • Approaching the Elephant (Amanda Rose Wilder / EUA, 2014) 
  • Concerning Violence (Göran Hugo Olsson / Suecia, Finlandia, Dinamarca, EUA, 2014)
  • L'abri (Fernand Melgar / Suíza, 2014) 
  • Liahona (Talena Sanders / EUA, 2014)
  • Motu Maeva (Maureen Fazendeiro / Francia, 2014) 
  • Songs From the North (Soon-Mi Yoo / Corea do Sur, Portugal, EUA, 2014)
  • The Iron Ministry (J.P. Sniadecki / EUA, 2014)
L'abri, de Fernand Melgar Dominio Público Praza Pública
Approaching the Elephant, de Amanda Rose Wilder Dominio Público Praza Pública
Concerning Violence, Göran Hugo Olsson Dominio Público Praza Pública
Songs From the North, Soon-Mi Yoo Dominio Público Praza Pública
J.P. Sniadecki Dominio Público Praza Pública
Motu Maeva, Maureen Fazendeiro Dominio Público Praza Pública
Soon-Mi Yoo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.