“Esta festa non pode ser só unha homenaxe a un home, ten que ser tamén o encontro de persoas que rexeitan a anestesia que o sistema nos quere infrinxir, e sobre todo un apelo á xuventude para que manteña sempre o espírito crítico e unha actitude de resistencia fronte ao sistema de valores que a sociedade capitalista nos pretende impor. Se é certo que a situación non é mesma que a de antes do 25 de abril, importa manter a capacidade de indignación, e sermos capaces de rexeitar a hipocrisía dos detentores do poder”.
Zeca Afonso agradeceu así unha festa que lle organizaron en Braga. Mais as mesmas palabras definen ben o ambiente do Terra da Fraternidade, a homenaxe que lle brindaron en Compostela máis de 30 artistas e os máis de 900 espectadores que ateigaron o Auditorio de Galicia. Xa dicía Quico Cadaval que chegara unha queixa do consulado luso por tentar apropiármonos de Zeca, que por moito que considerase a Galiza como a súa patria espiritual, seguía sendo portugués. E abofé que, onte, sentíase non só que non hai fronteiras no universo lusófono, senón que o pensamento de Zeca, a súa utopía, permanece tan viva como sempre.
Onte sentíase non só que non hai fronteiras no universo lusófono, senón que o pensamento de Zeca, a súa utopía, permanece tan viva como sempre
Pasaron 40 anos desde a estrea de Grândola, Vila Morena, a canción que despois se converteu no himno da Revolución dos Caraveis. Pero a historia repítese e, -sinalaba Carlos Blanco na presentación do concerto-, daquela “a oligarquía dominaba o mundo, como hoxe”. Pois o que vivimos agora “non é unha crise, é unha estafa masiva”. O Terra da Fraternidade contribuíu, de feito, dixo, a paliar o déficit do Concello cun alugueiro do Auditorio nada barato, e mesmo a tapar outro burato, o de NovaGalicia Banco, co que cobra polo servizo de venda de billetes.
Narf, só coa súa guitarra, con A morte saíu a rúa, Uxía, con Menino do Bairro negro, ou, por suposto, os artistas todos xuntos cantando o Grândola ao final con todo o público de pé, protagonizaron algúns dos momentos máis intensos.
O sobriño de Zeca, João Afonso, actuou o primeiro nun espectáculo que foi in crescendo, malia que durou unhas tres horas. Narf, só coa súa guitarra, con A morte saíu a rúa, Uxía, con Menino do Bairro negro, ou, por suposto, os artistas todos xuntos cantando o Grândola ao final con todo o público de pé, protagonizaron algúns dos momentos máis intensos. Polo medio das cancións proxectouse un vídeo, dirixido por Pablo Portero, que explora a relación de Zeca con Galiza a través das declaracións de Suso Iglesias, Xico de Carinho, Camilo Franco, Germán Ermida, Uxía, Carlos Blanco, Najla Shami ou Gonzalo Bouza-Brey.
A banda Utopía -Sérgio Tannus, Bruno Cardoso, Santi Cribeiro, Isaac Palacín e Xacobe Martínez Antelo-, acompañou a Uxía co seu Menino do Bairro negro. Despois, ela e João Afonso interpretaron o Cantar galego de Zeca. Houbo, en todo o concerto, moitos cambios de estilos e ritmos, con versións moi persoais dos temas de Zeca. Najla Shami levou ao seu terreo sempre ecléctico o Indios de Meia Praia, marcando os versos do final: "Mas não por vontade própria/ Porque a luta continua/ Pois é dele a sua história/ E o povo saiu à rua”. Presentou ela mesma a Brais Morán e o seu ronsel funky, que contrastou ben co máis calmo Que amor năo me engana da angolá de Aline Frazão, coa trompeta de Manuel Paino.
Houbo, en todo o concerto, moitos cambios de estilos e ritmos, con versións moi persoais dos temas de Zeca
Xoán Curiel escolleu Venham mais cinco, que cantou con Vox Stellae. A actuación deste coro foi, xunto co traballo das bandas Utopía e Fura Fura, un dos elementos que lle deron unidade a un acto heteroxéneo no que tamén tivo o seu espazo o teatro. Chévere -Manolo Cortés, Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira e Xesús Ron- recrearon un suposto cásting no que Pilara, antes do concerto no Burgo das Nacións no que Zeca deu a coñecer o 10 de maio de 1972 o Grândola, convence a Raimon, a Benedito e ao propio Zeca para que eleven o ton revolucionario dos seus temas, quedando así o Grândola transformado en “Granada, mina e barrena, guerra á autoridade, o pobo é o que se subleva, dentro de cada cidade”.
Volveron subir despois subir os decibelios cun atrevido e sentido Era de noite e levaram, versión do grupo Agencia de Viagens. Xabier Díaz e Guillerme Fernández optaron por unha máis sosegada A mulher da Herva, do álbum Cantigas do Maio, e Narf abraiou ao público ao encher, el só, de son o Auditorio enteiro coa súa voz e a guitarra eléctrica. Volveu despois o teatro, mesturado coa música, con Ze Rui Martins, fundador da ACERT e da compañía Trigo Limpo, piares do intercambio cultural entre Galiza e Portugal, no que Chévere tivo tamén moito que ver.
Uxía salienta a beleza e a actualidade de Zeca pois, “o que faz falta é animar a malta”, como el dicía nun dos seus máis coñecidos temas
Tras a proxección da segunda parte do vídeo, -no que Uxía salienta a beleza e a actualidade de Zeca pois, “o que faz falta é animar a malta”, como el dicía nun dos seus máis coñecidos temas-, foi a quenda dos máis rockeiros, aínda que a transición xa a marcara con claridade Narf. A banda Fura Fura contaxiou rápido ao público a súa enerxía, redobrada por García de Dios Ke Te Crew e O Leo con Paz poetas e pombas. Bocixa de Zënzar e Ses saltaron polo escenario coa súa Um homem novo, Xurxo Souto e Ico fixeron o propio con O Comboio descendente, e volveu despois O Leo, con Adrián Beiroa, cunha O que faz falta moi Fura Fura.
Quico Cadaval agradeceulle ao ditador Salazar o seu esforzo por “provocar” a Zeca
Logo, de novo, veu o teatro. Con Quico Cadaval, que lle agradeceu ao ditador Salazar o seu esforzo por “provocar” a Zeca. Contou tamén que, aínda convencidos de que “galego e portugués a mesma merda é”, moitas veces os galegos chegaban a Portugal e “non entendían nada”. Mais aclarou que, na súa experiencia como profesor na Operación Triunfo portuguesa, comprobara que os portugueses tampouco comprendían as letras das súas cancións. Uxía, João Afonso, Curiel e Aline cantaron despois Filhos da madrugada, e Xurxo Souto presentou os organizadores do acto, Xoán Quintáns e Bea Bugalho. Antes do Grândola, que ergueu o Auditorio enteiro.