Que Galicia e Portugal están unidas por unha multitude de ligazóns culturais, comezando polo idioma, alimentadas pola proximidade xeográfica, é unha realidade que ninguén pon en dúbida. As posibilidades están aí, e dende hai anos funcionan mesmo estruturas institucionais, chámese Eurorrexión ou Eixo Atlántico, que poderían servir para vehiculizar redes e intercambios. Porén, en moitas ocasións esta unión non chega a cristalizar.
Culturaqueune é unha rede de persoas e entidades "dispostas a compartir e a intercambiar manifestacións e expresións da cultura galego-portuguesa"
Vén de nacer Culturaqueune, unha rede de persoas e entidades "dispostas a compartir e a intercambiar manifestacións e expresións da cultura galego-portuguesa", que buscan dende a sociedade civil e a iniciativa privada, co apoio de institucións públicas, facilitar todos os procesos de intercambio, poñendo a disposición dos autores e artistas espazos, mecanismos de difusión e todos os demais apoios que necesiten. Está promovido por AGAL, Ponte nas Ondas e a Fundación Vicente Risco pola parte galega; e pola cámara municipal de Famalicão, o Museu Bernardino Machado ou a Casa Museo de Monção pola portuguesa, co apoio de institucións coma a Real Academia Galega, a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense ou a Academia Galega da Língua Portuguesa. Todas elas destacan o impulso que para esta iniciativa supuxo a aprobación, en marzo de 2014, da Lei Paz Andrade: "invítanos, e até certo modo obríganos, a afondar no esforzo do encontro", sinalan.
O proxecto naceu, en primeiro termo, en conversas entre a Fundación Vicente Risco e Norberto Cunha, responsable do Museo Bernardino Machado de Vilanova de Famalicão, como destaca Luís Martínez-Risco. “A partir de aí lanzamos unha serie de convites con persoas que sabiamos que estaban traballando na mesma dirección. Queriamos que fose algo aberto, pero acoutado, evitando crear unha iniciativa asemblearia na que todo o mundo falase e ninguén fixese nada. Queriamos xente enfocada ao traballo práctico”, di.
“Notamos que hai locais que precisan de actividade, de contidos culturais, e artistas e autores que necesitan de locais para difundir o seu traballo e as súas creacións"
“Notamos que hai locais que precisan de actividade, de contidos culturais, e artistas e autores que necesitan de locais para difundir o seu traballo e as súas creacións", explica Martínez-Risco, que sinala que "non queríamos ficar aí, reducidos a unha especie de mercadeo de locais e artistas ou a unha caste de axencia de colocación, senón que tamén queríamos dotar o proxecto de contido e dunha filosofía”. “A filosofía” -conta- “é que hai unha Eurorrexión e un Eixo Atlántico, pero estas son estruturas que só funcionan dende arriba e nas que só teñen voz os grandes: os concellos, os Gobernos e as grandes institucións, pero nas que non se está traballando dende a base”. “Hai un enorme baleiro e polo tanto pérdese cohesión na Eurorrexión”, engade.
"Hai unha Eurorrexión e un Eixo Atlántico, pero estas son estruturas que só funcionan dende arriba e nas que só teñen voz os grandes: os concellos, os Gobernos e as grandes institucións, pero nas que non se está traballando dende a base”
Para Martínez-Risco, Galicia e Portugal “temos unhas problemáticas económicas ou demográficas moi semellantes, e pode ser que a través da cultura sexamos quen de crear un mercado interno, fomentando tamén os intercambios comerciais e económicos entre unha beira e outra do Miño”. A rede está en marcha, aínda que con moitas cousas aínda por perfilar, “pero se agardamos a ter todo listo non arrancamos nunca”, di Luís Martínez-Risco. Tamén se lanzará un portal web, "cun custe mínimo de deseño e mantemento", que se sosterá coas achegas dos participantes.
Actividades en Amarante e A Coruña
"Pode ser que a través da cultura sexamos quen de crear un mercado interno, fomentando tamén os intercambios comerciais e económicos entre unha beira e outra do Miño”
A rede darase a coñecer nos meses de maio e xuño cun completo programa de actividades en Amarante e A Coruña. O obxectivo é que este dobre festival se repita todos os anos en dúas localidades galegas e portuguesas. A primeira cita será na vila portuguesa, o vindeiro 2 de maio, unha xornada na que se inaugurarán cinco exposicións de pintura, fotografía e escultura de artistas galegos e galegas e tamén a mostra Do Saudosismo ao Atlantismo. Así mesmo, haberá un recital de poesía clásica de autores galegos e portugueses (Carlos Da Aira, Delfín Caseiro, Fernando Soares, Ramiro Torres, Yolanda Castaño), dous concertos (Bruar e o grupo de Cámara Hotteterre) e unha mesa redonda na que Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo, Arturo Lezcano Fernández e Pilar Garcia Negro falarán sobre "A intelectualidade da Galiza e do Norte de Portugal".
As actividades en Amarante pecharanse o 30 de maio, coa celebración do Festival Culturaqueune, que constará dun encontro de artistas participantes para tratar de futuras iniciativas conxuntas, un recital de poesía contemporánea (a cargo de Alfredo Ferreiro, Amadeu Baptista, Carlos Da Aira, João Madureira, Ramiro Torres, Virgínia do Carmo e Yolanda Castaño), unha sesión de contadores de historias (Isabel Risco, Vitor Fernandes e Xurxo Souto) e dous concertos máis (o Dúo Bossa Nova -Ton Risco e Jacobo de Miguel- e o dúo Jazz– Terra Morena).
A rede darase a coñecer nos meses de maio e xuño cun completo programa de actividades en Amarante e A Coruña
En xuño será a quenda da Coruña, que acollerá igualmente un gran número de actividades culturais, desta volta protagonizadas sobre todo polos artistas e autores e autoras portuguesas. A partir do 10 de xuño (Día de Camões), inauguraranse en distintos espazos da cidade exposicións de fotografía, pintura e escultura, así coma de novo a mostra Do Saudosismo ao Atlantismo. Así mesmo, a sede da Real Academia Galega acollerá unha mesa redonda na que Norberto Cunha, Paulo Vieira de Castro, Paulo Samuel e Gaspar Martins Pereira analizarán "as relacións intelectuais entre Galicia e Norte Portugal". Concertos e recitais poéticos darán paso a unha derradeira xornada de actividades, o 13 de xuño, na que destaca o encontro de artistas participantes para tratar de futuras iniciativas conxuntas, o recital de poesía contemporánea, a sesión de contadores de historias e a proxección do filme mudo Carmiña Flor de Galicia, co acompañamento musical de Cántigas da Terra.