Por Tutatis! O novo de Astérix, en galego!

Imaxe promocional de 'O papiro do César' Dominio Público Praza Pública

O 22 de outubro de 2015 publicarase o 36º álbum de Ásterix e Obélix, O papiro de César, segundo se anunciou este martes na feira do libro de Boloña. O libro contará de novo coa autoría do guionista Jean-Ives Ferri e o debuxante Didier Conrad, que xa realizaron en 2013 Astérix e os pictos. E, ao igual que sucedera con ese álbum, poderemos ler en galego a nova entrega dos valentes galos, publicada pola editorial Xerais, como cofirmaba Manuel Bragado no seu blog.

En Boloña Ferri e Conrad adiantaron que a acción da nova entrega se desenvolverá na Galia e "coma sempre sucede en Astérix haberá batallas, novos personaxes, un moi perigoso e zoinamoina, romanos a labazadas e se abordará un tema característico da sociedade moderna".

Trátase dun dos poucos cómics dos que existe unha tradición de edición en galego, con máis de 20 álbums traducidos dende que en 1976 se publicaran os primeiros títulos en versión galega de Eduardo Blanco Amor

Ademais da importancia indiscutible para a historia da literatura e da banda deseñada destes heroes creados por Uderzo e Goscinny, Ásterix e Obélix teñen unha ligazón especial coa cultura galega, pois trátase dun dos poucos cómics dos que existe unha tradición de edición en galego, con máis de 20 álbums traducidos dende que en 1976 se publicaran os primeiros títulos en versión galega de Eduardo Blanco Amor.

Astérix e os pictos foi o primeiro álbum que non contou coa participación de ningún dos seus creadores, Albert Uderzo e o xa falecido René Goscinny. O propio Uderzo e Anne Goscinny, filla de René, elixiron para darlles novos azos á serie a Jean-Yves Ferri, guionista de sutil vis cómica coñecido sobre todo pola serie Le retour à la terre, e Didier Conrad, debuxante que debe a súa sona a títulos como Les innommables e Tigresse blanche.

Antes da publicación en galego desta nova aventura, a comezos do mes de maio estarán dispoñibles nas librarías as novas edicións na nosa lingua da terceira e cuarta entrega da serie, Astérix e os godos e Astérix gladiador, traducidas por Xavier Senín e Isabel Soto.

Imaxe promocional de 'O papiro do César' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.