“Se perdemos a capacidade de ironizar, de provocar, a arte é un servizo funcionarial”

Fran Alonso Dominio Público Praza Pública

“Quería que os versos tremesen nos ollos das persoas que os lesen, para facernos sentir inseguridade, para deixar claro que as aparencias enganan. E fíxeno desde o humor, desde o sarcasmo. En calquera caso, se alguén me vai matar, que vexa o meu sorriso irónico, por favor”. Así fala Fran Alonso de Poétic@, o seu último libro, que é, tal como el mesmo o define, “poesía dixital e transmedia”. Artefacto mestizo no que o texto interactúa con materiais de natureza diversa que convidan a unha lectura personalizada, sempre diferente. Proposta, ao mesmo tempo, metapoética, que xoga cos tópicos sobre a poesía e a figura do poeta. 

Os poemas foron escritos en 2008, 2009 e 2010. En principio, ías publicalos en papel. Por que decidiches facer edición dixital?

Os poemas foron pensados desde o principio en función da rede e para a rede, pero unicamente como posibilidade, porque naquel momento eu non vía claro como solucionar as cuestións técnicas e tampouco sabía moi ben de que maneira o libro podía editarse en Internet. Nese sentido, pasou por varias etapas, incluída a de ofrecerllo a unha editorial con perfil dixital que o aceptou pero para a que, no fondo, supuña unha carga. En todo ese proceso, o texto foi cambiando, evoluíndo, de xeito imparable. Finalmente decidín asumilo eu mesmo. Naqueles anos iniciais tería sido imposible editalo tal e como está feito hoxe, porque non existían posibilidades asequibles para a maquetación e edición do texto na web con estas características.

"O texto foi cambiando, evoluíndo, de xeito imparable. Finalmente decidín asumilo eu mesmo. Naqueles anos iniciais tería sido imposible editalo tal e como está feito hoxe"

Foi, así, na práctica, autoedición. Ti maquetaches e buscaches audios, vídeos, links... Como foi ese proceso de edición do libro?

Efectivamente, eu maquetei e busquei absolutamente todos os materiais, ligazóns, vídeos e recursos. Foi un proceso lento e, sobre todo, interminable, porque a cada paso íanseme ocorrendo novas cousas que engadir. É un traballo de asociación de ideas tan sedutor que te absorbe ata tal punto que tes que poñerlle punto final para que non sexa infinito. En realidade foi un proceso moi fascinante, que me serviu para aprender a potenciar o texto a través da tecnoloxía e dos recursos alleos que están a disposición do público na rede. Eu buscaba un perfil o máis innovador posible sen perder nunca as posibilidades de conectar cos lectores e lectoras. Nese sentido, identifícome co que me dixo un bo amigo, tamén escritor, por correo electrónico con respecto a Poétic@: "xa desapareceu ese aroma a experimento, propio das instalacións virtuais". Eu non o pensara pero, efectivamente, creo que é preciso innovar transmitindo a idea de que estamos diante dun novo camiño e non dun novo experimento, algo frecuente na literatura electrónica noutras linguas.

"Creo que é preciso innovar transmitindo a idea de que estamos diante dun novo camiño e non dun novo experimento, algo frecuente na literatura electrónica noutras linguas"

Máis que poemario, é instalación poética, explicas. Con estrutura de arañeira. Uns poemas remiten a outros, de xeito que o libro pode lerse de varias maneiras, con voltas adiante e atrás, saíndo e entrando nos poemas a través de links, vídeos... É a fragmentación propia da era dixital. Como agardas que se lea o libro, nese sentido?

Eu reivindico a autonomía absoluta dos lectores e lectoras. Feito público, o texto deixa de ser meu e cadaquén faino seu como desexe. A deseñadora e mais eu trazamos unha vertebración tradicional, con paxinación e mesmo un certo sombreado de páxina. Iso convida a unha lectura ordenada e garda relación co libro en papel. Pero unha vez que comezas a lectura e interactúas, acabas saíndo do itinerario convencional e creas o teu propio itinerario. Eu creo que Poétic@ dá esa enorme liberdade para que cadaquén poida lelo como queira. A lectura cambia moito se se prescinde, por exemplo, das ligazóns, porque engaden novos significados e outras dimensións. Ás veces, mesmo contradín as teses iniciais. Pódense facer lecturas textuais, lecturas gráficas, lectura hipertextuais, lecturas de audio... ou todo conxuntamente en itinerarios á carta. Na rede, o protagonismo dos lectores e lectoras aumenta exponencialmente.

"Eu reivindico a autonomía absoluta dos lectores e lectoras. Feito público, o texto deixa de ser meu e cadaquén faino seu como desexe"

Ao fío desa fragmentariedade, nos poemas insírense slogans publicitarios, vídeos, links, citas,  cancións infantís, discursos políticos, fotos, emoticonos... Nada está colocado porque si, nin como unha sorte de adorno. Todo cadra co contido do poema, interactuando co mesmo. Era o obxectivo?

Eu creo que o feito de inserir esa pluralidade discursiva supón afirmar unha propiedade do texto poético que se viu incrementada coas posibilidades que me ofreceu a tecnoloxía. Os materiais, textuais, gráficos, inconográficos ou auditivos, de procedencia diversa, remarcan a vocación de contemporaneidade e fragmentariedade de Poétic@, pero ao tempo volven o libro máis compacto, porque adquire un sentido máis global. Eu estiven especialmente interesado en incorporar a linguaxe publicitaria, que me parece absolutamente definitoria do noso tempo –desde a empresa á política– e esa é unha realidade que a arte non pode ignorar. Pero tamén hai elementos ligados á tradición oral (os audios, en certa medida, son unha recuperación da oralidade), por exemplo, nas cancións infantís ou tradicionais. E todo iso está sempre empregado para potenciar, contrarrestrar, complementar, poñer en dúbida ou resaltar o propio contido do texto autorial (o poema clásico). Todos os elementos teñen un sentido. Nada é gratuíto, agás a miña propia banalidade, reinvidicada en uso.

"Estiven especialmente interesado en incorporar a linguaxe publicitaria. Pero tamén hai elementos ligados á tradición oral, por exemplo, nas cancións infantís ou tradicionais"

Unha cousa que pensaba ao ler é que estabas a facer cousas que se levan tempo facendo, só que agora aproveitas as maiores posibilidades que dá internet. Hai algo, por exemplo, de estética das vangardas (caligramas...). En que sentido internet é iso, un xeito de expandir posibilidades de facer cousas que xa se viñan facendo en poesía?

Sen dúbida ningunha, Poétic@ bebe de moitas tradicións e correntes das estéticas de vangarda e dalgunha correntes máis actuais pero que levan tempo practicándose ou escenificándose. Ás veces son simples pinceladas, pero fan moi flexible o esqueleto do libro. O que fago en Poétic@ é integralas nun discurso amplo, que reflexiona sobre a propia poesía e sometelas a ese impulso impredicible que é a navegación web. Estou plenamente convencido de que a poesía vai ter unha nova vida na rede que a vai condicionar, cambiar e relanzar.

"Estou plenamente convencido de que a poesía vai ter unha nova vida na rede que a vai condicionar, cambiar e relanzar"

Houbera, tamén, precedentes de libro dixital en galego construído en interacción cos lectores e lectoras, por exemplo. En que se diferencia o teu, nese sentido? (No teu hai, por exemplo, poemas construídos co diálogo entre citas doutros autores e autoras, ou de versos teus con citas).

Os precedentes foron moi importantes e necesarios e abriron camiño. Estou pensando, entre outros, por exemplo, en Camilo Franco. Como comentei ao principio, naqueles momentos realizar algo como Poétic@ era tecnicamente imposible, pero puxeron sobre a mesa o feito de que se estaban a abrir novas vías para a creación literaria. Eu creo que o que máis caracteriza ao Poétic@ hoxe fronte as os precedentes é sobre todo a asunción da hipertextualidade significativa e o carácter multimodal e pluridiscursivo do texto como xeito de concibir a escrita.

Algo que está moi presente é o xogo. Xogos de palabras. Xogos de transformación de poemas ou letras de cancións coñecidos. Xogos eróticos co poema. (Nalgún momento pensei en Ronseltz ao ler). Por que?

Porque a literatura, como a vida, precisa do humor e tamén precisa dunha certa dimensión lúdica que a desdramatiza. Os xogos de palabras ou outro tipo de xogos textuais tamén pertencen á poesía desde as súas orixes. Poucas expresións hai máis fermosas que "arremoto pitipoto", que é un xogo de palabras procedente da oralidade. En calquera caso, o xogo de palabras está moi presente na miña poesía, desde Persianas, pedramol e outros nervios ata Subversións, por exemplo. E non digamos en O meu gato é un poeta. Con respecto a Ronseltz, probablemente eu pertenza á mesma cultura poética que Ronseltz; eu ía aos recitais de Ronseltz nos bares de Compostela cando estabamos na facultade.

"Probablemente eu pertenza á mesma cultura poética que Ronseltz; eu ía aos recitais de Ronseltz nos bares de Compostela cando estabamos na facultade"

Dise na web que o libro tece un discurso "ácido e corrosivo" sobre os mitos e tópicos da poesía. Eu definiríao máis ben como un discurso irónico, e autocrítico, dos clixés sobre o que é ser poeta. Pode ser? Por que? Por que os poetas teñen que rir de si mesmos? Sobran malditismo, egos e grandes discursos sobre a elevada función da poesía?

O libro é irónico e autocrítico de xeito reincidente e, se cadra por iso, tamén ácido e corrosivo. Este tipo de autocrítica non sempre é ben aceptada, pero é algo co que eu xogo no propio discurso poético, forma parte del. No poema Excelencia, por exemplo, hai un contraste enorme entre o texto autorial e o discurso do xenial Jorge Oteiza. El di que ninguén pode rir da poesía. Cadaquén concibe a poesía como lle parece, pero a autocrítica e o sarcasmo son inherentes á miña concepción da vida e, daquela, á miña concepción da arte. Eu estou, incondicionalmente, co espírito de Charlie Hebdo. Se perdemos esa capacidade de ironizar, de provocar, a arte é un servizo funcionarial.

"Eu estou, incondicionalmente, co espírito de Charlie Hebdo. Se perdemos esa capacidade de ironizar, de provocar, a arte é un servizo funcionarial"

Mais de fondo está tamén, por unha banda, a soidade. Por outra, e en relación con iso, o feito de ser poeta nun país pequeno e nunha lingua minorizada. Malia todas as ironías, canto ten o libro de reflexión, ou polo menos de consciencia, diso?

Efectivamente, a soidade está máis presente e é máis invisible ca nunca nun mundo no que a relación e a comunicación cambian vertixinosamente ao abeiro da novas tecnoloxías. Ten moito que ver co propio libro. E, efectivamente, tamén está esa ironía, amarga, de ser poeta nun país pequeno e nunha lingua minorizada. Nese sentido, Poétic@ tamén incide en ironías contraditorias, en discursos contraditorios, que teñen que ver co espírito fragmentario pero tamén co propio carácter dos seres humanos. Eu creo que, por debaixo de toda a ironía, por debaixo de toda a banalidade, Poétic@ agacha unha carga de profundidade considerable cun nivel de reflexión importante e moi consciente, que pretende interpelar o pensamento acomodaticio desde o humor.

"Creo que, por debaixo de toda a ironía, por debaixo de toda a banalidade, Poétic@ agacha unha carga de profundidade considerable cun nivel de reflexión importante e moi consciente, que pretende interpelar o pensamento acomodaticio desde o humor"

Un dos xogos máis presentes é o que ironiza sobre a relación do creador ou creadora co mercado. Se a poesía é libre por ser minoritaria e non vivir sometida ao mercado, cando liberamos a narrativa?, pregunta un poema. O poeta en paro ofrécese para escribir poemas. O propio libro ofrécese para a súa venda, en prezo crecente segundo avanza o poemario. Cal é e debe ser a relación dos poetas co mercado?

É que eu creo que ese tipo de discursos son moi contraditorios e este libro o que fai é, precisamente, poñer de manifesto moitas contradicións. Se, con respecto ao mercado, a poesía tivese as vendas da narrativa e a narrativa as da poesía, nesas condicións a narrativa sería considerada a literatura "liberada". As perspectivas enganan moito. Por outra banda, o "malditismo" tamén é valorado cun plus extraliterario de literaturalidade, de autenticidade. Ora, non existe ningún tipo de relación canónica nin preestablecida da poesía ou do poeta co mercado igual que non existe tampouco unha relación canónica do narrador co mercado. Tamén hai narradores "malditos". Todo depende de cales sexan os obxectivos, as prioridades, as intencións e o espírito dos e das creadoras. En calquera caso, na miña opinión, cadaquén debe ter claro o que pretende. Outra cousa moi distinta é a relación que unha literatura en lingua minorizada establece co mercado. Aí os condicionantes están por riba de calquera tipo de vontades.

Outra cuestión presente é a distinción entre o banal e o relevante. Non só polo ruído, a abundancia de información. É que tamén se cuestiona se é banal o considerado banal, o que non se considera obxecto de ensaio ou de "alta literatura". Iso encaixa, ademais, con obras anteriores túas (a presenza do cotián, que non é banal), ou co teu tratamento da poesía en Poetízate, para achegarlla aos máis novos. Por que esa reflexión sobre o banal e a creación?

Sen dúbida, o ruído (o xeito máis contemporáneo, eficaz e invisible de censura) contribuíu decisivamente á confusión entre o banal e o relevante. Pero eu creo que foi, sobre todo, o consumo e a acomodación social o que levou á perda social da capacidade para distinguir. En realidade, esa reflexión, que en Poétic@, está aplicada á arte, é unha reflexión profundamente social. Banal é celebrar o aniversario dun neno de oito anos nun restaurante con vinte convidados. Desde logo, escribir sobre o que eu sinto se prefiro mexar sentado en vez de facelo de pé é moito menos banal e máis transcendente que o anterior. Esa confusión, que lle interesa moito ao poder, é a que fai que a sociedade non reaccione fronte a privatización descarada e privilexiada do planeta a mans de oligarquías.

"Sen dúbida, o ruído (o xeito máis contemporáneo, eficaz e invisible de censura) contribuíu decisivamente á confusión entre o banal e o relevante"

O poeta di que a el só lle sae merda. Que só conta mentiras. Que sente deixar este mundo sen escribir un poema profundo. Ata morre. Pasas o teu propio test de malditismo?

Probablemente, como poeta, tamén asumo a miña propia dose de malditismo, igual que asumo, igualmente, moitas e diferentes poses que me permiten un discurso multifocalizado e contraditorio e, se cadra, por iso, ás veces desconcertante. Eu tamén me miro nun espello que reflicte a miña propia imaxe, como Brancaneves.

O libro divídese en varias partes, Poetic@, Teoría do banal, Ciberpoesía (que interactúa con facebook, twitter..., que utiliza os erros de internet como metáfora da desaparición do poema...), epitafio e postdata. Queres explicar a grandes trazos que contén cada parte?

Esas son as tres partes principais, á marxe do epitafio e a posdata. Poétic@ é o corpo, o esqueleto, a columna vertebral, o lugar onde máis se ironiza sobre a poesía e os/as poetas. Teoría do banal afonda, a través da poesía, nesa confusión da que falabamos antes e Ciberpoesía constitúe un intento de escribir poesía pero facendo que internet e as redes sociais sexan as protagonistas, que se convertan case no propio tema ou desculpa do poema.

"A miña intención era cuestionalo todo, poñer as cousas patas arriba, como diría Galeano"

Hai outros temas de fondo: poesía e xénero, poesía e nación (o poeta nacional), poesía e revolución social... Que quixeches salientar, en concreto, sobre estas cuestións?

A miña intención era cuestionalo todo, poñer as cousas patas arriba, como diría Galeano. Efectivamente, busquei cuestións moi emblemáticas para facer que os versos tremesen nos ollos das persoas que os lesen, como cando treme a terra, para facernos sentir inseguridade, para deixar claro que as aparencias enganan. E fíxeno, evidentemente, desde o humor, desde o sarcasmo, que durante tanto tempo desterramos da nosa literatura porque unha certa posición defensiva nos obrigaba –nos obriga– a permanecer á espreita. En calquera caso, se alguén me vai matar, que vexa o meu sorriso irónico, por favor.

Creo que, malia todas as ironías, o libro non deixa de ser unha reivindicación da poesía. Malia que haxa que aceptar que a súa función foi cambiando. E que se cadra nunca tivo a que se lle quixo dar. Cal sería a idea fundamental do libro? Como se relaciona coa forma na que está escrito, en canto a estilo? (Estilo directo, poemas curtos, frescura na expresión...)

Tes toda a razón; no fondo, igual que Poetízate, igual que O meu gato é un poeta, Poétic@ é unha reivindicación da poesía, unha reivindicación profunda e compartida. E esa reivindicación tamén é posible grazas ás achegas dos outros e outras poetas que incluín nas citas, nas ligazóns, nos vídeos... Ademais, a consideración social e a función da poesía muda cos tempos. Estamos nun tempo de grandes cambios e a poesía tamén é –grazas á oralidade, grazas á brevidade, grazas á condensación, grazas á memorización e agora grazas a internet– profundamente versátil e ese feito proporciónalle unha enorme capacidade de adaptación.

"Poétic@ é unha reivindicación da poesía, unha reivindicación profunda e compartida"

Eu creo que en Poétic@, máis que unha idea fundamental, hai moitas ideas fundamentais. Ese é o espírito do libro e iso tamén fai que a relación coa forma sexa áxil, cambiante. Nese sentido, o estilo directo, a brevidade e a frescura (nada que ver, por exemplo, con Subversións) son elementos básicos para que o texto manteña unha excelente relación coa forma que, por outra parte, ao ser tan novidosa, hoxe por hoxe, podería relegar a un segundo plano o propio texto.

Fran Alonso Dominio Público Praza Pública
Capa de 'Poetic@' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.