Este xoves comeza en Carballo a segunda edición do Festival de contidos dixitais Interplay, que ademais de servir de escaparate e competición para webseries de todo o mundo, buscará afondar nas importantes mutacións que está experimentando o sector do audiovisual, nas fiestras que se están a abrir nun escenario transmedia. Será tamén un fenomenal punto de encontro para os profesionais máis inquedos do país, seguramente o punto de partida de moitas sinerxías e proxectos de colaboración.
Cando en abril do ano pasado a vila acolleu a estrea deste certame, o mesmo nome de webserie soaba exótico para a maioría; de feito o Interplay foi un dos primeiros festivais que en todo o Estado se centrou neste popular formato. O Interplay nunca quixo ser e nunca foi -exclusivamente- un festival de series web; dende o comezo a idea do seu equipo organizador, liderado por Sonia Méndez, era ampliar a ollada, emprestando atención "a todo o que está pasando no audiovisual". É por iso que nesta segunda edición, en paralelo coa competición de webseries, o festival ofrece unha moi interesante programación de conferencias e coloquios, realizados algúns deles en colaboración coas asociacións profesionais, coma a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA) ou masterclass, coma o ofrecida por Belén Santa-Olalla ("Webseries e Conducttr - Claves e trucos para conectar coa audiencia") ou Joan Carles Martorell ("Youtubers, profesionalización e producción de contidos no tubo tolo").
En canto á sección competitiva, o Interplay presenta cinco webseries en lingua galega: Nemeth, PIB, Interfecto, FAME e Os Galosodios. Outros 20 títulos procedentes de Galicia e do resto de España: A tempo Barcelona, Mírame cuando te hablo, Sin vida propia, Clases de lo social, Rezagado y Feldespato, Polémicos, Imberbe, Fantasmagórica, Barra libre, De Pontis, Gifted Corporation, El método sueco, Aula de castigo, Muñecas, Fracasados por el mundo, Pinkoo, Vincent Finch, La caída de Apolo, Comaland e Nico&Sunset. E 18 series máis chegadas doutros países: Cualca! (Arxentina), Darren Has a Breakdown (Reino Unido), Milano Underground (Italia), Cúmulo y Nimbo (Arxentina), Je Vous Ai Compris (Francia), Oposto do Sexo (Brasil), For the Last Round (México), Estilo Esther (Arxentina), A Lusitanicus (Portugal), Cortos de Gigantes (Arxentina), Authentik (Francia), Eléctrica (Arxentina), Nerd of the Dead (Brasil), Déjà Vu (Colombia), Future Duck (Reino Unido), Judas Goat (Reino Unido), AJ Zombies (Perú) e Tiempo libre (Arxentina).
Así mesmo, a música ocupará un papel importante nun festival que tamén quere ser unha festa; haberá igualmente sesións especiais, dedicadas á presentación dos traballos realizados polos participantes nos obradoiros FORMACIP, á estrea de Searching for Meritxell, unha comedia de Burnin’ Percebes, gañadores do premio á mellor webserie de animación no I Carballo Interplay con Ventura Time, ou á presentación da iniciativa de recuperación da memoria audiovisual de Carballo, Proxecto Neme. Falamos con Sonia Méndez, directora do festival.
"Un dos grandes valores das webseries é a liberdade, que lles dá aos creadores a posibilidade de amosar o seu traballo directamente á audiencia, sen ter que pasar por determinados filtros"
Que factores explican o éxito do formato das webseries?
É un formato que che dá a oportunidade de conectar directamente coa audiencia e de ir probando cousas distintas en cada momento. Internet permite iso. Un dos grandes valores das webseries é a liberdade, que lles dá aos creadores a posibilidade de amosar o seu traballo directamente á audiencia, sen ter que pasar por determinados filtros. Con certos proxectos ou con determinadas narrativas é moi difícil entrar na televisión convencional. Internet permíteche difundir o teu traballo e que sexa visto por persoas de todo o planeta, con máis ou con menos éxito, pero cando menos non o tes gardado nun caixón.
"Hai unha serie de formatos transmedia, que mesturan audiovisual, música e outras cousas, que non teñen espazo na televisión hoxe en día"
Escóllese este formato polo valor que ten en si mesmo ou por necesidade, digamos, polas barreiras ou o custe económico da difusión por outras vías?
Depende dos casos, pero para min as webseries son un produto completamente digno en si mesmo. De feito, na primeira edición do Carballo Interplay, o ano pasado, un dos nosos obxectivos era dignificar as webseries como formato, demostrar que eran produtos de primeiro nivel, cunha gran creatividade e calidade. Hai xente que entra nas webseries pensando en facer algún día produtos para cinema ou televisión. Pero non ten por que ser así en todos os casos: outros, seguramente, fan series web porque si, porque é unha fórmula que lles permite facer cousas moito máis tolas. Do mesmo xeito que hai xente que fai curtametraxes porque si, porque lles gusta o formato, non porque non teñan medios para facer unha longametraxe.
Non nos enganemos, nós nunca poderíamos ter feito Angélica y Roberta na televisión. De feito intentámolo moito, pero ninguén se interesou. Ese tipo de diálogo e contidos non entran na televisión. Hai unha serie de formatos transmedia, que mesturan audiovisual, música e outras cousas, que non teñen espazo na televisión hoxe en día.
No festival, ademais da sección competitiva, dedicades moito espazo a reflexionar sobre os cambios que está a vivir o mundo do audiovisual. Sería bo que o sector emprestase máis atención a isto, a saber o que está pasando e as posibilidades que se están a abrir?
Si, o festival ten a parte competitiva de webseries, pero despois ten outros apartados, algúns lúdicos e outros que buscan promover a reflexión sobre o sector e sobre os seus profesionais. Está cambiando a maneira en que a xente consume ficción. A xente está vendo contidos e narrativas diferentes en novas plataformas, na tablet, no ordenador, e outros conectan o seu ordenador á televisión ou teñen unha smart tv. Temos que facer unha análise do que está pasando, de como está cambiando a forma de consumir audiovisual: os rapaces de 14 a 18 anos xa non ven televisión, ven youtubes. Habitualmente cando algo está pasando non temos a distancia suficiente para velo con claridade ou para facer análises moi profundas, pero temos que ser conscientes de que algo importante esta sucedendo.
"Temos que facer unha análise do que está pasando, de como está cambiando a forma de consumir audiovisual: os rapaces de 14 a 18 anos xa non ven televisión, ven youtubes"
O venres temos unha masterclass sobre webseries e audiencia, na que se analizarán nas claves e trucos para conectar cos espectadores. Tamén se falará sobre contidos transmedia. E despois teremos unha unha charla sobre youtubes e profesionalización, na que Joan Carles Martorell afondará na monetarización dos contidos, nas posibilidades que temos que tirar partido desa canle.
Ese é un dos temas clave neste momento, non si? Como converter esa audiencia en ingresos...
Moitas veces non sabemos como facelo, non aproveitamos todas as posibilidades que nos ofrece, aínda que en ocasións se non obtemos máis beneficio é porque o sistema non funciona de maneira xusta. Non se pode valorar da mesma maneira un vídeo gracioso dun gato que o traballo que achega unha xente que nutre a canle de contidos profesionais. Hai fórmulas que che axudan a posicionarte mellor en youtube, pero moitas veces non é suficiente. Se cadra os profesionais deberíamos nalgún momento xuntarnos para ter unha posición de forza e deixar claro que non se pode valorar co mesmo criterio un vídeo gracioso dun minuto que alguén sube, que un contido profesional. Despois está a realidade do pirateo, e é moi difícil dicirlle a un rapaz que pague por ver a túa webserie, aínda que sexan vinte céntimos, cando pode descargar de balde e en cinco minutos unha tempada completa de Xogo de Tronos. É un camiño longo, pero aí estamos.
"Na televisión, a cadea planifica cal é o seu target e a partir de aí realiza unha serie adaptada a ese público. Coas webseries é ao revés: ti fas un produto determinado e despois é o público o que che busca"
Que se podería facer, dende o sector, dende a administración, dende os profesionais para difundir mellor estas producións, para chegar a máis público?
Hai moitas diferenzas entre unha serie que se emite en Internet e unha serie que se emite en televisión, comezando polo feito de que na televisión, a cadea planifica cal é ou vai ser o seu target, e a partir de aí escolle ou realiza unha serie adaptada a ese público. Coas webseries é ao revés: ti fas un produto determinado e despois é o público o que che busca. Como podemos facilitar este proceso? As redes sociais son moi importantes, o mesmo que as campañas de promoción que fagas. Nas webseries o teu traballo non remata cando tes o produto rematado, tes que dedicarlle moitas horas á promoción.
"Durante tres días as redes sociais ferveron con Carballo, dende aquí chegamos a todo o mundo e iso foi moi importante para a vila. O Concello foi moi valente, apoiando un festival diferente, e creo que foi recompensado cun grande éxito"
Que valoración facedes, agora xa con perspectiva, da primeira edición do Carballo Interplay?
O ano pasado tiñamos varios obxectivos. O primeiro era converter en real o que era virtual, coñecer en persoa a moita xente coa que tiñamos relación, e xerar sinerxías. E iso conseguiuse, creouse un caldo de cultivo para fomentar a creatividade e, de feito, moitas das persoas que pasaron por Carballo o pasado ano comezaron a colaborar en proxectos conxuntos. Houbo un éxito de público, tanto in situ coma polas redes. Durante tres días as redes sociais ferveron con Carballo, dende aquí chegamos a todo o mundo e iso foi moi importante para a vila. O Concello de Carballo foi moi valente, apoiando un festival diferente, e creo que foi recompensado cun grande éxito. Quedamos moi contentas, en definitiva.
Que expectativas tedes para este ano?
Para este ano hai moitas novidades, comezando porque cambiamos o epígrafe do festival, que se converte nun 'festival de contidos dixitais', que no fondo era o noso obxectivo dende o comezo. Queremos ser un festival de webseries, pero aberto a outros contidos relacionados co mundo dixital, novas narracións, transmedia, mesmo recuperación de memoria histórica audiovisual -o Proxecto Neme, derivado do Proxecto Socheo-, en definitiva estar atentas a todas as cousas que están pasando no audiovisual e que non deixan de pasar.
"Todos os traballadores e traballadoras do sector debería vir a Carballo esta fin de semana para saber o que está pasando"
E a todas as posibilidades que coa rede e os novos soportes e formatos se abren no horizonte para o audiovisual...
Si, hai un horizonte e mesmo unha saída profesional. E é moi necesaria, porque vivir do audiovisual é moi complicado. Creo que todos os traballadores e traballadoras do sector debería vir a Carballo esta fin de semana para saber o que está pasando. Pódeche gustar máis ou menos unha webserie, pero en conxunto vas ver unha parte do audiovisual que está moi viva, unha parte do audiovisual adolescente, podemos dicir, con máis ou menos calidade pero que está fervendo en todos os casos, que é fresca, que é arriscada. E, por suposto, escoitar as charlas, que van dar claves moi importantes sobre o sector. Xa o pasado ano se achegou moita xente e este ano seguro que o fará moito máis. É outro dos nosos obxectivos, e de feito quixemos implicar e que participasen as asociacións profesionais do sector en Galicia. Todos estamos conectados.