Nos libros, poemas, debuxos e conferencias de Vicente Risco, a temática oriental é unha das materias de maior relevancia. Caracterízase pola súa riqueza, a comprensión dos arcanos das culturas antigas e as ensinanzas que se extraen de figuras e obras contemporáneas.
No gusto estendido por Europa polo ocultismo e o exótico cara o fin do século XIX e o comezo do XX, en Risco esperta unha auténtica fascinación polo espectral, a teosofía, o oriental e a transcendencia dos mitos. “De costas ó Mediterrán -escribe Otero Pedrayo- consideraba dende neno con relixioso respeto a sombra dos milenios de Exipto e as culturas dos desertos a oasis da Asia anterior, civilizaciós máxicas e míticas. Sospeitaba, ainda de lonxe, o engado da Africa”. De adulto Oriente ten para el o senso dun espazo vital libre. A diferencia dos seus coetáneos a súa apreciación non ter que ver cos tópicos ou a perspectiva colonialista. As culturas orientais son unha valiosa e inmensa fonte de coñecementos e o mesmo tempo, un alimento para mellorar a realidade. Oriente é para el o marco onde aprender e avanzar.
A presencia mais ceda do seu orientalismo atópase nun poema que publica en El Miño o 19 de novembro de 1909, cando aínda non traballaba neste xornal. Titulado “Sueño lejano” Risco reside cunha corte de sabios e poetas nun belo palacio en Oriente, dende o cal goza observando as cores do ceo. Apunta Otero Pedrayo que a raíz de traballar en El Miño, “é o Vicente Risco dos artigos de gabanza da arte e filosofía dos hindús, que firmaba Rujú Sahib no Miño de Ourense”.
Os estudos de Risco sobre as culturas orientais (“revivindo os mitos, superando o nivel estético, envolvendo no gusto da interpretación o degoiro renovado das orixes” analiza Otero Pedrayo), alcanza a aprendizaxe do sánscrito, o alfabeto devanagari, os xeróglifos, a arte africana oriental, a filosofía dos Lokayata, Thougs e Saktistas, a literatura árabe, hindú e xaponesa -Os corenta e sete Ronins de Tamenaga Shunsuy encantoulle- ou as relixións da India, cun forte interese no budismo e o ioga. Esto reflíctese no propio periódico de El Miño, no que Risco aporta obras traducidas de Kālidāsa e Hafez-e Shirazí. Tamén en varias fotografías conservadas de varios anos, nas que Risco aparece meditando en distintas posturas do ioga nos campos e as beiras dos ríos.
O seu fondo coñecemento da literatura e a arte orientais tamén serven de base para as súas conferencias no Ateneo en Madrid cando estuda na Escola de Maxisterio entre 1913 e 1916; a primeira delas está dedicada a Rabindranath Tagore. Risco presenta a súa conferencia Rabindranath Tagore (premio Nobel de Literatura) o 7 de marzo de 1914 no Ateneo. Nela fala de como a sociedade hindú inflúe na literatura de Tagore, para despois indicar a súa laboura como poeta cos libros Naivédya (1901), Kheyá (1906), Gitanjali (1910), Realización da vida (1913) así coma en diferentes coleccións de poemas. Tamén traduce os poemas de Tagore co fin de explicar este análise. La Correspondencia de España escribe desta charla: “el Sr. Risco, al final de su bella y erudita conferencia, escuchó calurosos aplausos, siendo muy felicitado. Su estudio acerca del gran poeta indio merece los honores de más de un detenido comentario, por su importancia y por ser el primero que se publica en España”.
A esta conferencia centrada en Tagore síguelle La influencia del pensamiento oriental en Occidente, que Risco presenta o 23 de Maio dese mesmo ano. Esta adicación e intensa identificación esperta curiosidade, admiración e fobia a parte iguais. “Risco transfigurado en doutor budista corréu en conversas e caricaturas polas tertulias galegas, e nalgúns grupos do Ateneo de Madrid” (grazas a Otero Pedrayo coñécese este feito, coma tamén a reacción de Risco, que tomouno a ben). E de volta en Ourense en setembro de 1916, dirixe o ano seguinte a revista La Centuria. Ademais de ser director, Risco encárgase de deseñar varias das ilustracións para as primeiras planas e os horóscopos.
Dos sete números que saen dende 1917, realiza as dos números 1 e 3 (o 2, 6 e 7 levan a mesma portada que o 1). Para o primeiro número Risco debuxa dúas esculturas exipcias sentadas de perfil, flanqueando un pedestal onde un bufo negro olla fixamente o lector. Para o terceiro número en troques colocou nunha paisaxe a escultura helenística da Venus Calipixia (II a.C), a punto de ser derribada polo golpe da gadaña dun esqueleto, debuxado a maneira de Hans Holbein, cun morcego enriba da escultura. Todas as súas ilustracións van firmadas cas iniciais VR.
Son distintas as portadas para o número 4 e 5. Para o cuarto número o pintor Jesús Soria encargouse da ilustración. Representa unha rapaza vestida cunha longa túnica e o cabelo solto, respirando con ollos pechados nun campío mentres caen sobre ela as flores dunha árbore en primavera. A portada do quinto número, realizada por Ramón Paris, mostra a unha muller espida cun turbante, de perfil, fumando sentada nun coxín. Está fronte unha pantalla pola cal se move unha araña, rodeada dun xarrón con flores e unhas colgaduras estampadas. É unha imaxe orientalista que Risco inclúe en La Centuria cunha nova significación: a linguaxe visual e a actitude emancipada desta muller son modernas, sen apenas relación co modelo impersoal da lánguida odalisca pintada ao estilo de Jean-Auguste-Dominique Ingres durante o século XIX.
En La Centuria e máis concretamente, no Preludio a toda estética futura de Risco, a literatura árabe e hindú ocupan un lugar importante. Na revista pode lerse comentarios sobre literatura oriental (Divagaciones al margen de un cuento de “Las mil y una noche” de Florentino López Cuevillas), mentres no Preludio aparecen ideas de Omar ibn al-Jayyam, Siddhārtha (un dos nomes de Buda -Siddhārtha Gautama/Buda Gautama-) e os principios do Dharma búddhico. Nel Risco tamén destaca o papel revolucionario da arte oriental, sobre todo a china e a xaponesa, na europea. O final La Centuria pecha en xullo de 1918, rematando con ela os distintos capítulos do Preludio.
Outra manifestación do seu orientalismo é o vestir de mantos de tecidos orientais, o que estendeuse durante uns anos. Neste aspecto Risco continúa a liña establecida polos románticos no século XIX. Un dos exemplos mais representativos delo é o poeta Lord Byron. No seu retrato pintado en 1814 aparece vestido co traxe albanés, un símbolo do seu filohelenismo que logo se traduciría no seu compromiso ca Revolución Grega en 1821. (O mesmo espírito impregna os lenzos de Eugène Delacroix A matanza de Quíos (1824) e Grecia nas ruínas de Missolonghi (1826). No que se refire a Risco, o emprego destes longos mantos é unha expresión de respecto así coma de independencia, pois ninguén concibía vestir dunha forma tan diferente.
O orientalismo aparece en moitos dos relatos de Risco. O 10 de Abril de 1919 publica Do caso que ll´aconteceu ô Dr. Alveiros en ¡Terra a Nosa!, suplemento do periódico El Noroeste; trátase dun conto que suma elementos do fantástico, a aventura, o esoterismo, o terror e o humor. Ambientado no mesmo 1919 ten referencias en especial a cultura e relixión exipcia, a astroloxía, a arte renacentista inglesa (Holbein) e a música francesa do XIX (Camille Saint-Saëns). Resulta interesante que Risco reinterpreta nel o mito tardo-medieval da Danza Macabra, a representación na que os esqueletos bailan con todos os vivos. Os esqueletes de Risco non son figuras espantosas e sarcásticas coma na Danza, senón seres divertidos, cordiais e moi estéticos. Alveiros móvese entre o mundo dos vivos e o mundo dos mortos, contrastando un entorno cotián fronte a un ambiente colorido e vivaz. Risco retomaría o doutor Alveiros en O porco de pé (1928) e tamén para unha novela, Aventuras do doutor Alveiros no Brasil.
Risco escribe outros seis relatos orientais, publicados en Galicia entre xuño e xullo de 1924. Nas “Prosas de Risco” da sección Domingos literarios de Galicia, aparecen A gemma, O Jardin, O espello, A Joroba, O vigía e O ídolo. Excepto A Bruxa, que é un conto ambientado na Provenza do século XVI, todos eles localízanse sen data en Oriente. O Jardin, por exemplo, conta a historia do Daimo de Saikuma en Xapón. O seu xardín era “encantador. Cos seus arbres enanos, seus ríos e montañas d´artificio, suas pontes de xoguete, parecía sacado d´un kakemono de Hiro Dobohi. Había bouzas de lilios brancos, e por antr´os lilios passeaban as garzas reás. Antr´as campaíñas azúes das enredadeiras, matinaba a image de bronze do santo Budha”.
No relato, xa nevara ou fixera sol, o Daimo de Saikuma saía a pasear polo xardín, dándolle de comer as garzas na man e os días de choiva, sentado no verandah, escribía poemas mentres as ramas dos ciroleiros en flor flotaban o seu arredor e as garzas acompañábano pousándose na barandela. Mais nunha vez na que uns rapaces entraron no seu xardín e esnaquizárono todo, o Daimo tratou de amañalo de novo, mais os lirios non reviviron e as garzas non regresaron. Entristecido por elo a Daimo queimou entón o seu pazo e ante a imaxe de Buda, morreu.
O respecto dos relatos, O Vigia está ambientado na cidade de Darah mentres que O Espello, coa tráxica historia da princesa Devi, sitúase na India. A Gemma, A Joroba e O Ídolo non teñen referencias a cidades ou países, se ben os nomes dos seus personaxes e as propias tramas, responden a dunha historia oriental.
En 1953 cando se proxecta A porta do inferno de Teinosuke Kinusaga, Risco asiste o visionado do filme. Publicara arredor de 1950 El Oriente contado con sencillez e neses anos, séntese identificado con Mahatma Ghandi (xa dende 1930 se sentía afín a el). Ao longo do tempo observacións das artes decorativas, pintura e escultura de África, India, China, Mongolia, Illa de Xava e Xapón no seu libro de viaxes Mitteleuropa (1934), artigos coma en Nós sobre o escritor Hrand Nazariantz en 1921, follas de prensa e apuntes propios, constitúen en conxunto un estudo intelixente e detallado sobre os distintos aspectos das culturas orientais.