Leo Bassi realizará un 'exorcismo' en Compostela para 'liberar' a cidade do PP

A igrexa 'patólica' de Leo Bassi Dominio Público Praza Pública

Leo Bassi ten unha longa e intensa relación con Galicia. Cóntanse por ducias as veces que estivo por aquí, actuacións moi críticas coa Igrexa Católica e tamén co Partido Popular e que non sentaron ben nestes sectores. Tanto, que en marzo de 2012 o Goberno local compostelán, presidido aínda por Gerardo Conde Roa, decidiu suspender unha actuación de Bassi (que finalmente tivo que celebrarse noutra localización). Conde Roa uníase á presión exercida por sectores ultraconservadores contra o cómico italiano, destacando que "prodúceme especial repugnancia e non teño o mínimo interese en que a cultura de Santiago se identifique con este humor". Conde Roa dimitiu unhas semanas despois deste enfrontamento.

En Santiago a actuación será precedida por un “exorcismo” en forma de procesión polas rúas para "liberar" a cidade do Partido Popular

Bassi regresa a Galicia e a Compostela esta semana. Estará o xoves en Ourense, o venres nas Pontes e o sábado en Santiago coa súa Misa Patólica, un espectáculo de crítica social que comezou facendo en Lavapiés en 2012 e que dende hai unhas semanas comeza a representar por toda España. Ademais, en Santiago a actuación será precedida a partir das 13 horas por un “exorcismo” en forma de procesión polas rúas para "liberar" a cidade do Partido Popular. “Servirá para expulsar ao PP de Santiago en nome do humanismo”, destaca. Bassi anima a toda a cidadanía a acompañalo polas rúas neste acto que comezará na praza da Universidade, fronte á Facultade de Historia e, se é posible, a que leven parrulos de goma. “O Patolicismo exorcizará así a situación de Santiago grazas á forza do pato de goma”, di, en referencia ao parrulo que se converteu no símbolo do seu espectáculo, pois na súa igrexa laica fai as veces de santo, virxe ou cristo ao que render culto.

A Gran Misa Patólica, que en Compostela se celebrará en dobre función no Paraninfo da USC, naceu en 2012 nun local do barrio madrileño de Lavapiés, denominado O Paticano de Lavapiés. "Comecei facendo misas para amigos, como unha especie de festa privada, e a cousa foi crecendo e estamos a piques de chegar á número cen", explica. A crítica á Igrexa Católica foi unha constante nos seus espectáculos dende sempre. "Estamos na época da ciencia e da técnica, de internet e do coñecemento e a igrexa católica segue baseado no pecado orixinal, non lles funciona o guión. As miñas misas cando menos son racionais", di. "Nestas misas laicas tento falar de asuntos de actualidade, cousas que sucederon ao longo da semana, pero tamén tamén de temas de fondo, cousas importantes sobre as que reflexionar. Recentemente pedíronme dende Sevilla se podía realizar unha destas misas laicas alí, trasladar por un día a Misa Patólica. Fixémolo nun teatro e foi todo un éxito", explica

"Faime especial ilusión o evento de Santiago, porque é un lugar no que nos últimos anos me pasaron moitas cousas, teño moitos amigos pero tamén moitos inimigos, sobre todo os alcaldes do PP"

"Teño moitos amigos en Galicia e unha moi boa relación, así que tamén quixemos levar esta misa a Galicia, a Ourense, As Pontes e Santiago. Faime especial ilusión o evento de Santiago, porque é un lugar no que nos últimos anos me pasaron moitas cousas, teño moitos amigos pero tamén moitos inimigos, sobre todo os alcaldes do PP. Iso foi tamén o que me decidiu a facer un exorcismo, para tentar acabar co mal rollo que creou o PP en Santiago, en Galicia e en toda España", di. Bassi, que destaca a súa amizade "con Ada Colau ou Pablo Iglesias", destaca que "o nivel de indignación creceu, as cousas cambiaron, teño esperanza en que se poida botar fóra ao Partido Popular. Son máis optimista que outras veces".

 

Límites ao humor?

Pódenselle poñer límites ao humor e á liberdade de expresión? "Esa pregunta sempre se formula ao revés" -destaca- "A pregunta debería ser: 'Hai límites para que unha persoa se ría dun chiste?'

Pódenselle poñer límites ao humor e á liberdade de expresión? "Esa pregunta sempre se formula ao revés" -destaca- "A pregunta debería ser: 'hai límites para que unha persoa se ría dun chiste?'. Se eu digo algo e ninguén se ri, non é humor, sería unha simple opinión ou outra cousa. Pero a partir do momento en que alguén se escaralla, xa non se trata só do que eu digo, ou da miña liberdade de expresarme". "Os islamitas mataron sete humoristas de Charlie Hebdo, pero a revista tiña 120 mil lectores. Seguindo a súa lóxica, deberían ter ido casa por casa matándoos a todos, porque todos eran tan culpables coma os debuxantes e xornalistas. Ou coma aquí en España os meus amigos de Mongolia", engade.

Para Bassi, que en dúas ocasións sufriu atentados e recibiu ameazas por parte de grupos ultracatólicos, "a liberdade de expresión é a liberdade de dicir cousas que non gustan aos outros. Se a liberdade de expresión fose só dicir cousas que non molestan a ninguén, non sería liberdade de expresión. Isto chámase democracia". "A min non me gusta que a Igrexa lles coma o coco aos nenos, pero eu non vou ás súas igrexas a pedir que suspendan a misa ou a poñer un cadeado na porta. E pido a mesma liberdade para os meus espectáculos", di.

"A liberdade de expresión é a liberdade de dicir cousas que non gustan aos outros"

"Que apliquen á relixión e á comicidade a mesma idea de mercado libre que aplican para todo" -propón- "Se un espectáculo non gusta, non continuará porque non terá espectadores. E que fagan o mesmo coas relixións, que o Estado non lles dea un duro e que se sosteñan cobrando entrada nas misas, coma no teatro". "Para min o teatro é tan ou máis sagrado que unha misa", conclúe.

 

Programación de Leo Bassi en Galicia

  • Xoves 23. Ourense. Dentro da programación da MITEU.
  • Venres 24. As Pontes. 21 horas. Cinema Alovi. 10 euros
  • Sábado 25. Compostela. 18 horas e 21 horas. Paraninfo da USC. 10 euros

 

 

Cartel do seu espectáculo en Compostela Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.