“Ciudadanos é a estafa fabricada polo sistema para impedir o cambio, pero dándolle a falsa aparencia de cambio”

Alberto San Juan CC-BY-SA Praza Pública

“A sociedade na que vivo é inxusta até a crueldade. E quero que cambie. Mais non sei se estou disposto a arriscarme a perder no intento todo o que teño. Quero conservar a miña fama, a miña cotización comercial, as miñas propiedades. Falo en serio. Son un mozo capitalista español”. Con estas palabras, arrinca Alberto San Juan a obra Autorretrato de un joven capitalista español, o monólogo que presenta este venres ás 22 horas no Auditorio da Ramallosa (Teo), dentro da programación de residencia de Chévere. San Juan -director teatral e actor ben coñecido polo seu traballo teatral na célebre compañía Animalario e no cine con películas como Airbag, El Otro lado de la cama, Días de fútbol ou Bajo las estrellas- presenta agora unha obra comprometida, que busca a reflexión e no que traza un percorrido pola historia de España dende o nacemento do propio actor até os nosos días. O intérprete pégalle así un repaso á Transición, ás súas arraigadas raíces no franquismo, á monarquía juancarlista, ao ascenso do PSOE ao  poder, á progresiva privatización dos servizos públicos e todo para entender como  chegamos  á crise actual. O actor non fala desde a ira nin a carraxe, senón desde a ironía, ríndose publicamente de si mesmo, do mundo privilexiado do famoseo que rodea o cine e ao que el mesmo pertenceu ata que a crise o "espertou".

Que é Autorretraro de un joven capitalista español?

O máis cuestionable para min é o de ser novo, porque teño 46 anos. Agora ben, para miña nai son super novo. Iso é relativo. E o de capitalista… Pois é un feito que nacín e medrei nunha sociedade capitalista, recibín educación nunha sociedade capitalista e inevitablemente asumín moitos usos e moitos costumes da sociedade capitalista. Por exemplo, esa suposta dicotomía entre éxito e fracaso, ese esforzo por acadar un status, por gañar diñeiro, esa obsesión pola produtividade e a competitividade…

E non só iso, teño unha conta nun banco que executa desafiuzamentos, formo parte dun seguro familiar dunha aseguradora privada que busca gañar cartos na sanidade ou teño a luz contratada nunha empresa que lles rouba de forma sistemática aos seus clientes. Entón, se un pensa que o capitalismo non contribúe a felicidade humana e non serve para convivir en paz e igualdade, un o primeiro que debe facer é saber en que medida ten asumido o capitalismo e a que nivel está colaborando. De aí ben a historia. Resúmese niso o conto.

"Coido que hai que escapar do IBEX 35 na medida do posible e cortar a relación con todas esas empresas con demasiada mafia e delincuencia"

Non é fácil esquivar o sistema.

Si, si que se pode. Por exemplo Triodos, que sendo un banco con afán de lucro, non especula, non busca lucrarse especulando coa alimentación, coa vivenda, cos dereitos das persoas, non como fan os principais bancos deste país. Ou por exemplo, para a enerxía hai moitas cooperativas, como a catalá Som Energia, podes fuxir do oligopolio enerxético. Nas telecomunicación, sairá algunha posibilidade de contratar o teléfono, que se converteu nun ben imprescindible, fóra das grandes empresas. Coido que hai que escapar do IBEX 35 na medida do posible, debemos cortar a relación con todas esas empresas onde hai demasiada mafia e delincuencia. E iso é posible, é un xeito de cambiar as cousas. Cando en Som Energía en vez de haber 10.000 clientes, haxa un millón… Pois terán que pensar algo en Iberdrola…

Nunha entrevista en Masteatro, comentaba que na súa vida estivera moi presente o medo e a ignorancia…

Si, coido que son dous mecanismos moi humanos a través dos cales podemos someternos. Na medida en que acabemos coa ignorancia e abramos os ollos, nin sequera o medo poderá frearnos. Só a través de atemorizarnos, de silenciar o que ocorre, pode o actual sistema  manter a submisión xeneralizada da xente, que por certo se está rompendo.

Moitas veces se escoita que a crise, dentro de todo o malo, polo menos serviu para quitarnos moita ignorancia de enriba e para desmitificar fábulas que nos contaron sobre a Transición ou o juancarlismo, asuntos que toca no seu espectáculo.

Mira, hai catro anos, a partir do 15-M, cae o telón e vese o que había detrás. Antes, sete anos atrás, por exemplo, todas as voces críticas co sistema eran marxinais. Ninguén se atrevía a cuestionar os bancos, as grandes empresas. Tampouco ninguén se imaxinaba a dimensión da corrupción, ninguén imaxinaba que era tan fácil quedar na rúa e sen traballo. Ou mesmo ter traballo e seguir sendo pobre, que é a maior aberración posible. E hoxe xa o sabemos todos.

"Antes do 15-M ninguén se atrevía a cuestionar os bancos ou as grandes empresas e ninguén se imaxinaba a dimensión da corrupción"

Presenta un espectáculo que é un monólogo, pero quere que sexa unha conversa. Convida os espectadores a falar se queren na propia función. Dáse esa interactuación?

Si, claro porque eu falo de temas  que calquera persoa  puido vivir ou que calquera ten estudado máis ca min. Por que non vai poder falar o público do que tamén sabe? Despois, eu entendo que á xente lle poida dar corte, por moito que se abra a veda, dá corte erguerse nunha representación e poñerse a falar.

Como comeza o percorrido que fai Alberto San Juan neste Autorretrato de un joven capitalista?

Falo do franquismo, dun xeito máis breve. E detéñome máis na Transición, de como se produce ese cambio de ciclo, que me parece que determinou o xeito de ser da nosa democracia e nos dirixiu a unha situación de vulnerabilidade e precariedade como a de hoxe. Precariedade material e democrática, quero dicir. Eu creo que na forma que se fixo a Transición, está a orixe de moitos males que hoxe vivimos. E isto non significa invalidar a Transición no seu conxunto. Para nada. Significa ser críticos cun período que até hoxe tiñamos mitificado. A Transición até agora era a etapa dourada, a etapa heroica que construíu a democracia.

"A Transición iniciouse da man de movementos cidadáns, pero logo tomouse o control desde o poder e as elites"

Unha etapa que, chegadas a estas alturas, gran parte da poboación non viviu e que sempre foi transmitida con esa aura de santidade. Mais agora parece que esa forma de transmisión da idea da Transición non calla.

Si, pero eu entendo que a xente que daquela tiña entre 30 e 50 anos ás veces se revolva, porque lles pode parecer inxusto. Moita xente pelexou moito para conseguir avances sociais. De feito, a Transición iniciouse da man de movementos cidadáns, como agora co 15-M. Pero despois dende a cúpula, dende as elites, tomouse o control, atallouse a mobilización cidadán e se estableceron uns límites moi estreitos co desenvolvemento social, democrático e cultural.

Poderíase facer un paralelismo coa actualidade. Comeza un movemento, social, nas rúa, co 15-M primeiro, despois chega  Podemos e a partir de aí as cúpulas…

Ese debate témolo en Podemos. Non hai ninguén en Podemos que non pretenda construír unha sociedade democrática, que se organice dende abaixo coa participación cidadán como elemento central. O que pasa é que Podemos nace nunha conxuntura moi determinada e que marca unha urxencia que son as eleccións. Está claro que se tes o goberno dun concello, dunha comunidade, dun país, tes moita capacidade de acción e, polo tanto, da transformación. É lóxica esa pelexa por gañar as eleccións. E esa pelexa por gañar as eleccións estreita un pouco a construción democrática enunciada polo propio Podemos. Pero creo que esa é a súa natureza e iso vai seguir determinando a súa acción.

"Ciudadanos é a droga perfecta; o cambio sen dor, o cambio sensanto, o cambio que non vai cambiar nada"

Eu referíame as cúpulcas que decidieron, de súpeto, que un día abrías El País e Ciudadanos medrase a niveis moi tolos...

O poder tardou uns poucos anos en reaccionar, pero unha vez que constata que non pode manterse tal e como era, é dicir, como o binomio PSOE e PP, entón pensa nun recambio. Daquela Ciudadanos é, digamos, a droga perfecta. É o cambio sen dor, o cambio sensato, o cambio que non vai cambiar nada. O que vai facer é tranquilizar a necesidade de cambio, vai ser un tranquilizante para que o problema siga actuando sen que un se decate. Ciudadanos é a estafa fabricada polo sistema para impedir un cambio, pero dándolle aparencia de cambio. Unha vez máis o recurso de cambiar a aparencia para que no fondo sexa todo igual. E algo diso houbo, bastante, durante a Transición.

Pódese ver daquela como unha reacción do sistema para neutralizar a Podemos? E vendendo, ademais, o asunto como algo novo cando non o é, que ten máis historia que UPyD

E que ten unhas ideas moi  claras. Unha delas é a unidade de España. Outra é a liberdade de mercado, é dicir, seguir co mesmo sistema económico. Entón para iso… O problema non é está en que os políticos rouban, o problema é que vivimos segundo un sistema económico que en si mesmo é un roubo. 

"O sistema está cambiando dende o 15-M, pero non vai ser inmediato; ás veces correr non garante chegar antes"

Á espera do que pase nas eleccións, segundo as enquisas parece que a xente acepta Ciudadanos e todo o que significa.

A ver, todo o mundo sabe que estamos nunha conxuntura de cambio e vai ser longo. Non vai durar vinte anos, pero dende logo non vai cambiar neste ano. O sistema xa está cambiando, dende o 15-M, pero non vai ser tan inmediato. Está claro que canto máis rápido cambie o sistema, máis sufrimento aforraremos. E hai que ter clara unha cousa: ás veces correr non garante chegar antes.

Vostede impulsou en Madrid o Teatro del Barrio, que tipo de modelo segue este proxecto?

É unha cooperativa da cal non só forma parte os traballadores, senón tamén os espectadores e todo aquel que queira, igual co modelo de Som Energia. Vai facer un ano e medio en Lavapiés e naceu coa vontade de participar na confrontación política que se está dando entre un sistema de poder que nos gobernou até agora e a demanda social de cambialo.

"As cooperativas de consumo constitúen unha fórmula para que os medios estean nas mans do cidadá"

Para a cultura son necesarios modelos novos?

Eu creo que é unha fórmula da que aínda se fala pouco e é unha fórmula que supera esa falsa dicotomía que di que os medios de produción só poden estar en mans do estado ou das grandes empresas. As cooperativas de consumo constitúen unha fórmula para que os medios estean nas mans do cidadán, sendo traballadores e consumidores os propietarios deses medios. Neste caso, medios de produción cultural. 

Para rematar, de que querería que falase a xente despois de ver a obra?

De como cambiamos isto para vivir mellor, para que ninguén pase fame e ninguén viva na rúa. E para que inauguremos unha democracia na cal a xente non decida cada catro anos, senón cada día a través de mecanismos de participación que se poden crear e poden ser funcionais.

Alberto San Juan CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.