Filgueira Valverde: entre o ruído e o silencio

Filgueira Valverde en Pontevedra © http://cataboisbiblio.blogspot.com

Este domingo chegaremos ao epicentro do ano dedicado pola Real Academia Galega ao pontevedrés, unha conmemoración marcada pola polémica que espertou a súa escolla dende o comezo, un ruído motivado pola adhesión do intelectual á ditadura franquista. Pero un Ano Filgueira marcado tamén pola escasa actividade bibliográfica e social xerada ao redor da celebración, un certo silencio.

Unha boa parte das publicacións que viron a luz ao abeiro da homenaxe corresponden á editorial Galaxia, que recolleu a súa produción literaria nos volumes Quintana viva e O vigairo e tamén a súa inxente produción xornalística nos nove Adrais (dous deles publicados xa) que recollerán o máis significativo da obra de divulgación realizada por Valverde en varios xornais, nomeadamente en Faro de Vigo e La Voz de Galicia. Cómpre salientar, así mesmo, o documental Contextualizando a Filgueira Valverde, realizado por Gonzalo E. Veloso e a Biografía intelectual editada por Xesús Alonso Montero a través de Xerais. E, igualmente, algunhas reedicións e obras facsímil, coma a realizada polo Consello da Cultura Galega de Os Nenos, así coma volumes conmemorativos, coma os lanzado pola USC e outras institucións.

De igual xeito, Xosé Ramón Freixeiro Mato vén de publicar A poesía oculta de Filgueira Valverde (Baía Edicións), obra na que esclarece a autoría de tres longos poemas de exaltación franquista que durante anos foran atribuídos a Noriega Varela. Freixeiro Mato destaca que Filgueira "ten méritos e deméritos" que xustifican ou non a súa escolla coma homenaxeado, "que é, dende logo, unha cuestión polémica"; cita as súas obras literarias publicadas en galego antes da guerra e tamén a súa importante produción xornalística e salienta que "realizou unha achega favorable ao desenvolvemento da cultura galega", pero que "ten tamén o inconveniente do seu posicionamento a respecto da ditadura". Porén, indica, "isto non tería por que impedir que se lle dedicase o Día das Letras, porque houbo outros autores homenaxeados que tamén tiveron connivencias coa ditadura".

Con todo, alén da existencia de razóns que xustifiquen a escolla, Freixeiro Mato sinala que "parece que a elección foi desacertada, á vista da polémica que xerou, das reaccións que está habendo e do propio desenvolvemento da celebración ao longo deste ano". "O que tamén teño claro é que habendo outras figuras que aínda non foron homenaxeadas, como Ricardo Carvalho Calero, este non debería ser o momento de Filgueira Valverde", engade. 

Francisco Castro, coordinador de Novos Proxectos da Editorial Galaxia, cre que Filgueira Valverde "ten méritos obxectivos para ser homenaxeado se o comparamos cos méritos doutras persoas que recibiron homenaxe no pasado". "Estivo na fundación do Seminario de Estudos Galegos e foi unha persoa que se achegou como case ninguén ás Cantigas, poñéndoas en valor e dotándoas dun status científico, e ademais nun momento moi complicado", salienta. Castro afirma que "non nos debe producir temor dicir que Filgueira Valverde é galeguista e é tamén franquista" e engade que "neses anos, con máis ou menos intensidade ou morneza, axudou a manter viva a cultura galega". "Creo que son méritos máis que sobrados", conclúe.

 

O ruído e o silencio

"Creo que se montou un debate infantil e inmaturo sobre a decisión da RAG", di Francisco Castro

"Creo que se montou un debate infantil e inmaturo sobre a decisión da RAG" -di Francisco Castro- "Deste ano vai quedar o ruído, o negarse a admitir que unha persoa franquista tiña querencia pola cultura galega e a lingua galega. Imos lembrar o ano das Letras como o ano no que moitas voces se alzaron de forma adolescente contra a designación da Academia, o ano no que distintas persoas e sectores organizan unha especie de boicot".

"O Día das Letras ten que servir para afondar na figura, para afondar nas luces e nas sombras. Temos unha especie de tendencia a converter en deuses ou heroes ás persoas ás que se lle dedican as Letras"

Castro cre que "o Día das Letras ten que servir para afondar na figura, para afondar nas luces e nas sombras" e comenta que "temos unha especie de tendencia a converter en deuses ou heroes ás persoas ás que se lle dedican as Letras. De súpeto e durante un ano non facemos máis que dicir que eran excelentes poetas, ou excelentes narradores ou unhas persoas dunha ética absolutamente conmovedora. E iso é absurdo, porque ninguén é así". "Non creo que non saibamos nada que non soubéramos antes, alén dos tres poemas claramente franquistas que apareceron", conclúe. E entre a produción de Galaxia, destaca como "o máis interesante" os dous tomos do Adral que xa se poden ler "porque son como fotografías da época, son artigos que foi deitando nos medios de comunicación e que conservan esa frescura da inmediatez". 

Freixeiro Mato concorda na análise de que este Ano Filgueira Valverde non serviu para afondar demasiado no seu coñecemento: "Aínda queda moito por saber, por aprofundar, na obra, na personalidade e na traxectoria de Filgueira". "Isto é o que a min máis me sorprende" -di- "que se a Real Academia decide dedicarlle este ano será para divulgar a súa obra, e iso non se está promovendo". Comenta que "unha das principais virtudes desta celebración é xerar, ao redor da homenaxe, un conxunto amplo de publicacións sobre o autor ou autora homenaxeados, unha bibliografía de moito interese. E neste ano atopamos que se publicou moi pouco sobre Filgueira".

Freixeiro Mato: "Unha das principais virtudes desta celebración é xerar un conxunto amplo de publicacións sobre o autor ou autora homenaxeados. E neste ano atopamos que se publicou moi pouco sobre Filgueira"

"A persoa a quen se lle dedica o Día das Letras ten que ser estudada en profundidade. Todas as figuras literarias teñen luces e sombras, uns máis e outros menos, e mesmo o que para uns poden ser luces, para outros poden ser sombras. Creo que fraco favor se lle fai a Filgueira con esta actitude, cando Filgueira si é un autor interesante, un erudito. Pero o que non se pode facer é ocultar a realidade", conclúe.

"Rompeuse ese certo consenso que viña existindo: uns autores podían gustar máis ou menos, pero en xeral asumíase a homenaxe, mesmo botando de menos o recoñecemento a outras figuras"

Freixeiro Mato vai máis alá e apunta que o sucedido este ano "vai ter consecuencias negativas para a celebración". "Xa as está tendo este ano, pois a conmemoración non está tendo a repercusión que tiña en anos anteriores, por exemplo nos centros de ensino", di. "Dá a impresión de que calquera figura que se escolla para as Letras Galegas dos próximos anos vai resultar polémica. Rompeuse ese certo consenso que viña existindo, uns autores podían gustar máis ou menos, pero en xeral asumíase a homenaxe, mesmo botando de menos o recoñecemento a outras figuras", sinala. "Creo que a decisión non lle fixo ningún favor ás Letras Galegas e tampouco a Filgueira Valverde", remata.

 

A poesía oculta

Xosé Ramón Freixeiro Mato presenta este xoves na Feira do Libro de Lugo A poesía oculta de Filgueira Valverde, nun acto que comezará ás 19 horas e no que o autor estará acompañado de Xosé Manuel Sánchez Rei e de Marica Campo. Freixeiro Mato é un gran coñecedor da obra de Noriega Varela, sobre o que elaborou a súa tese de doutoramento. "Había tres longos poemas atribuídos a Noriega, pero pouco a pouco fun chegando á conclusión de que era totalmente imposible que eses poemas fosen del", explica.

"Había tres longos poemas atribuídos a Noriega, pero pouco a pouco fun chegando á conclusión de que era totalmente imposible que eses poemas fosen del", explica

Os tres poemas, tres xuícios do ano aparecidos no popular calendario O Gaiteiro de Lugo entre 1937 e 1939 eran unha longa exaltación do franquismo e das súas accións militares ("Ao gaiteiro neste ano xa non hay queno resista: leva blusa falangista e boina de requeté, o seu fusil, a sua gaita, e pra achantar ao marxista"). Noriega era un poeta comprometido co bando nacional, pero certas cuestións estilísticas facían pouco probables que estes textos lle pertencesen, como xa apuntaba hai uns anos o propio Freixeiro Mato. "En diversas publicacións fun deixando constancia das razóns polas que eses textos non podían ser del, e suxerín algunhas características que debería ter o autor deses textos e indicaba a posibilidade de que o autor fose Filgueira ou alguén que tivese as súas características, tanto no ámbito ideolóxico coma no que respecta ao seu modelo de lingua", comenta. "Faltábame estudar a obra de Filgueira con máis atención e cando me puxen a esa tarefa fun quen de determinar que os poemas correspondían á súa autoría", di

Capa de 'Adral' © Editorial Galaxia
Capa de 'A poesía oculta...' © Baía Edicións
Filgueira Valverde en Pontevedra © http://cataboisbiblio.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.