Parecía que viña un cambio, pero todo segue igual. Mais non por iso hai que deixar de tirar para adiante. De pelexar. De dar a cara. Diso fala Camiñando entre serpes, o novo disco de Zënzar, que os padriños do rock galego presentaron o pasado sábado 9 de maio na Sala Josfer, en Mesón do Bento (Ordes). Unhas horas antes dese concerto falamos con Bocixa.
O disco ten algo de repaso do que fostes e do que sodes, como grupo.
Pode ser, polo que din as letras. Xa abrimos con A xente fala, que se mestura tamén co tema de xénero. Ou Camiñando entre serpes, que é unha letra de Vituco, ou Cousa pouco seria, con letra de Xenderal. O disco é moi variado nas letras, que teñen distintos autores. A verdade é que nun principio quixemos escapar das nosas letras de sempre e tentamos musicar poemas. Pero resultounos moi difícil adaptar as rimas, o verso… Así que quedou para máis adiante a idea. Despois, tamén é certo que miramos atrás porque nos facemos maiores. Sen deixar de dar un paso adiante, de facer cancións…
Tedes varias colaboracións, coma sempre…
Si. Xenderal leva tres ou catro anos acompañándonos a todos os concertos que pode. Temos moi boa sintonía. A Fosi non o coñeciamos tanto. Mandounos a letra de Nada que perder e gustounos moito… Con Vituco si que temos tamén moita relación. El xa contou varias veces que nos viu un día de pequeno: a nós e a Korosi Dansas, e que foi cando decidiu que quería ter un grupo de rock. El canta nos nosos últimos discos e eu cantei en varios discos de Ruxe-Ruxe…
"Xavier Pardeiro, O Reverendo, foi un dos pioneiros do rock galego. Tocaban no almacén da estación de tren de Meirama el e outros rapaces, que foron dos primeiros rockeiros que vin tocar"
Xavier Pardeiro, O Reverendo, foi un dos pioneiros do rock galego. Tocaban no almacén da estación de tren de Meirama el e outros rapaces, que foron dos primeiros rockeiros que vin tocar. A letra del que temos neste disco, A última viaxe, é un achegamento á morte… El está moito con nós no local onde tocamos, critícanos e axúdanos moito.
Coma Silveira logo.
Si. Silveira marchou do grupo un día sen dicirnos por que. Dous anos despois explicounos: el é moi de heavy metal, e se quedaba con nós non iamos poder seguir polo camiño no que estabamos: o que nos levou ao disco Sigue e... Dálle, xa sen el. Foi moi xeneroso. Sabía que se nos dicía a verdade no momento non iamos aceptalo… Silveira foi, ademais, o que montara o grupo, a alma do grupo os primeiros anos.
"Silveira marchou do grupo un día sen dicirnos por que. Dous anos despois explicounos: el é moi de heavy metal, e se quedaba con nós non iamos poder seguir polo camiño no que estabamos: o que nos levou ao disco Sigue e... Dálle, xa sen el"
Así pasastes do heavy ao punk, despois o rock... Neste disco hai algo de ska, de ragga… Polos colaboradores, tamén.
Sempre vai variando porque o que non lle vale a un válelle ao outro. Respectamos os gustos de todos, e como ademais temos moitas colaboracións sempre saen ritmos diferentes. Temos neste disco algo de ska, de punk, de rock clásico, de rock máis combativo, de heavy....
Por que se chama Camiñando entre serpes? Quen son as serpes?
Nunca lle damos moita importancia ao título. Non partimos dunha temática. Máis ben é ao final cando lle damos o sentido aos discos, cando nos decatamos de que falan de tal tema. Zënzar leva moitos anos e Ruxe-Ruxe tamén. É un grupo de enganchou con nós e segue aí. A letra de Camiñando entre serpes é de Vituco. Non vai na portada do disco por como se fixo o deseño. O que se ve na portada é unha foto de Juan Luís Rúa, que é moi bo fotógrafo e amigo.
"As serpes de verdade son persoas. Non só as que teñen o poder. Tamén as que critican, as que se meten na túa vida. Hai persoas moi envexosas, con moitas ganas de controlar os demais"
Regalounos moitas fotos, e entre el e Paco Gallego propuxeron facer unha portada máis escura, en branco e negro, como algunha de Queen, dos Beatles… O das serpes faime pensar, por un lado, nun animal maldito. Un animal odiado, malia que as cobras galegas non son velenosas e ademais comen os ratos… As serpes de verdade son persoas. Non só as que teñen o poder. Tamén as que critican, as que se meten na túa vida…, como en A xente fala. Hai persoas moi envexosas, con moitas ganas de controlar os demais.
No disco anterior, Vaise armar, había como unha sensación de que todo ía estoupar ante os niveis de opresión. Neste fálase de tirar para adiante, xa que non houbo ruptura. Nese sentido, Camiñando entre serpes pode ser máis como Sigue e.. dálle ou como A tribu. Político tamén, pero máis desde o persoal…
O tema Que decepción fala diso que comentas. Parecía que viña un cambio, pero todo segue igual. Por iso, Tira para diante e Camiñando entre serpes... Porque cada un ten que tirar para adiante coa súa vida, coa súa maneira de vivir… Que sabemos que estamos gastando as nosas vidas, que en calquera momento a vida pode acabarse, así que mellor non quedar na tristura…
Este disco ten, de todas maneiras, unha gran diferenza con todos os anteriores, que é que a produción vai a medias con Javier Abreu…, coma sempre pero desta volta gravamos na casa, nos estudios Escola da Rúa de Carballo, o que supuxo certo stress en desprazamentos, viaxes… Non é un directo pero as bases rítmicas, -batería, baixo e guitarras foron tocadas ao tempo....- e pode que iso lle dea un son máis aproximado ao que facemos no directo.
Nada que perder, en concreto, fala de enfrontarse ao poder, sexa como sexa. E Tirar para adiante... Son letras máis combativas, como Xustiza de Vaise armar, 700 caciques de Rastafari popular…
Nada que perder ten que ver coa xente máis combativa, a que non se deixa levar polo medo, que é o que goberna o mundo. O medo a perder o traballo se protestas, a non atopar traballo, a non ter recursos económicos para levar a vida que queremos. E isto tamén se relaciona co consumismo, con ese xeito de vivir amontoando cousas. Hai un sector da sociedade que vive doutra maneira, que tenta ser libre, desde o cooperativismo, a solidariedade…. É importante pelexar, dar a cara… e esa idea sempre estivo moi presente en Zënzar. Temos que tentar ser felices, á marxe de como está o mundo.
"Hai un sector da sociedade que vive doutra maneira, que tenta ser libre, desde o cooperativismo, a solidariedade…. É importante pelexar, dar a cara… e esa idea sempre estivo moi presente en Zënzar"
Falabas antes de que tentarades musicar poemas. Si que o facedes en Cortina, que é adaptación dun poema de Díaz Castro, e en Non, de Celso Emilio Ferreiro.
De Celso Emilio xa musicamos outro poema, en Rockanrol. Non é unha letra que estivera sempre no local. Collémola e encaixou. O de Díaz Castro é pola relación que temos co Festival de Pardiñas, con Alfonso Blanco… É un poema moi potente que fala de todos nós. Dun home e dunha muller con moito sufrimento ás costas. Xente coma nosos pais, que traballaron de sol a sol para sacar adiante os fillos. Ademais, hai unha relación tormentosa entre eles, que non teñen tempo para a parella, senón só para traballar. Tamén fala de como morre unha forma de vida. O videoclip de Cortina, que o fixo Paco Gallego, acaba de ser seleccionado para a competición no Salón Internacional de la Luz, en Bogotá.
O tema Que decepción fala ao final dos Borbóns, mais refírese a todos os que “á nosa costa queren manter/ o seu status, o seu poder”.
Fala dos monicreques políticos que están para satisfacer as necesidades do poder económico, que é o que goberna o mundo e impón as leis. Aquí non pasou nada porque haxa un rei corrupto nin porque sexa corrupta toda a familia. A monarquía é aceptada tranquilamente e os políticos entran ao trapo diso. No fondo, somos ninguén os que estamos protestando: só unha minoría. Aínda que parecese que a xente se estaba levantando. O capitalismo segue a funcionar e o medo tamén. Por iso se aprobou a lei mordaza, para parar a protesta social e para que un xornalista non poida facer o seu traballo sen medo.
"No fondo, somos ninguén os que estamos protestando: só unha minoría. Aínda que parecese que a xente se estaba levantando. O capitalismo segue a funcionar e o medo tamén"
En Adeus amigos hai unha consciencia do tempo… Como dicías antes, ides xa algo maiores…
É como unha despedida anticipada porque non sabes cando vai chegar o final do ciclo. Non sabemos se o final do ciclo de Zënzar está máis lonxe ou menos, pero seguro que está máis do que estivo… Nós levamos desde o 88. E houbo momentos en que cada un de nós tivo máis e menos ganas de seguir. Pero agora seguimos con máis ganas ca nunca. O que queremos é seguir tocando, pasalo ben tocando xuntos. E cando sae algún bolo ou algún festival, pois mellor.
Por certo, que cando se presentou a celebración do aniversario do rock bravú díxose que foran os pioneiros do rock en galego. Pero vós estabades antes. E outros, non si?
Os Diplomáticos son dos 90 e nós comezamos a finais dos 80. Xa había outra xente, como Korosi Dansas. Nós temos amistade cos Diplomáticos, pero nunca formamos parte do movemento bravú. Nós diciamos que o noso era rock pelouro. Si é verdade que cando estabamos nós eramos catro en catro aldeas. E nos 90 foron moitos máis. Houbo un boom do bravú que animou a moita xente a tocar en galego.
"Nós temos amistade cos Diplomáticos, pero nunca formamos parte do movemento bravú. Nós diciamos que o noso era rock pelouro"
Sempre no corazón parece dedicado a unha filla. Varios de vós tedes nenos...
É unha letra moi persoal de Mario, si. Ao primeiro non quería cantala, non era capaz. Manolo, Mario e eu somos pais.
Algo máis?
Grazas á xente que nos vai ver. Á que ten en conta o rock galego. O rock non é para competir, senón para axudarse e desfrutar. Nós temos a sorte de ter moitos colaboradores, e todos son parte de Zënzar. O que facemos ten sentido por toda a xente que está arredor de nós.