A música galega protesta ante a supresión de 'Planeta Furancho'

Vituco Neira, á fronte de 'Planeta Furancho' © CRTVG

O pasado xoves comezaba a estenderse a información de que a CRTVG decidira suprimir Planeta Furancho, o programa de Radio Galega Música presentado por Vituco Neira que fora nos últimos anos, ao longo de máis de 1.400 emisións un constante apoio para as bandas do país. Tal e como confirmaba o propio Neira, a derradeira emisión de Planeta Furancho será o vindeiro sábado 30 de maio. A supresión chegaba xusto o mesmo día que o director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, salientaba no Parlamento o traballo de difusión da cultura galega realizado polo ente, a través de programas como Luar ou Bamboleo.

A derradeira emisión de Planeta Furancho será o vindeiro sábado 30 de maio

A confirmación da suspensión dun dos poucos programas dedicados á música e á cultura galegas na radio pública de Galicia provocou a indignación entre os oíntes do espazo e, sobre todo, entre os e as integrantes dos grupos musicais, que quedan orfos e orfas dun valioso espazo de difusión e promoción, como anteriormente sucedera con Música dispersa ou Aberto x reformas. En consecuencia, a Federación Galega de Festivais lanzou unha convocatoria de concentración para "mostrar o noso desacordo e esixir repoñer o programa de inmediato por ser o único que apoia e programa música galega". A convocatoria, na que se anima a levar "pancartas, disfraces, instrumentos musicais, potas, pitos, etc." é as 21.30 horas en Bando, San Marcos, ás portas das instalacións da CRTVG.

A Federación Galega de Festivais lanzou unha convocatoria de concentración para este sábado pola noite en San Marcos

A asociación Músicos ao Vivo manifestou por exemplo a súa "máis enérxica condena ante este novo ataque á expresión artística en Galicia", engadindo que "neste planeta que habitamos parece que nos gusta máis destruír, sobre todo se o que albergan eses planetas son formas de vida artística, neste caso musical. Non andamos sobrados de planetas así, e Planeta Furancho, un deses lugares cheos de vida musical, tería que ser espazo protexido". Lembraban, así mesmo, que "foi o programa premiado na pasada edición dos Premios Martín Códax da Música".

De igual xeito, Xosé Manuel Eyré escribiu no seu blog que "o Planeta Furancho é como a cabeza da música galega, a referencia, alí onde nos informamos de quen saca disco, cando son os festivais e quen está neles, así como calquera outra actualidade relativa á música galega sen complexos. E quedamos sen ela agora que se aveciña a tempada forte de festivais e actuacións ao vivo". Eyré animaba a participar na convocatoria lanzada pola Federación Galega de Festivais, "convocatoria para quen teña un mínimo amor polo  propio, pola lingua, pola música, pola cultura de nós", sinalaba.

 

"Altofalante da escena da música cantada en galego"

Vituco Neira: "Tentamos con todo o noso corazón tratar co máximo respecto a todos @s músico@s deste país, ben fosen propostas consolidadas no panorama ou grupos que estaban comenzando a súa andaina"

O texto no que Vituco Neira anunciaba a supresión do programa servía tamén de agradecemento e despedida. Neira explicaba que "tentamos con todo o noso corazón tratar co máximo respecto a todos @s músico@s deste país, ben fosen propostas consolidadas no panorama ou grupos que estaban comenzando a súa andaina pola escena e sempre dentro da nosa idea de dar difusión ás músicas que empregan o galego no seu proxecto. A razón da existencia do furancho foi dar difusión e servir de altofalante da escena da música cantada en galego". 

E destacaba que "foron 1400 noites compartindo con vós a mellor música do mundo e perdemos a conta da xente que se pasou polo programa a falarnos dos seus proxectos, das súas músicas e das súas cousas. Das veces que tivemos música en directo nos nosos estudios. Dos programas especiais que fixemos dende colexios, institutos, festivais, salas de concertos e demais sitios ós que acudimos coa nosa unidade de exteriores".

"A razón da existencia do furancho foi dar difusión e servir de altofalante da escena da música cantada en galego"

"Non somos nós moito de réquiems nin de ir a enterros así que imos rematando esta nota desexándovos moita alegría, moita vida e moita música" -dicía- "O noso agradecemento máis sentido a tod@s @s músic@s que nos encheron de argumentos cada noite coa súa música, a súa palabra e o seu traballo. O mérito foi todo deles". E despedíase dicindo "non sabemos se algún día voltaremos a estar en órbita pero confiamos en que nos botedes un pouco de menos e en que continuedes sintonizando co traballo excepcional e fascinante que están, e sempre estarán, a facer @s músic@s desta terra".

Vituco Neira, á fronte de 'Planeta Furancho' © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.