A XII edición do Festival de Cans, o Cans da ducia, xa ten gañadores e gañadoras. O xurado, formado por Sandra Sánchez, Antonio Mourelos, Avelino González, Nerea Barros, Mercedes Peón, Enrique Otero e Fran P. Lorenzo, acordou, despois do visionado das curtametraxes a concurso e da deliberación, outorgar os seguintes premios:
- Premio do xurado á mellor curtametraxe, cunha dotación de 2.000 € e Can de Pedra, para Curricán, de Álvaro Gago por facer confluír nun mesmo espazo e tempo narrativo un retrato íntimo e tamén colectivo a través dun achegamento poético.
- Premio especial do xurado dos veciños á mellor curtametraxe, dotado cun Can de Pedra, para Disney de Jorge Saavedra, por ser unha historia real e ironicamente divertida e tamén pola naturalidade da interpretación dos protagonistas da curtametraxe.
- Premio do xurado á mellor interpretación feminina, dotado cun Can de Pedra, para Marta Larralde por Disney, por achegar naturalidade e frescura á interpretación dunha situación cotiá.
- Premio do xurado á mellor interpretación masculina, dotado cun Can de Pedra, para Fernando González por Disney, por conseguir unha interpretación axustada e equilibrada dun personaxe aparentemente simple.
- Premio CREA do xurado á mellor dirección, dotado con 300 € e Can de Pedra, para Carlos Martínez-Peñalver por Nocturna, pola súa capacidade de crear unha atmosfera con poucos elementos e por achegar unha mirada propia.
- Premio AGAG do xurado ao mellor guión, dotado con 300 € e Can de Pedra, para The Fetch, de Ángeles Huerta, pola súa autenticidade e por apostar sen complexos por un humor absurdo.
- Premio do xurado á mellor banda sonora, dotado cun Can de Pedra, para Unary de Nico Casal pola súa solidez e a súa intencionalidade narrativa.
- O xurado do XII Festival de Cans quixo facer ademais unha mención especial a M is for Melon de Luis Solarat pola súa visión transgresora da sexualidade falocéntrica contemporánea. Asimesmo, o xurado tamén quixo facer mención especial a Ula de Alejandra Sotelo pola capacidade de facer unha peza artística dende unha mirada sorprendente.
- O premio do público, cunha dotación de 2.000 € e Can de Pedra, foi para Deber, de Ángel Manzano.
Concurso de clips
O xurado de videoclips, formado por Hendrik Röver, Ángel Sánchez, Tati Moyano e Juan Rivas, decidiu conceder o premio ao mellor videoclip, dotado con 300 euros e Can de Pedra, ao tema Magma y Trueno, de Guerrera, dirixido por Adrián González e Rafael Pérez, por conseguir un equilibrio perfecto entre a proposta estética e a música e por crear un ambiente cativador ao mesmo tempo que transmite a inquietante espesura da música a través dunha proposta moi arriscada pero efectiva. O premio do público ao mellor videoclip, dotado con 300 euros e Can de Pedra, recaeu en Floating, de Mequetrefe, dirixido por Xaime Miranda Méndez