O (S8) Mostra de Cinema Periférico chega á súa sexta edición, consolidado como un encontro de prestixio internacional, que ano tras ano ofrece unha boa cantidade de alfaias cinematográficas, contando coa presenza de destacados autores do cinema experimental e de vangarda, achegando filmografías nacionais pouco coñecidas e, sobre todo nesta edición, servindo tamén de escaparate para os novos e novas creadoras galegas. A mostra espallarase pola Coruña a vindeira semana, do 3 ao 7 de xuño, pero xa o domingo ofrecerá un moi atractivo anticipo, a proxección no Teatro Colón da recentemente restaurada O Gabinete do Doutor Caligari, coa interpretación en directo da banda sonora do filme, a cargo de Eunice Martins. Ademais, a vindeira semana serán protagonistas o cinema experimental brasileiro, Ken Jacobs -un dos máximos expoñentes da vangarda estadounidense-, así coma Xacio Baño -a que se lle dedicará unha retrospectiva- e o novo cinema galego.
"As estrelas do (S8) son as películas", salienta Ángel Rueda, director da mostra, incidindo na filosofía que vén conducindo o festival dende o seu nacemento. "Non estamos buscando unha fórmula efectiva, estamos constantemente preguntándonos cousas, explorando o carácter do cine como creación colectiva. Queremos aprender cousas, que os filmes nos sorprendan. Non lle dicimos a ninguén o que hai que ver, senón que queremos sobre todo abrir o espazo, dende unha perspectiva do cinema como algo en progresión", explica. "Sempre quixemos que o festival crecera pouco a pouco, nunca quixemos crear un monstro ingobernable, senón que o básico para nós é fortalecer unha idea", engade.
O Gabinete do Doutor Caligari
A obra mestra de Robert Wiene, filme pioneiro da vangarda mundial e máximo expoñente do expresionismo alemán, poderase ver como nunca antes se vira en España, grazas a unha soberbia restauración que recupera ao fin a súa metraxe íntegra e os pigmentos orixinais cos que foi coloreada a man en 1920. Ademais, a banda sonora da versión restaurada do filme, composta e interpretada en directo ao piano por Eunice Martins, será a guinda que converterá esta proxección nun evento único.
Ver unha obra muda de vangarda de principios do século XX coma se tivese sido filmada onte mesmo "potencia, se cabe, a percepción da súa modernidade e a súa forza, ao tempo que a fai máis próxima", destaca Ángel Rueda, que salienta a oportunidade de poder amosar unha obra deste tipo na apertura da mostra: "Unha das esencias do S8 é entender o cinema como ferramenta de transformación social. E é así como funcionou no seu momento, por exemplo a través de filmes coma este. Xa hai anos fixemos proxeccións deste tipo con Metrópolis ou con filmes de Méliès". "Sempre pensamos que o cinema na súa orixe era en branco e negro e mudo, e para nada, o domingo poderemos ver esta película como se viu e escoitou nos anos 20, sendo conscientes do seu carácter rompedor", engade.
Brasil, protagonista
O (S8) dedica unha completa programación ao cinema brasileiro de vangarda, a través de autores coma Glauber Rocha, Nelson Pereira dous Santos (líderes do Cinema Novo) e Rogério Sganzerla, parte do chamado cine marxinal producido en Boca de Lixo. O (S8) traerá a Coruña á viúva de Glauber Rocha, Paula Gaitán, que presentará no festival as súas últimas creacións. Ademais, poderemos ver mostras dos traballos máis arriscados de produción contemporánea coa participación do colectivo Distruktur (residentes en Alemaña e co-fundadores de LaborBerlin) e do Duo Strangloscope. Por último, Marcos Bertoni, fundador do movemento Dogma 2002 e máximo representante do Super 8 brasileño, visitará a sexta edición do (S8) para demostrar como se pode facer cine de reciclaxe cos seus colaxes de found footage en pequeno formato.
"Queremos abrir esta oportunidade para que os nosos creadores e creadoras vexan as coincidencias e oportunidades que os ligan cos autores e autoras brasileiras"
"Había tempo que tiñamos en mente dedicarlle a mostra a Brasil, primeiro polas evidentes conexións que ten con Galicia, segundo porque é unha potencia cultural, e tamén porque queremos abrir esta oportunidade para que os nosos creadores e creadoras vexan as coincidencias e oportunidades que os ligan cos autores e autoras brasileiras", di Rueda. A programación fará un percorrido histórico pola cinematografía brasileira, dende Límite (1931), de Mario Peixoto ata a selección titulada Paraíso do concreto, que agrupa filmes realizados entre 2008 e 2015, nos que destaca por exemplo a obra de Ana Vaz, "próxima ao que fai aquí Lois Patiño, por exemplo. Interésanos establecer e amosar esas conexións", salienta Rueda.
Ken Jacobs
Pola mostra pasará unha das figuras máis importantes do cinema de vangarda, en activo dende finais dos anos 50: o neoiorquino Ken Jacobs. Coa influencia de cineastas como Jonas Mekas e Jack Smith, Jacobs conduce o cine máis alá do propio cine. O programa percorre dende os seus primeiros traballos con Smith ata os seus experimentos co 3D, con proxeccións que acollerá o CGAI. A participación Jacobs no (S8) completarase con dúas performances e cunha masterclass que terá lugar o sábado 6 de xuño.
"Un momento excepcional para o cinema galego"
A sexta Mostra de Cinema Periférico da Coruña poñerá o acento no cine galego máis suxestivo cunha selección que supera a vintena de obras (entre curtametraxes e longametraxes) coa presenza doutros tantos realizadores entre os que figuran: Eloy Domínguez Serén, Ángel Santos, Alberte Pagán, Carla Andrade, Xiana Gómez Díaz, Diana Toucedo, Lucía Vilela, Helena Girón, Samuel M. Delgado, Jaione Camborda, Juan Lesta, Belén Montero, Miguel Mariño e Otto Roca. Así mesmo, a mostra dedicaralle un foco especial a Xacio Baño (Xove, 1983), cuxas curtas deron a volta o mundo, pasando por festivais de prestixio como Locarno, Clermont-Ferrand, Mar del Plata ou Busan, con premios en Las Palmas, Málaga, Albacete ou o Shnit Film Festival suízo. Na Coruña poderán verse Estereoscopia, Anacos e Ser e Voltar, ademais doutros dous traballos de recente creación: Ai Capitán (2014) desenvolvido dentro do proxecto Nimbos, e Xolpor (2014), realizada grazas á iniciativa Chanfaina'Lab.
"O cinema galego está a vivir un momento excepcional" -salienta Ángel Rueda- "E está moi ben que as súas obras se vexan en Locarno ou Nova York, pero nós tamén queremos que o público de aquí vexa as súas obras e os coñeza". Nese senso, haberá tamén un encontro de Xacio Baño e de Ángel Santos co público, o venres 5, no que os dous autores falarán dos seus procesos de creación e dos seus novos proxectos.
Ademais, o festival festival acollerá a estrea mundial da película Volontè, obra colectiva realizada en Galicia que retrata a reunión, tras un ano de inactividade, do grupo de improvisación sonora experimental e noise do mesmo nome. Despois da proxección ofrecerase un concerto e un film-performance. De igual xeito, Marcos Nine presentará ao público coruñés o seu documental El viaje de Leslie, seleccionado na competición de non ficción da pasada edición do Festival de Cine de Málaga.
"Dende o (S8) queremos contribuír a esa creatividade e a ese crecemento do cinema galego; son varios os directores que nos dixeron que algunhas das súas obras naceron despois de ver algún filme aquí"
"Ademais da calidade dos autores e autoras galegos" -subliña Rueda- "tamén o público galego está cada vez mellor formado e ten máis interese polo cinema". Rueda salienta que "dende o (S8) queremos contribuír a esa creatividade e a ese crecemento do cinema galego e, modestamente, sentímonos moi orgullosos diso; son varios os directores que nos dixeron que algunhas das súas obras naceron dalgún xeito despois de ver algún filme aquí, ou dalgún dos encontros que organizamos con creadores consagrados". "Estanse facendo cousas moi boas aquí, e pásanos moito que imos a algún festival fóra de Galicia e fóra de España e a xente pregúntanos 'pero que é o que está pasando en Galicia?' e é certo, é algo do que podemos presumir", di. "Ademais" -conclúe- "creo que é importante sinalar a numerosa presenta de autoras, de directoras. Non é algo buscado, senón simplemente un reflexo da realidade".