Ser “de ideas políticas de avanzado izquierdismo republicano”. Ou “decidida partidaria de la coeducación”. Ou “prohibir que se enseñase a las niñas las grandes gestas bélicas de nuestra historia” ou non reprimir os seus “impulsos primarios de la naturaleza” para evitar que tivesen “conversaciones obscenas”. Con estas e outras semellantes acusacións, a mestra María Barbeito foi apartada do seu posto nas Escolas Nacionais da Guarda no ano 1936. Os golpistas decidían, así, prescindir da que fora unha das grandes pioneiras da renovación pedagóxica en Galicia e no Estado para abrir paso a un retroceso de décadas no sistema educativo. E é que Barbeito non era só defensora dun ensino público e laico no que se mesturasen todas as clases sociais. A súa propia traxectoria profesional desafiaba o confinamento nas “labores del hogar” que o franquismo decretara para as mulleres. Ana Romero Masiá vén de publicar a súa biografía: María Barbeito. Unha vida ao servizo da escola e dos escolares (1880-1970), (Baía edicións).
Sabiamos de María Barbeito por As precursoras de Aurora Marco ou polo álbum das mulleres do Consello da Cultura… mais non tiñamos unha biografía completa. Como foi o traballo de documentación?
Ela era unha muller moi organizada e a familia cedeu, ademais, a súa documentación ao Arquivo do Reino de Galicia. O problema era máis ben seleccionar, dar forma de biografía a tanto documento. Na prensa tamén hai moita información sobre ela. María Barbeito tiña claro que tiña que dignificar o ensino público. Por iso, cada vez que organizaba algo, chamaba a prensa. Tamén se movía nun ambiente culto: pertencía a unha familia acomodada e iso facilitáballe o acceso aos medios. Non é unha muller descoñecida: na Coruña hai unha rúa e un colexio que levan o seu nome… Pero faltaba unha biografía un pouco ampla. Ese foi o meu obxectivo ao escribir este libro. Acababa, ademais, de rematar a biografía de Xaime Quintanilla, que escribín con Carlos Pereira. Comecei a traballar na de María Barbeito e era tan sorprendente todo o que facía…
Se cadra tamén é unha maneira de reivindicar as mestras republicanas. Das que sabemos menos que dos mestres.
Ela está feliz cando chega a República porque, claro, os seus proxectos educativos son moi ben acollidos. Pero nunca estivo afiliada a ningunha organización política. Como directora que era, pensaba que non debía decantarse politicamente. Aínda que é evidente que participaba do espírito republicano, que era o da Institución Libre de Enseñanza. No 33, ademais, convocouse un concurso-oposición para cubrir dez prazas de mestre-inspector en toda España. E ela gañou unha desas prazas. A partir diso está pletórica: é aínda máis activa. No ano 35 consegue unha bolsa para viaxar por Europa e ao retornar dá conferencias para difundir o que aprendera: a derradeira delas, o 15 de xullo do 36. Uns días despois estaba separada do seu traballo na escola e de todos os seus cargos. Non ten nin chave para entrar. A María Barbeito non a fusilaron, pero afastala da escola foi como matala en vida. Tiña tantos proxectos, tantas ideas… E tivo que ver o brutal retroceso imposto no ensino polo franquismo.
En que sentido foi unha renovadora desde o punto de vista pedagóxico? Aplicaba, por exemplo, o método de ensino por proxectos de Kilpatrick ou os centros de interese de Decroly, que aínda se explican hoxe como parte da pedagoxía “moderna”, fronte á concepción tradicional da mesma.
"Saía hai pouco na prensa que un colexio da Coruña ía renovar o ensino co método por proxectos. E eu pensaba: pois que vaian aos arquivos de María Barbeito, que está todo alí moi ben explicado…"
Saía hai pouco na prensa que un colexio da Coruña ía renovar o ensino co método por proxectos. E eu pensaba: pois que vaian aos arquivos de María Barbeito, que está todo alí moi ben explicado… Ela foi unha renovadora en todos os aspectos. A segunda experiencia de aplicación do método Montessori que houbo en España púxoa en marcha ela, só uns meses despois de Barcelona, e eu creo que non foi antes porque por motivos burocráticos os materiais, que viñan de Italia, quedaron retidos no porto por un tempo. María Barbeito coñece a todos os renovadores da pedagoxía do momento. Pon en práctica os seus métodos e adáptaos á realidade galega. Había excursións de mestres que ían ver como ela traballaba. Era unha persoa moi valorada socialmente. Aplicaba xa o método por proxectos, deseñou un método de lectura global… É incrible a capacidade de traballo que ten. Multiplicábase, realmente. Tamén tivo moita actividade benéfica… Organizou, por exemplo, a Festa da Flor, precedente da actual “bandeiriña”...
Escolleu destino na Escola Nacional da Guarda, que dirixiu. Que cambios introduciu nela?
Antes de que se introducise o ensino por graos por lei, ela xa estaba pelexando por iso, por organizar o alumando por niveis. Tamén lle daba moita importancia á música ou á educación física, por exemplo. Ela mesma debuxaba as táboas de exercicios. Cada cousa que facía era novidosa. E iso xeraba apoios e tamén críticas. Cando organizou a Festa da Flor, por exemplo, a prensa ultracatólica criticouna moito por poñer a “señoritas” a “molestar” os viandantes…
Ela defendía, de feito, unha escola laica. E iso amolaba a Igrexa. Tamén defendía a mestura de clases sociais. Dúas cuestións que aínda hoxe non están resoltas: o debate sobre se subvencionar a escola privada, ou a reticencia de moitos pais e nais a que os seus fillos se mesturen cos fillos dos pobres.
"Ela defende unha escola laica e pública, para todas as clases sociais. Se resucitase quedaría abraiada de que aínda haxa que loitar por certas cousas…"
Ela defende unha escola laica e pública, para todas as clases sociais. Se resucitase quedaría abraiada de que aínda haxa que loitar por certas cousas… Acusárona de quitar os crucifixos da escola, pero ela o único que facía era cumprir a lei. Non é anticlerical, non está en contra da Igrexa. Pero é laica. E non lle interesa nada crear conflitos: só facer o seu traballo.
E o seu traballo e os seus cargos xerarían algunhas envexas…
Houbo inspectores que tentaron boicoteala. Tivo que pelexar pola zona na que quería traballar: reclamar… Pero ela tiña do seu lado a lei e a razón. Mais claro, as envexas seguiron e, de feito, de onde procederon as denuncias no 36 foi da inspección e dunha mestra que fora compañeira súa.
Foi apartada do seu traballo pero non totalmente esquecida. Fixéronlle homenaxes en vida.
"Pasaran polas súas mans moitas xeracións e era unha persoa moi respectada. Eu creo que por iso non a fusilaron"
Cando cumpriu 80 anos foi felicitada pola prensa e na súa casa pola corporación da Real Academia Galega e por unha representación da Reunión de Artesáns. E o mesmo cando cumpriu 90. Tamén recibiu a Medalla de Ouro da Cruz Vermella Española como iniciadora das colectas nas rúas coa Festa da Flor. Faleceu en 1970. Pasaran polas súas mans moitas xeracións e era unha persoa moi respectada. Eu creo que por iso non a fusilaron. Na RAG foi membro correspondente.
A súa posición sobre o galego non é moi adiantada desde a perspectiva de hoxe, pero quizais si para a época…
Pensa cantos defenderon o galego en castelán… Non é que se poida dicir que fose unha comprometidísima galeguista, aínda que está, por exemplo, no proxecto de Estatuto que redactou o Instituto de Estudos Coruñeses. Pero si defende que os mestres falen galego cos nenos na escola e sobre todo no rural. Entende as linguas como instrumentos de comunicación e quere que os alumnos aprendan galego e castelán. Xa no ano 12 defende o sufraxio feminino… Si que era unha muller adiantada para o seu tempo.
E dicía que era feminista pero non “revolucionaria”...
Defendía que a muller tiña os mesmos dereitos que o home. Era moi reivindicativa nese aspecto, coa palabra mais, sobre todo, cos feitos. Porque era directora, mestra, escritora… Demostraba día a día que a muller podía e debía estar.
En canto ao seu labor social, desde hoxe pode verse como caridade, beneficencia dunha muller burguesa. Mais faltaba tempo para que se pasase da mentalidade da caridade á dos dereitos sociais. E que había nenos ían con fame á escola era unha realidade… que agora volve repetirse, ademais.
"A beneficencia é o que queda cando non hai un Estado que protexa"
E que pase agora é moito máis grave porque a sociedade ten outros recursos. Ela ten claro que o primeiro é dar de comer aos nenos, vestilos e calzalos. Ademais, era unha maneira de atraelos para que fosen á escola. A beneficencia é o que queda cando non hai un Estado que protexa.
E defendía a coeducación. Nenos e nenas xuntos.
Ela era directora de párvulos e da escola de nenas. Defendía a coeducación pero non puido poñela en práctica. Animou a outros mestres a facelo, pero o goberno do 34 paralizou o proxecto. Por iso cando falamos dela como republicana temos que ter isto en conta: non é igual o primeiro que o segundo bienio.
Era admiradora de Concepción Arenal e creou unha asociación para axudar os presos…
Xa seu pai era admirador de Concepción Arenal. Ou o alcalde Manuel Casás, co que tivo moi boa relación. Hai cartas moi emotivas de presos que lle piden axuda ou que lle agradecen as súas xestións. Ela pedía a quen fixese falta: un billete para volver á casa, uns zapatos… Como era unha muller de boa posición e non pedía para ela… Outro detalle importante é que nunca asinou co nome do marido. Como “señora de”. O seu marido era un home como tiña que ser, que sempre a apoiou. Pero ela era ela. Unha muller cun prestixio social, que nunca está de florón. Sempre traballa. Non está para figurar.
E colabora coas asociacións republicanas máis importantes. A Agrupación Republicana Femenina, por exemplo. E mestras republicanas coma ela houbo máis...
Como dicía antes, non está afiliada pero si colabora: presenta conferenciantes, dá conferencias… Si que houbo máis mestras, pero temos que rescatalas. As mulleres eran moito máis invisibles na prensa. María Barbeito si sae na prensa, e non porque lle guste saír nas fotos. Ela cando organizaba algo convidaba a prensa para que se coñecesen os seus proxectos. E convidaba as autoridades para pedirlles que os financiasen.
O prego de cargos contra ela é delirante. Acúsana, por exemplo, de non conter os impulsos sexuais das nenas ou de prohibir que se lles ensinen as xestas bélicas españolas. Acúsana de “comunistoide”... Mais que molestou máis, que fose de esquerdas, ou muller que contraviña o rol tradicional feminino?
"Ela chocou con todo o que o franquismo representaba. Estaba claro que estaba condenada desde o primeiro minuto do golpe do 36"
Non é só o dela. Ese tipo de discursos era o habitual nos escritos de acusación do franquismo. Ela chocou con todo o que o franquismo representaba. Estaba claro que estaba condenada desde o primeiro minuto do golpe do 36. Pero querer educar as nenas en igualdade e liberdade debeu ser un punto fundamental do proceso contra ela. Despois de ser apartada da escola refuxiouse na tradución. A prensa fixo críticas eloxiosas do seu traballo de tradutora. Fora unha muller tan activa… é difícil imaxinala na casa. Cando falei coas súas netas, non sabían o importante que fora a avoa. Foi ese silencio terrible que se impuxeron moitas persoas represaliadas polo franquismo…
Xa dis no libro que non foi unha grande teórica, pero si unha mestra con moito sentido pedagóxico. Que se preocupou moito de formarse…
Era moi lectora. Parte da súa biblioteca persoal está na Biblioteca Municipal de Estudos Locais da Coruña. Antón Costa, que escribiu o prólogo da miña biografía, quedou abraiado ao vela: tiña as primeiras edicións dos libros de pedagoxía máis importantes da súa época. Estaba ao tanto do que se editaba en Europa, estaba subscrita ás mellores revistas… e logo adaptaba á realidade galega todo o que lía.