Dende que Aute cantaba aquilo de "Cine, cine, cine, más cine por favor, que todo en la vida es cine y los sueños, cine son" pasaron moitas cousas no mundo audiovisual, tanto a nivel tecnolóxico coma nos hábitos dos espectadores e tamén na estrutura económica deste negocio. Pódense buscar as causas nas descargas ilegais, nos home cinemas, na redución da oferta pola presión das grandes distribuidoras, no forte incremento do prezo das entradas, na suba do IVE ou nunha nova xeografía das salas, con menos cinemas (sobre todo nos centros das cidades) e máis multisalas no interior dos centros comerciais. Pero os datos son teimudos e ano tras ano veñen amosando dende hai tempo unha caída constante do número de espectadores e espectadoras e, ligado a isto, unha diminución do número de cines e -na última década- da cantidade de salas.
O Ministerio de Cultura publicou este xoves os datos da Estatística de Cinematografía correspondente a 2014, que en Galicia confirman as tendencias apuntadas nos últimos anos. O pasado ano incrementouse, iso si, o número total de espectadores e espectadoras no noso país, dende os 3 millóns de 2013 (mínimo histórico) ata os 3.6 millóns, que en todo caso seguen por debaixo dos datos de 2012 ou 2011 e se sitúan moi lonxe dos resultados que se rexistraban hai tan só dez anos (5.9 millóns en 2004).
En Galicia imos pouco ao cine. Aínda que as cifras do conxunto de España seguen tendencias moi semellantes ás galegas (tamén rexistraron en 2014 un incremento despois de anos de caídas), a media de asistencia ao cine por habitante é en Galicia (1,3) moi inferior á media estatal (1,9) e así leva sendo dende o ano 2000. De feito, Galicia só supera neste indicador a Estremadura (1) e Castela-A Mancha (1,2), encabezado por Madrid, Cataluña, Euskadi, Navarra ou Baleares, por riba das dúas entradas mercadas por habitante e ano.
As diferenzas acúrtanse no que respecta ao número de espectadores e espectadoras por sala, 21.251 en Galicia e 23.781 no conxunto do Estado. E é que en Galicia hai poucas pantallas, en comparación con outras comunidades autónomás. E, de feito, cada ano hai menos. Nos anos 90 e no comezo da primeira década deste século a tendencia era pechar cines no centro das cidades e vilas (algúns deles históricos) e a abrir multisalas, as máis das veces en centros comerciais situados no extrarradio e, ademais, xestionados polas propias distribuidoras, o que implicou un empobrecemento da oferta.
No ano 2000 había 66 cines en Galicia, hoxe hai 35, case a metade
No ano 2000 había 66 cines en Galicia, hoxe hai 35, case a metade. A maior parte pódense consultar no completo Inventario de Cines de Galicia elaborado pola Fundación Barrié. O número de salas si se incrementou (pola apertura destas multipantallas) e pasou dende as 161 do ano 2000 ata un máximo de 213 cinco anos máis tarde. Porén, ese foi o máximo histórico, iniciando daquela un descenso case que ininterrumpido, e acadando hoxe a cifra de 170. Isto representa 6,2 salas de exhibición por cada 100.000 galegos e galegas, un ratio por debaixo da media española (8) e lonxe das 12 salas de La Rioja, 11.5 de Navarra e 10 de Cataluña. Tan só Estramadura (4.6) presenta unha cifra inferior á galega.
"Teñen máis relación no descenso de espectadores os continuos incrementos no prezo das entrada xunto coa aparición de novas salas multiplex e a súa programación acordada polas majors ou distribuídoras con capital eminentemente estranxeiro"
A finais de 2013 a Federación de Cineclubes de Galicia publicou un informe no que alertaba da constante caída no número de espectadores e espectadoras e no que sinalaba que "como se demostra na festa do cine o problema fundamental non é, soamente, a piratería, nin a suba espectacular do IVE (aínda que contribúen)", senón que "teñen máis relación no descenso de espectadores os continuos incrementos no prezo das entradas nun periodo de forte recesión económica e laboral, xunto coa aparición de novas salas multiplex e a súa programación acordada polas majors ou distribuídoras con capital eminentemente estranxeiro, que deben repartirse un público que diminúe". Tamén engadían algúns outros motivos "subxectivos", coma a "pouca variedade ou calidade na grella cinematográfica, unicamente enfocada a públicos non formados, de consumo rápido, irreflexivo; con pouco respecto á producción propia e alonxada das pequenas producións".
00 | 01 | 02 | 03 | 04 | 05 | 06 | 07 | 08 | 09 | 10 | 11 | 12 | 13 | 14 | |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Salas | 161 | 180 | 193 | 193 | 198 | 213 | 205 | 186 | 170 | 175 | 173 | 182 | 190 | 184 | 170 |
Cines | 66 | 65 | 64 | 56 | 55 | 55 | 50 | 43 | 40 | 39 | 38 | 37 | 38 | 38 | 35 |
Espectadores/as | 5.3 | 5.8 | 5.5 | 5.6 | 5.9 | 5.1 | 4.6 | 4.1 | 3.9 | 4.2 | 3.7 | 3.7 | 3.8 | 3 | 3.6 |
Número de cines, salas e espectadores/as (en millóns) en Galicia. Fonte: Ministerio de Cultura
Número de espectadores de cine en Galicia (2000-2014). En millóns